publicidade hoxe
María Mera: “Non teño moito que ver con Vanesa Viaño, son unha persoa sinxela” - Cabecera

María Mera: “Non teño moito que ver con Vanesa Viaño, son unha persoa sinxela”

 Maria Mera

SMaria Merainxela, responsable e aínda que nas fotos adoitemos vela co xesto serio, moi risoña. Así se define María Mera. Detrás deses grandes ollos e dunhas medidas de impresión, hai tres carreiras universitarias, infinidade de cursos e formación complementaria, unha experiencia laboral que non queda só no interpretativo e sobre todo, soños. Moitos soños. O máis importante? O de poder traballar do seu, e facelo, a ser posible, sen ter que marchar de Galicia.

Maria MeraNome e apelidos:  María Mera Constenla

Un lugar: calquera praia

Un hobby: patinar

Unha comida: sushi

Unha virtude: forza de vontade

Un defecto: testana

Un soño: poder traballar do que me gusta para sempre

Para situarnos María, que andas a facer? En que andas metida nestes momentos?

Acabo de rodar a primeira tempada da serie “O Faro”.  E en nadiña estarei en Madrid rodando unha película que se chama “Sicarius, la  noche y el silencio” .

Se miramos cara atrás, os teus primeiros pasos no mundo do “espectáculo” foron a través dun concurso de beleza, non? Como foi aquilo? Querías ser modelo ou foi casualidade?

Tiña 16 anos, non tiña nin idea dese mundo nin me interesaba moito, pero é verdade que a raíz de gañar ese concurso pois fun coñecendo máis o mundo do espectáculo. Pero todo comezou sen ningunha intención, era un hobby..

Cando che aparece a vena interpretativa? Cando descobres que te queres dedicar a isto?

Pois tiven a oportunidade de traballar de figurante nalgunhas series e foi aí cando me chamou a atención o traballo dos actores. Recordo que absorbía cada detalle que  facían, encantábame miralos. E así foi como tomei a decisión de estudar arte dramático, que foi cando realmente descubrín  que iso era ao que me quería dedicar.

Malia todo estudaches tamén outra carreira, supoño que un pouco por asegurar… Ou por que te obrigaron na casa? (Risas)

Non, na miña casa nunca me obrigaron a nada. Sempre fun moi, moi responsable. É certo, antes de Arte Dramático xa estudara Turismo, pero tampouco por asegurar… 

E por que Turismo?

Cando rematei a ESO, non tiña nada claro o que quería estudar, pero como me gustaban moito os idiomas, viaxar e a atención ao público, pareceume o máis axeitado. Cando teño a oportunidade, compaxino o meu traballo de actriz co do mundo do turismo.

E despois, hai pouquiño ademais, ves de rematar Xornalismo. Como é que decidiches coller os libros de novo? 

Maria MeraEn realidade, nunca deixei os libros. Eu nunca deixei de estudar, é algo que me gusta. Remato unha cousa e comezo outra. Sempre estudei e traballei ao mesmo tempo. O que si, decidín sacar a carreira de xornalismo, porque me parece un complemento perfecto para a miña profesión, tiven a sorte de poder presentar algúns programas e daquela, a formación é algo que me avala.

Ademais tamén recibiches formación no senso da interpretación, e ollo! Porque se rebuscamos un pouco no teu currículo atopamos cursos que van dende o Cabaret, ata a Acrobacia Circense, pasando pola esgrima e a loita escénica… Ti me dirás… (Risas)

Precisamente, todo iso completa máis a un actor. Cantas máis artes escénicas saiba un, máis posibilidades de traballo vas ter, e mellor preparado vas estar. Así que eu intento non perder moito o tempo, e prepararme no que podo.

“En realidade, nunca deixei os libros. Eu nunca deixei de estudar, é algo que me gusta. Remato unha cousa e comezo outra”

Dentro do mundo da interpretación, o teu gran salto foi dende logo Matalobos. Que supuxo esta serie para ti? A nivel profesional tivo que ser un máster… Acelerado ademáis!

Por suposto, foi a miña mellor escola. Aí puxen en práctica todo o que estudara nas escolas, cos cursos, etc… E cámbiache o conto! A personaxe de Vanesa Viaño foi un gran regalo para min, o longo desas cinco tempadas aprendín moitísimo. Ademais a evolución da personaxe foi tan grande, pasábanlle tantas cousas, que con ela tiven a sorte de estar en moitas e variadas situacións, que foi o que me fixo aprender e medrar como actriz.

Maria MeraE a nivel persoal?

A nivel persoal,  pois tamén me fixo cambiar, porque madurei como profesional, e polo tanto tamén como persoa. Sobre todo, o que me deu Matalobos foi seguridade.

