publicidade hoxe

Xil Ríos e o “Giraré” que puido ter ido a Eurovisión

Xil RíosAínda que pareza que estamos de broma, non se equivoquen. O “Xirarei” de Xil Ríos, esa canción que resulta imposible escoitar sen arrincarse a botar un baile, estivo a piques de ir a Eurovisión. Tanto foi así, que Xil chegou a ir a Madrid para facer a versión en castelán. Iso si, el mesmo recoñece que aquilo soaba raro, raro… Desta e doutras anécdotas da súa vida falamos con este músico do social.

Xil Ríos

Nome: Xosé Antón

Xil Ríos

Idade: 65 anos

Domicilio: natural e

residente de Moaña

Cando e como empezaches nesto da música?

Eu empecei a nivel profesional no ano 71 nun festival que se facía en Vigo, chamábase Festival Dorna e Festival Baía de Vigo. Era para grupos e para solistas e eu quedei de segundo en solistas. Foi aí cando arranquei. Ó ano seguinte, no 72 empecei a gravar, no 73 gañei o Festival do Miño en Ourense e a partir de aí firmei na multinacional e a partir de aí foi a miña historia profesional.

Ou sexa que, como moitos, empezaches cun concurso…

Si, cun festival. Realmente eu xa cantaba, porque eu cantaba nunha coral, e mesmo xa antes da coral. Había un señor aragonés en Moaña que fundara unha rondalla que se chamaba precisamente “Maño galega”… Así é que eu estiven no mundo da música xa dende que nacín. Nacín cantando como dicían os vellos (risas).

Acórdaste da primeira vez que fixeches algo para o público? A primeira vez que actuaches?

De cara ó público precisamente nesa rondalla, porque actuabamos en cines e en teatros. Éramos amateurs pero estabamos diante do público, en cines abarrotados de xente… Cantando cousas da tuna, e tamén xotas aragonesas por influencia daquel señor, todo tipo de música.

Son moitos anos xa de traxectoria, de carreira, de ruta por Galicia, algún concerto, actuación ou lugar que recordes con especial agarimo?

Houbo moitos. Tes moitísimas anécdotas ó longo da túa vida. Eu me lembro moito daqueles festivais de música galega que se facían en Vigo, en Castrelos. Aqueles festivais eran preciosos e íamos case todos os artistas que había na música galega. E despois tamén as actuacións por todas as aldeas de Galicia., sobre todo as que facías en pubs e discotecas pequenas que eran moi agradables. Hai un sitio no que eu cantaba en Cangas, un clubXil Ríos, que era moi acolledor, collías o micro e ías polo medio das mesas, era moi agradable cantar para a xente estando tan cerquiña.

De Xil Ríos, quen non coñece o “Xirarei” ou “Rapaciña Bonita”, a que canción lle tes máis cariño?

Posiblemente a primeira canción que compuxen, “Nosa Galicia”. Aquel tema que dicía “cando penso neses fillos que están polo mundo adiante traballando…” E despois a cara B dese tema era “Aos meus amigos”, un tema que dediquei a toda a xente mariñeira. “Nosa Galicia” foi un tema que dediquei ós meus pais, eu son fillo de emigrantes e coñecín ós meus pais con 21 anos e para iro tiven que ir a Venezuela a coñecelos. E dediqueillo a todo o mundo da emigración entón era un tema que cando o cantaba en directo a xente alucinaba. “Nosa Galicia” realmente era como unha poesía que empecei a facer, pero un día nas Covas de Doña Urraca en Salvaterra, na Feira do Viño de Condado, que foi onde o presentei Xerardo Rodríguez que daquela era locutor de Radio Popular de Vigo, gustou tanto que me animei a gravalo e a musicalo. E foi cando Don José María Castro Viejo me bautizou como o Rapsoda de Moaña. E foi aí cando empecei a meterme de cheo no mundo da composición e no mundo da música.

