publicidade hoxe

Isabel Risco: “Os galegos posuímos no humor outra grande riqueza”

Isabel Risco

Isabel Risco é unha desas actrices do seu tempo. Das que nin poden, nin queren quedar á marxe da sociedade e dos seus ires e vires. Desas que se implican ó mesmo nivel na defensa do seu sector, da cultura, ou na dunha Ría ameazada. É galega ata non poder máis, tanto, que está orgullosa ata da chuvia!

Isabel Risco Nome completo: Isabel Martínez-Risco Valdivieso

Data de nacemento: nacín un 7 de abril chuvioso que coincidía, segundo o calendario cristián (para os dese club relixioso), coa festividade do Domingo de Ramos.

Lugar de nacemento: foi na Coruña, mais de alí a pouco xa estaba en Fontán, a aldea de mariñeiros e mariñeiras de onde ven parte da familia da miña nai

Domicilio: actualmente vivo en Coruña, mais sempre teño de referencia Fontán.

Estudos: fixen ate COU, e despois matriculeime en Dereito. 

Hoxe ves de promoción, fálanos desa nova serie que ven de estrear a TVG, “Os Caseiros”.

Un pracer ben grande, unha sorte e moita fortuna. Sobre todo nos tempos de terror que nos fai vivir unha banda que son quen nin de identificar! O dito, unha sorte que poida estar nunha serie feita dende a humildade e o traballo incansábel de todo un equipo humano flipante! ‘Os Caseiros’ é unha comedia que ten como única pretensión, tentar sacar un sorriso ao público. Que durante 50 minutos o poida pasar ben con nos. E non a través do chiste, senón a través dos personaxes e das súas peculiaridades. Ser como son, case coma se dun cómic se tratase, é o que fai que as situacións sexan cómicas, máis que o que din ou como o din. Aínda que sempre está presente ese humor, ese patrimonio inmaterial que posuímos no noso país e que tamén temos que protexer e defender; a retranca, o absurdo. Os galegos e as galegas posuímos no humor outra grande riqueza que só existe grazas ao noso idioma e ao ser como somos. Así que ‘Os Caseiros’ ten que ter algo diso, ou polo menos iso foi o que intentamos todas e todos os que alí traballamos.

Como acabou sendo actriz unha que ía para avogada? Porque comezaches a carreira de dereito…

Fixen o ensino obrigatorio e despois COU, sempre en centros de ensino público por certo, deses que están en vías de extinción (parece que para algúns desalmados, o coñecemento, a cultura e a información é só para as elites). Logo, por inercia, mais nunca movida por un interese excesivo ou vocacional (nin consciente nin subconsciente ou inconsciente), comecei os estudos de dereito na Facultade da Coruña. Se cadra por un deixarse levar por unha suposta tradición familiar por vía paternal. Botei alí longos anos, onde no canto de estudar, matriculábame ano tras ano, tendo que costearme eu ese vicio absurdo…

Bueno muller, a algo lle dedicarías ese tempo se non era á avogacía…

Si! Tamén participaba en todas as loitas e reivindicacións estudantís que había, formaba parte dos CAF e compaxinaba esa actividade co teatro universitario, cos adestramentos de rugby, e coa banda de música que tiña con outros catro amigos. Ademais disto, as aulas na escola de teatro Casa Hamlet, os obradoiros de clown e teatro físico… E os estudos de Pedagoxía Teatral. Esta foi unha titulación propia da Universidade de Coruña, da que só saímos dúas promocións.Isabel Risco

Tes feito de todo; presentadora,  actriz, reporteira, moito humor… Onde te sentes mais cómoda?

A verdade é que ate agora tiven a grande fortuna de poder probar diferentes cousas, e todas teñen o seu aquel e o seu atractivo, as súas cousas positivas e das que aprendes moito. Por exemplo, cando vas por aí de reporteira e coñeces xente polo país adiante e podes compartir con eles pequenos momentos, aprendes cousas novas. Con isto queres aínda máis ao noso país, estás se cabe máis orgullosa de ser galega. Si que é certo que para o que eu me preparei, ou polo menos polo que eu me inclinei, é pola interpretación. Se tivese que escoller unha vocación, se cadra sería esta, mais tampouco estamos en situación de escoller… E xa che digo que, aínda que así fose, a posibilidade de facer cousas diferentes, poder ter esa sorte, non a cambiaría por nada. É enriquecedor, é inzarte de novas e diferentes experiencias.

