publicidade hoxe

Artur Trillo, a metade de Pascual e Marcial

Pascual

Coñecido actor da escena galega, Artur Trillo garda no seu haber numerosos personaxes interpretados tanto no teatro como na televisión. Aínda que para o público en xeral resulta máis coñecido pola súa participación na serie Matalobos, interpretando a Lois Piñeiro, a súa faceta máis cómica xurde cada venres en Luar co dúo humorístico Pascual e Marcial. Pese a contar con gran experiencia no mundo da interpretación,  a súa auténtica vocación é o mundo teatral, sexa de actor ou director. Unha ampla traxectoria que se agocha tras un gran actor.

Artur Trillo Sendón

Personaxe: Pascual

Nado en: Dumbría, o 28 de outubro de 1968

Reside: Cerca de Santiago, no Concello de Trazo, na parroquia de Chaián no lugar de Rosende

Pascual

Como comezaches como actor?

De maneira moi afeccionada, como moita xente no colexio, despois no instituto comecei a dedicarlle máis tempo, como afeccionado, evidentemente, e cando saín do instituto, na volta á casa en Cee –onde vivía naquel momento- fixen un grupo de teatro; foi un ano no que comezamos a Mostra de Teatro de Cee en 1988.

A parte de “Pascual e Marcial” tedes feito series de televisión?

Si, aínda que basicamente a nosa labor fundamental é o teatro, é a nosa base laboral, damos clases e, no meu caso, tamén son director.

Onde te sintes máis a gusto?

No proceso de montaxe síntome moi a gusto sendo director pero despois envexo ser actor, quero estar en todos lados, quero tomar decisións en todo… e así me vai.

Que prefires teatro ou televisión?

Teatro, teatro, teatro!

Déronche algún premio?

Dous premios María Casares a mellor actor protagonista e actor secundario; a mellor director, tamén María Casares, por “Palabras encadeadas” e como autor teño un premio Max nunha obra colectiva.

Cal foi o que máis ilusión che fixo?

O mellor o primeiro, o María Casares ao mellor actor por “Bicos con Lingua” en 2004, sobre todo porque foi o primeiro.

Que tipo de papeis che gustan máis facer?

É certo que eu me sinto moi a gusto cos personaxes quizás identificados como “tontos” pero non só cómicos, estou agora pensando no Jim do “Encoro”, un tipo mentalmente limitado aínda que non estaba feito en clave de comedia, pero tamén teño feito cousas nas que o personaxe non era especialmente limitado… como en “As últimas lúas”.

Ao longo destes anos interpretaches numerosos personaxes, pero de cal te sintes máis orgulloso?

O que fixemos, “Esperando a Godot” gustoume moito, estábamos nun bo punto Toño -Marcial- e máis eu, estábamos moi cómodos… tamén gardo moi bo recordo de “Marsal”, do ano 98, un monólogo que facía eu só… outro sería Jim do “Encoro” e tamén o personaxe serio de “As últimas lúas”. Teño a sorte de non ter ningún personaxe que deteste. Eu non eliminaría ningún da miña traxectoria.

Pascual
Soña con interpretar algún día un personaxe de Shakespeare, o Rei Lear, pero facelo coa idade real do personaxe, 80 anos.

 Que tipo de escenas che resultan máis complicadas de interpretar?

Houbo unha escena en Matalobos na que facía de “mula” e tiña que “cagar” diante da cámara, iso si foi incómodo. E tamén son bastante maniático para comer… houbo unha escena nun corto que fixen no Courel na que interpretaba a un pai de familia e tiña que comer unha especie de cocido que levaba alí horas e horas… e tiña que comelo con certo apetito. Tamén no primeiro día que fun rodar Matalobos, o meu personaxe ía á casa de Matalobos e había de sobremesa natillas e eu tiña que devorar as natillas. Eu non pensei que iso había que gravalo outra vez, e outra vez… na primeira eu comín unhas cantas pero despois saíanme as natillas ata polos ollos.

Cal é o personaxe que soñas con interpretar algún día?

Teño moitas ganas de facer o “Rei Lear” -personaxe de Shakespeare- . Iso significa que vou vivir moito tempo, porque facer un personaxe de 80 anos… e quero facelo ca idade real del. É un desexo de que quero vivir moito.

Que tal compaxinas a túa labor mediática coa vida persoal?

Teño a sensación de que paso desapercibido, si houbo xente que me recoñecía cando foi o tempo de Matalobos. Entre as anécdotas que recordo está a dun veciño meu da aldea na que vivo. Eu estaba saíndo da casa cando viña un tractor ao lonxe e cando chega a miña altura para; co ruído do tractor non oía ben e díxome “mtlbs cddo vaite matar!” –eu non entendía e pregunteille… Como?  E repetiu “mtlbs cddo vaite matar!” eu asusteime e parou o tractor e díxome “Ten coidado que Matalobos vaite matar!”.

PascualSe non te dedicaras a este traballo cal sería a túa vocación?

A verdade é que non o sei… igual albanel

Gústache verte nos teus traballos?

Nada

Que consello darías a quen está comezando no mundo do teatro e a televisión?

Que fagan aquilo do que gocen, que ninguén se apunte pensando que é unha bicoca, se non tes esa paixón, non serve para nada. Ten que tirar, senón malo, porque aínda así poida que non valgas… tes que ter paixón, preparación, talento e sorte.

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 5 de Decembro do 2013 | 11:22 a.m.