publicidade hoxe

Hugo Torreiro a nova xeración dos cantante galegos

Hugo-Rafael-Torreiro-Vazquez-4

Aínda que os seus inicios se remontan a súa etapa como Recanteiro no programa Luar, saltou a fama tras participar nas audicións a cegas do exitoso programa de T5 “La Voz”. A pesares de non superar a proba, mostrouse entusiasmado polo pase á seguinte fase da súa parella, Yhadira, coa que nos últimos tempos comparte vida persoal e tamén laboral co proxecto musical “Un nuevo universo” que presentaron nas salas máis importantes da nosa xeografía.

Hugo Rafael Torreiro García

Idade: 22 anos

Domicilio: No Temple, na Coruña, de toda a vida

Estudos: ESO, cursos de audio e grao elemental do conservatorio

Vocación: Cantante

Hugo-Rafael-Torreiro-Vazquez-1

Canto tempo levas dedicándote á música?
Dende os 7 anos que entrei no conservatorio, estudei un pouco de piano, pero cantando dende os 15 anos. Agora teño 22, case 23.

Finalista da primeira edición de Recantos, ti e máis Maret, dous pesos pesados. Era difícil gañarlle a Maret?
Si, de feito meu pai tiña unha porra na casa do que ía pasar e acertou. Dende que quedamos 10 el na porra puxo que íamos quedar Maret e máis eu na final e que ía gañar ela… e acertou.

Como recordas a primeira vez que te puxeches diante do público?
Foi en Luar, cando tiña 16 anos recen cumpridos e cantei “Anduriña” de Juan Pardo. Estaba moi nervioso, cheguei a canteira de cantareiros que foi unha experiencia moi boa e coñecín a Gayoso, a xente de OT…

Como compaxinas o de ser coñecido coa vida persoal?
Moi ben, creo que todos os que somos cantantes, actores, humoristas… cando entramos neste mundo un dos obxectivos é darse coñecer á xente. Cando o consegues, a maior ou menor escala, é moi gratificante. Nunca tiven ningún problema.

Pasamos a etapa de concursantes e agora entramos nunha dinámica de artistas

Recoñécete moita xente pola rúa?
Non tanta como a Yhadira, pero cando saín de “La Voz” si, e agora un pouco máis. Xa pasamos a etapa de concursantes e agora entramos nunha dinámica máis como artistas, convídannos a programas e xorden colaboracións como as que fixemos co Dúo Dinámico, Paloma San Basilio… xa somos, digamos, artistas.

E pídenche autógrafos ou fotos, sobre todo as rapazas non?
Si, de todo, aínda que os rapaces pídenlle fotos máis a Yhadira. Dannos a noraboa polos éxitos e iso gústache porque é ver reflectido na xente o esforzo do traballo.

A este nivel está ben, pero supoño que os que son moi famosos vivirano máis canso?
Eu dígoo sempre, no nivel de fama que estamos agora é cómodo, permíteche vivir do que che gusta e á par podes ir ao cine, mercar… porque supoño que xente como Bisbal ou Pablo Alborán terano máis complicado. Nos agora somos coñecidos en Galicia pero se algún día chegamos a máis recoñecemento… pois escapamos de Galicia [risas].

 Hugo-Rafael-Torreiro-Vazquez-2

Hoxe en día, ter éxito como cantante non é doado, como lle dixeches á túa familia que querías dedicarte a isto?
Cando decidín ser cantante eu xa era moi mal estudante e, supoño que dixeron, xa que non estuda pois que cante, que faga algo. Apoiáronme moito e os froitos están agora á vista, xa temos as nosas cancións, as nosas actuacións, o noso público.

Tamén compós, tanto para ti como para Yhadira?
Os dous temos temas propios, os dous compoñemos. Yhadira está preparando un disco, eu teño tamén un disco gravado , e logo as cancións en galego as primeiras facíaas eu e agora estamos máis compaxinados e facémolas os dous.

Hugo-Rafael-Torreiro-Vazquez-3Lembro que fai uns meses saíu o tema “Luar, Luar” que tivo moito éxito, incluso en Arxentina, é composición túa ou dos dous?
A música é miña e a letra do equipo de Luar.

Se non te puideras dedicar á música cal sería a profesión que che gustaría?
Realista ou…? [risas] Eu futbolista, do Depor.

Gústache verte despois das actuacións?
Si. Son bastante pesado véndome. Recórdome cando saquei a canción para o Depor, vin o videoclip unhas 20 veces, ata Yhadira me dicía que parara. Si que me gusta verme nas actuacións de Luar, de Bamboleo… ves os fallos, como responde a xente… cando estaba en Recantos custábame máis porque cantábamos en directo con moitos nervios.

Onde te ves en 10 anos, veste na música?
Gustaríame seguir na música, levamos un camiño ascendente moi bo, aínda que neste mundo sempre hai altibaixos, e hai meses nos que non hai tanto traballo pero agora estamos nun momento moi bo, e en decembro sacaremos un cd con temas en galego e esperamos que teña repercusión e que nos dea ese salto definitivo como artistas galegos para ter máis traballo aquí en Galicia. Temos sorte de contar con programas como Luar.

Que consello lle darías aos lectores que están intentando comezar no mundo da música?
Que teñan ilusión, que crean no que fan, e se algún día petan nunha porta que non se abre que non se preocupen porque ao carón estará algunha que si se abra. Que sexan o artista que queiran ser e non se avergoncen do que fan porque ser artista é algo moi grande. Teñen que traballar moito e loitar.

 

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 31 de Outubro do 2013 | 6:10 p.m.