“A vida foime levando por este camiño, e tendo en conta que sempre fun (e sigo sendo) unha inconsciente, pois case que nin conta me din! De feito eu sonche pouco de planear”

Cando comezaches a dedicarte ao mundo do espectáculo?

Cando cadrou (Risas). Quero dicir, a vida foime levando por este camiño, e tendo en conta que sempre fun (e sigo sendo) unha inconsciente, pois case que nin conta me din! De feito eu sonche pouco de planear… Claro que debemos pensar que algo ven despois, e iso é o que me leva a querer defender sempre e ante todo ao meu país, porque sei que teñen que vir novos galegos e galegas, mais ese é un futuro colectivo. Xa estou de novo dando voltas como a roda dun muíño!!! Mais é que todo me leva aí! Vexamos, a cousa é que comecei, e foi a vida quen me levou, coa sorte e a fortuna. Nisto haiche moito, pero que moito, diso. Se non fosen xurdindo as cousas, se non houbera xente que confiou en min, se cadra estaría facendo outra cousa. De todos os xeitos non hai nada seguro, todo muda, así que hai que estar preparada para calquera eventualidade, cambio ou mutación, agardo non xenética, mimá! Que medo! Iso sería ciencia ficción e xa lle andamos cerca… Que, por certo estaría encantada de poder facer algo dese xénero!

(Risas) Agardemos que xenética non, tes razón. Recordas os principios? As primeiras cousas que fixeches?

Pois de nena participei nun belén vivinte (sempre fun algo exhibicionista). Cando ía á praia, os catro días que podes debido ao noso clima, do que por certo tamén estou orgullosa, sobrábame o traxe de baño. Fun gamberra, o que me deixaban os meus irmáns, xa que iso era algo reservado para a súa elite de ser maiores ca min. Logo no instituto empecei facendo performances no recreo. Despois, como xa dixen, comecei no teatro universitario, alí descubrín entre outras disciplinas o teatro clásico. Sen esquecer, por suposto, o grupo de música. Logo obradoiros, a primeira compañía de clown de Galiza, ‘Os 7 magníficos + 1’, etc… Unha mestura de todo isto foron os meus principios.

Como recordas a primeira vez?

“A primeira vez? Dende logo foi un tremendo subidón de adrenalina e de outros fluídos!”

Mimá! A primeira vez? Tremendo subidón, non recordo exactamente con que, se cadra foi (obviando ese inicios difusos dos que vos falaba) coa primeira obra de teatro universitario na que participei, xusto o primeiro ano na universidade. Actuaramos no Rosalía de Castro, na Coruña. Foi a primeira obra grande nun teatro tamén grande, con bastante xente no patio de butacas e, dende logo foi un tremendo subidón de adrenalina e de outros fluídos… Como o que experimentei tamén a primeira vez que comecei a traballar e participei nun  espectáculo de clown, iso é como tirarse por un precipicio! Un desfase total!

Tes feito moitas actuacións ao longo da nosa xeografía, de que lugar gardas un mellor recordo?

Quen tivese un cerebro grande como as Fragas do Eume e 24 horas seguidas para recordar e contar aquí todas as boas experiencias que gardo de todos os lugares aos que tiven a sorte de ir polo país adiante! De todos gardo algo bo, algo único, algo positivo, temos un país envexábel, rico en patrimonio humano e inmaterial, ademais de no resto de patrimonios… Só nos queda darnos máis conta diso, aceptalo e dicirlle ao mundo inzadas e inzados de orgullo quen somos e de onde vimos, que diría Siniestro Total! Mais non como pregunta se non afirmando!

Onde dende logo si que estás moi a gusto é en Fontán, esa aldea que, como dicías, é o teu referente, non?

Si, así é. Ademais aquí mantemos viva a actividade da Plataforma pola Defensa da Ría de Sada e Betanzos, na defensa da nosa contorna e patrimonio histórico, artístico e natural, que a cada pouco está ameazado, (coma tantos outros ao longo de todo o noso país). De feito, acabo de coñecer a noticia de que desgraciadamente, e de xeito incívico, o Concello de Marín permitirá construír ao bordo dos petróglifos de Mogor. Hai uns días, leo que pretenden construír un vieiro de titularidade da Xunta na contorna de Portosín, destruíndo mámoas e outros monumentos megalíticos de valor incalculábel. Un desastre ao que hai que poñerlle freo!