O papel de Vanesa Viaño tampouco era nada fácil para comezar, resultouche complicado? Tes dito nalgunha ocasión que esa imaxe sexy e rebelde de Vanesa non ten nada que ver con María… Como é María Mera?

Era unha personaxe moi arriscada, por todo o que tiña que vivir, por toda a evolución que tiña. Ao primeiro foi difícil, pero eu dei todo de min dende o minuto un que entrei no plató a rodar a serie. Tiña ganas e ilusión. Por suposto, eu non teño moito que ver con Vanesa Viaño, son unha persoa bastante sinxela, moi espontánea, responsable e  gústame moito rir.

“Se teño que dicir un papel que me gustaría interpretar… Un coma o de Hilary Swank en “Million dollar baby”

E se falamos de teatro e de cine, que me dis? Onde te atopas máis cómoda?

Pois en televisión, porque é no que máis traballo. Pero se tivera a oportunidade de traballar máis en teatro ou en cine pois estaría máis cómoda neses ámbitos. Supoño que como en todo, canto máis coñeces un medio máis cómoda te sentes.

Maria MeraA cal dos papeis que tes interpretado ata o de agora lle gardas mais cariño?

A Vanesa Viaño, en Matalobos. Por todo o que regalou.

E cal é ese papel que estás agardando? Ou ese director que desexarías escoitar ó descolgar o teléfono?

Ufff! Agardo por moitos e moi variados, pero por dicir un, pois un coma o de Hilary Swank en “Million dollar baby”

Por outra banda María, vímoste en moitas ocasións tamén como presentadora, outro xeito de interpretar? Gústache iso de coller o micro?

Si, claro que me gusta. Por iso tamén estudei Xornalismo. Para min non é tanto interpretar, porque cando presento son eu, María, non estou facendo ningún papel. O que si é certo é que, tanto para presentar como para actuar, o que fai falta é saber comunicar, que o que digas chegue ao público.

Maria MeraComo ves o futuro? Como parte dunha nova xeración de actores galegos, como dirías que está o audiovisual galego nestes momentos?

Está claro que a crise afecta ao Audiovisual e a todos os sectores, o problema do noso é que durante moitos anos medrou a base de financiamento público e non polo desenvolvemento profesional do sector. Dentro destas axudas, mesturáronse os “amiguismos” para mover un sector que hoxe por hoxe perdeu máis do 60% das produtoras que tiña. Son poucas as que lograron profesionalizarse e sobrevivir. Ao audiovisual galego faille falta máis unidade para demostrar o noso potencial fóra de Galicia. Hoxe sacar un proxecto de ficción en Galicia, tanto en formato de serie para televisión como de cine, é unha fazaña, e o pouco que se consigue non da traballo a toda esta xeración de actores que quedou paralizada.

Tras coñecer os nomeados aos Premios Mestre Mateo deste ano, algún actor xa amosou o seu descontento, que opinas sobre o tema?

Súmome a eses actores que mostraron o seu descontento. Como en todos os premios nunca chove ao gusto de todos, e sempre hai  unha polémica latente. O problema dos Mestre Mateo, é que durante os últimos anos converteuse nunha institución manexada por uns poucos onde parecen ter máis importancia os “amiguismos” (máis do mesmo!) que o traballo realizado. Por iso aplaudo a eses actores, que pese a estar nomeados, recoñeceron que son uns premios que perderon o seu valor profesional.

“O problema dos Mestre Mateo é que se converteu nunha institución manexada por uns poucos onde parecen ter máis importancia os amiguismos que o traballo”

Pois non será por nivel, porque nivel dende logo hai, non? É un sector no que en Galicia hai moito talento…

En canto a actores, si que hai moito talento, o que pasa é que moitos teñen que ir fóra para demostralo….

Barallas a posibilidade de marchar? Gustaríache probar sorte fora?

Se tivera traballo aquí non marcharía a ningures… Gústame Galicia, gústame o galego e gústame estar preto da miña xente. Pero dende logo tal e como funcionan aquí as cousas… Todo apunta a que marcharei algún día.

E xa para rematar, María, proxectos de futuro? Como se presenta o 2014?

Pois polo de agora, como ben dis, todo queda en proxectos…  Espero que algún se faga firme en breve. Desde logo eu teño moita ilusión posta neste ano, espero que sexa un ano de cambios. Son tempos difíciles pero aínda así estou traballando para ter sorte e seguir facendo o que me gusta.

Maria Mera

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 14 de Marzo do 2014 | 5:14 p.m.

Outros temas de Plató Aberto