“Pregunteilles por que querían facela en castelán, e dixéronme iso, que estaba preseleccionada para Eurovisión”

É certo que “Xirarei” estivo a punto de ir a Eurovisión, Xil? Como foi iso?

Si, estivo preseleccionada si. Viñemos de Londres, Juan Pardo e máis eu, despois de gravala, e de alí a uns días chamáronme da produtora e dixéronme que tiña que facer un single en castelán, e a min soábame rarísimo aquilo de Giraré… Pregunteilles por que querían facela en castelán, e dixéronme iso, que estaba preseleccionada para Eurovisión.

O que tivo tamén moita presenza sempre na túa obra, e quizais na túa vida tamén, é a cultura mariñeira. Para ti ten moita importancia o mar?

Si, total, moitísima. Nos somos fillos do mar. Eu cando empecei no mundo da música non era un cantante popular, era un cantante máis ben social. Me gustaba loitar pola xente mariñeira, non me gustaban moitos abusos que se miraban naquela época cara os mariñeiros, cara os vellos. Eu sempre fun un loitador por libre, non baixo ningún grupo político nin ningún movemento estudantil, pero si de xeito individual sempre loitei polos temas mariñeiros. Para min a xente do mar me merece todo o respecto.    

Xil RíosMáis cantante que compositor ou máis compositor que cantante? Que foi antes?

Quizais cantante, empecei cantando e o da composición naceu máis tarde. Nunca quixen compoñer discos para outros artistas porque realmente nunca tiven moito tempo para dedicarlle a iso, me dedicaba a compoñer para min. O que si fixen foi colaboracións.

Hai momentos no que fuches máis festeiro, outros nos que fuches máis intimista,… Hai Xil de tódolos tipos, non?

Moitas veces as necesidades da túa vida, como ti teñas enfocada a túa vida profesional, te poden levar a un estilo ou a outro. Cando eu empecei, empecei nese tipo de música social, e logo me tiven que pasar ó outro lado. As discográficas apostan por ti, e eles saben que nun estilo vas a ser forte e noutro o mellor non, entón eles che van marcando a liña a seguir. Se vives da música, e eu naquel momento vivía da música, era o meu traballo e ás veces tes que aceptar esas normas. 

En canto á televisión, tes actuado moito, se cadra non tanto como deberías porque eu tamén boto de menos que non saias máis, a veces boto de menos máis Xil Ríos na televisión, pero das que tes feito, que actuacións recordas con máis cariño?

Non che sabería dicir. Hai moitas, moitas anécdotas. Na televisión a verdade é que te entregas en calquera actuación, e eu son unha persoa que se entrega moitísimo. Eu realmente en televisión me sinto sempre moi a gusto.

E a xente quérete, chegas ó escenario e a xente ponse de pé, Xil Ríos é festa…

“Ás veces me paro a pensar, e digo, como a xente che pode ter ese respecto e ese cariño despois de tantos anos…”

Eu ás veces me paro a pensar, e digo, como a xente che pode ter ese respecto e ese cariño despois de tantos anos… Porque realmente incluso deixei de facer directo, xa hai anos que dixen que non facía máis… Pero o cariño está aí.

E xa para rematar, non sei se moita xente coñece a faceta que tiveches de hostaleiro, como vai ese ‘Mesón Xil Ríos’?

Agora xa non, hai uns seis ou sete anos que vendín todo. Foron moitos anos. Eu compaxinaba a miña vida profesional a nivel musical coa vida profesional de hostaleiro e foi a miña base.

E non che foi mal…

Non. A Deus grazas non (risas).

E en canto ó futuro, que proxectos tes de futuro?

Agora mesmo levar unha vida tranquila e non me complicar a vida. Cando me vexo que levo un tempo de moito sedentarismo, ó mellor che empeza o formiguillo e colles a guitarra empezas a compoñer e a facer catro cousas, pero agora quero levar unha vida tranquila, coa familia. Foron moitos anos de carreteira e agora quero levar unha vida tranquila.

Moitas grazas Xil.

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 13 de Febreiro do 2014 | 11:58 a.m.