Comprometida ata a medula, logo volvemos a isto, pero seguindo co profesional Isabel, onde te sentes máis cómoda? Na tele, no teatro, ou facendo un monólogo nunha taberna dun pobo?

A gusto síntome cando o que fago, coa axuda de moitos compañeiros e compañeiras ou amigos e amigas, lle gusta ao público. Ou polo menos, cando llo fai pasar, aínda que sexa por un chisco ou por un microsegundo, algo ben, e poden vivir un pouquiño de evasión. Cada cousa, cada

“A tele ou o audiovisual, unha das cousas máis positivas que teñen é que é un tremendo traballo en equipo, e a min todo o colectivo flípame moito”

disciplina ou formato ten o seu aquel. A tele ou o audiovisual, para min, unha das cousas máis positivas que teñen é que é un tremendo traballo en equipo,e a min todo o colectivo flípame moito. No teatro tamén ten iso de colectivo, máis a menos escala. E o mesmo pasa nunha taberna, eses espazos o que teñen de positivo é que a xente está aí contigo, cerca, dando enerxía como se de combustible para maquinaria agrícola se tratase, e ti poste coma un tractor! Ao ter ao público tan cerca, a sensación de responsabilidade aumenta de proporcional, así que o medo pode chegar a apoderarse de ti! Mimá! Éche moita a responsabilidade. De todos os xeitos, cando fago algo eu soa, sempre teño un escudo, xa que eu non fago monólogos, son personaxes aos que lles pasan cousas e contan a súa historia, aínda que a sensación de kamikaze, de tirarse por un precipicio, fica aí do mesmo xeito. Tamén teño que dicir que eu son moito de taberna e que cando vou a unha o que máis me presta é ser clienta, escoitar á xente, participar desa cultura popular de transmisión oral que xurde da vida das tabernas.

“Nas tabernas, a xente está aí contigo, cerca, dando enerxía como se de combustible para maquinaria agrícola se tratase, e ti poste coma un tractor!”

Cal é o personaxe, ou papel co que máis te divertiches interpretando?

Moitos dos personaxes que tiven a sorte de facer! E xa que estou agradezo aos ou ás inconscientes que mos deixaron facer, disfrutei unha barbaridade e paseino de pinga! Tamén por compartilos cos meus compañeiros e compañeiras… Por deixar aquí algúns exemplos, así de súpeto, nunca esquecerei a Beti, a colega de Costoia en Air Galicia. Á vella que ía ao banco (eses centros avarentos que chuchan os cartos) en Land Rober; a Camelia, a que repartía vareadas no bar da sitcom de Tourilandia; á rapaza botada para diante (tamén no aspecto sexual) de Sexo en Santa Comba; á nai de Anselmo, esa vella misteriosa e carca; a Dona Hortensia en Era Visto! E como non?, a Lola, a manganta! Esa rapaza que sempre anda fora da lei ou a ras dela, en ‘Os Caseiros’. Hai outros moitos. Tamén recordo hai tempo, cando estaba no teatro universitario, que durante varios anos fixen un personaxe de home, Xoan Rana. Era un tipo algo eivado, polo que tiña que semellar unha coxeira e levar un traxe de tea de saco e recheo para engordar. Nós faciamos pequenas pezas bastante descoñecidas e rescatadas e adaptadas polo director do grupo de teatro, que é catedrático de linguaxe dramática. Ademais de pasar moita calor, tamén disfrutei moito e aprendín máis! E  despois, xa noutro xénero, con “Unhas cincentas desclowntroladas” ou coas “Vingadoras”, dous espectáculos de clown que fixemos Marián Bañobre e máis eu. Ou coa monxa Anxelines, personaxe de ‘Anxeliños’, obra do grande dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño, outro orgullo do noso país. Tamén disfrutei moito e paseino de flipar, (agardo seguir facéndoo) con Fernando Morán nas pezas de microteatro. Son textos de Jacobo Paz que facemos xuntos en calquera espazo que nos deixen, como se un día nos piden facerllas a alguén na cociña ou no baño! Seguro que se me queda algún personaxe por aí… A miña cabeza está gobernada por unha empanada de zamburiñas!

Cal é o personaxe ou papel que soñas con poder interpretar algún día?

Todos os que veñan benvidos son! Mais como capricho ou petición, sería un soño poder interpretar a algún personaxe da historia galega, aínda que teño que dicir que facer de María Pita en Air Galicia en versión cómica, foi un tremendo agasallo. Calquera papel que fose fundamental ou representativo da nosa historia… Mimá! Que emoción! Por exemplo Pepa A Loba, a Robin Hood galega! A nosa historia está inzada de personaxes femininos que fixeron moito e significan moito para a nosa historia.

Isabel RiscoE cal esa escena que nunca te atreverías a facer?

Nunca me atrevería a tirarme pola ponte de Rande por moita seguridade e moi enganchada ou apañada que vaia! Conforme fora caendo xa se me estaría parando o corazón!

Como te sintes cando a xente te recoñece polas rúas? Tes alguna anécdota?

É un agasallo que alguén fale contigo e che dea mostras de agarimo cando coincide contigo pola rúa, mola moito! Sénteste como se non estiveses soa. É unha grande sorte, xa que hai moita xente que si fai cousas fundamentais no que se dedica, como ir ao mar, atender as vacas, coidar enfermos e enfermas… E non lles pasa o mesmo. Así que de pinga! Síntome avasalada, e a xente é do máis educada, agarimosa e respectuosa, danme ganas de convidalas ou convidalos á casa a un churrasco! Anécdotas? Pois varias, sempre hai algunha, con cada quen que te atopas éche unha nova experiencia. Teño topado con alguén por aí e ficar a tomarlle algo; ou unha vez cun grupo de señoras nun bus urbano en Coruña, cando emitían ‘A vida por diante’, púxenme a falar con elas e paseime da miña parada, porque comezamos a falar da serie e do que acontecía como se tratase de algo da vida real! Agora que o preguntas e para non esquecelas, estáseme ocorrendo escribilas… Agardo que me poida seguir pasando, claro!

Algún premio recibido, algún que che fixera especial ilusión?

Premios, o que se di premios oficiais e materiais, un choio grande e gordo, unha figura ou algo así, nunca me deron ningún. Mais aínda que soe a cursi ou ‘queda ben’ ou incluso tópico, poder ir facendo, máis ou menos (moitas veces máis ben menos que máis) iso xa é un premio. Ate agora non me podo queixar, tendo algo de traballo do que che gusta e tamén o feito de vivir experiencias como as falabamos antes, facer algo para a xente e atoparse con ela e falar, comentar… Que te conviden a un sitio, vos que queredes facerme preguntas, coñecerme… E ademais de todo isto ser galega, para min xa é premio abondo!!

Xa te vimos escoitando ó longo de toda a entrevista, defensora da lingua galega e de todo o que sexa galego…

E logo non? Éche o que hai! Son galega 100%, e non queda outra, éche un sentimento, unha convición e unha realidade indiscutíbel. Somos un pobo porque temos todas as características para selo, e non o digo eu, véñeno dicindo, dende hai un par de séculos, moitos tipos con moita cabeza, dende filósofos alemáns ate estudosos británicos. Así que a min ou me operan, que penso que non hai intervención cirúrxica posible e ademais eu non me ía deixar abrir (pápoos como o intenten!), ou non hai remedio. E como galega que son non queda outra que defender o noso, e se hai que defendelo é porque sufre ataques, e se atacan a miña identidade hai que saír a protexela!

Dende onde se reciben eses ataques? Cales cres que son os problemas fundamentais?

Está claro que ten ataques dende moi deferentes perspectivas. Un país rico coma o noso, que era a segunda potencia pesqueira do mundo, segundo produtor de mexillón do mundo, que ten os únicos percebes comestíbeis, a cuarta cabana láctea de Europa. Un país mundialmente punteiro na construción naval, principal potencia conserveira do mundo, principal produtor de enerxía hidráulica e eólica de Europa, dos principais produtores de patacas de Europa, o que ten o maior número de variedades de mazá. Somos ricos en materia prima, en paisaxe, en patrimonio artístico, cultural e etnográfico, en patrimonio humano e natural (entre outras xoias, os cantís máis altos da Europa continental, co río subterráneo máis antigo do planeta, co único río de Europa e practicamente do mundo que desemboca en fervenza). Somos os que descubrimos os caladoiros e cousas que logo resultaron de vital importancia, precursores en artes de pesca, inventores. Non son cousas abondo e de valor para defender? Máis tendo en conta que con todo o que temos somos pobres, quen o entende? Só é comprensíbel porque non nos deixan vivir do noso e queren dispoñer del ao seu antollo. Non teñen ningún interese en que sexamos nos quen nos gobernemos e administremos, pois eu digo: ‘na miña casa goberno eu, e se a comparto, gobernamos entre todos e todas’. Está claro que o medo que teñen é que se o fixeramos, e algún día teremos que conseguilo, converterémonos nunha auténtica potencia, e para moitos lambóns de por aí adiante é mellor ternos amarrados e amarradas que ceibos. Se non nos queremos nós, non nos van querer de fora, e se nos queremos, os de fora quererannos, apreciarannos, respectarannos e admirarannos. Nunca dende a fachenda, xa que nos como pobo somos de carácter humilde, pero guerreiro e loitador (xa fliparon os romanos cando chegaron, que non nos deron rillado, e tiveron que acabar adaptándose, os Galaicos éramos moito) e tamén traballador, e todo iso é outro orgullo, así que ghas e para diante!! Se puideramos gobernar o noso, daquela estariamos en posición de poder axudar e solidarizarnos cos que máis o precisen, así como estamos, nos tamén precisamos de axuda! Galega son e galega serei do berce á caixa!! Mimá tremenda declaración que vos acabo de deixar!

Cales son as premisas para ter éxito no teu traballo?

O éxito é ter a sorte de poder traballar no que che gusta, o éxito total é ter traballo, e o éxito supremo é que a xente, aínda que sexa unha pouca, desfrute e se entreteña, aínda que sexa un chisco, co que fas. As premisas non sei exactamente cales son, só sei que tes que ser sempre ti mesma e ter os pés na terra. Nunca sabes onde a tes. Non a terra, que iso, a non ser que vaias cargada de licor café, máis ou menos nótala e séntela; senón que en calquera momento iso que pensamos que é o éxito vaise, marcha. Se cadra por iso facer as cousas dende a humildade, a verdade, a honestidade e pensando nos demais, axúdanche a vivir todos os días, fagas o que fagas, como se fose un éxito. Sendo este non algo sublime ou unha meta extraordinaria, senón algo normal que cho da as pequenas cousas e o poder partillalas coas e cos demais.

Se non foras actriz, cal tería sido o teu destino?

Ser coma o meu avó materno, que viviu sentíndose novo ate os 101 anos. Ou coma o paterno, que viviu para defender a lingua galega, ou directamente unha estrela do rock’n’roll.

Que consello lles darías aos lectores do noticieirogalego.com que comezan no mundo do humor ou do espectáculo?

Non vos son moito de dar consellos porque, entre outras cousas son unha indocumentada, mais só dicirvos a todas e todos os que vos queirades dedicar á interpretación, á comedia, a transmitirlle ao público o que vos pasa pola cabeza ou o que vos gusta; que se queredes, se tedes ganas e ansia por isto, se é o que verdadeiramente vos gusta e o facedes dende a humildade e sen máis pretensión, xa tedes máis do 80 por cento feito. Fai falla un chisco de traballo, de adestramento e de probar empiricamente en canto vos dean a oportunidade, e se tardan en dala esixídea! Os galegos e as galegas temos unha arma de construción masiva, a retranca! O noso humor, que estudaron tipos moi espelidos, coma o mesmísimo John Rutherford na universidade de Oxford! E todas e todos a levamos dentro! E se preferides outra disciplina pois tamén, que estamos sobradas e sobrados para iso e para moito máis!

Moitas grazas Isabel por ter conversado connosco. Un pracer.

A todas e todos os lectores do noticieirogalego.com feixe de apertas ben fortes e bravas! Foi un pracer!

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 28 de Febreiro do 2014 | 1:06 p.m.