publicidade hoxe

Lucía Regueiro, de “María Cabanas” a presentadora de Luar

Lucía Regueiro

Lucía Regueiro é a actual compañeira de Xosé Ramón Gayoso na tarefa de copresentadora de Luar, aínda que a gran maioría do público galego coñécea máis polo personaxe de María Cabanas na exitosa serie da TVG, Libro de Familia.

Lucía Regueiro

Nome: Lucía Regueiro Taboada

Estudos: Oficialmente Licenciada en Xornalismo, actualmente estudante de Historia da Arte

Residencia: Natural da Coruña e residente na Coruña, herculina de pro

Lucía Regueiro

Canto tempo estiveches facendo de María Cabanas?

Case 9 anos, comezamos en 2004 a gravar e rematamos neste ano 2013. Moito tempo, ata hai xente na miña aldea que me chama María, xa cheguei ao punto de que se alguén me chama María, por inercia contesto.

De María Cabanas a presentadora do Luar, como levas ese cambio?

Lévoo moi ben, pásoo de marabilla ao lado de Gayoso. De feito foi o personaxe de María Cabanas o que me levou a Luar. Como promoción do inicio da serie fomos unha compañeira e máis eu ao programa hai un ano e, quen me ía a dicir a min que acabaría copresentando con Gayoso nesta tempada.

Tanto tempo en Libro de Familia fai que a xente te coñeza pola rúa, como te sentes cando te para a xente?

É moi bonito, é de agradecer o notar o cariño da xente. O meu personaxe era das boas e sufridoras, entón o que recibo é a sensación de que a xente me trata como se fose da súa familia, ese cariño… é moi bonito e significa que a xente te sigue e te ve.

Cal foi o momento máis curioso que viviches cun fan?

Pois cunha señora nun centro comercial e sentinme mal porque fíxeno sen querer. Parece ser que levaba bastante tempo chamándome “María” e eu non me din conta ata que noto que me agarran por un brazo, doume a volta e vexo a unha señora toda enfadada que me di “Mira María, vés todos os domingos á miña casa despois de cear… polo menos saúdame!” Supoño que, dalgún xeito, é como se entráramos nas súas casas.

Tes traballado en outras series ademais de Libro de Familia?

Mareas Vivas foi onde empecei, era un papel pequeniño na pandilla dos rapaces pero teño especial cariño porque foi o meu primeiro traballo en televisión. Tamén participei en “A vida por diante”.

Lucía RegueiroOnde deches os primeiros pasos para converterte en actriz?

Comecei na escola, aínda que o meu debut sobre un escenario foi no Teatro Colón da Coruña, con 8 anos. Recórdoo como algo moi especial, foi algo máxico… dende entón non deixei de facer teatro.

Ademais de actriz es licenciada en xornalismo pero, onde te sentes máis a gusto?

A verdade é que fixen xornalismo porque naquel momento estaba traballando en Mareas Vivas e para estudar arte dramático tería que irme a Madrid. Como non quería deixar ese papel, o único que había relacionado coas cámaras e coa comunicación era xornalismo; tiña a nota para entrar e fíxeno, pero o certo é que nunca tiven vocación. O único traballo que tiven na vida foi como actriz ou determinados traballos que relaciono coa actuación, como o de presentadora. Pero todo o que se fai na vida che serve para algo.

De cal dos personaxes que interpretaches te enorgulleces máis?

Síntome moi orgullosa de María Cabanas porque é moi especial para min pero, sobre todo, de dous personaxes que fixen no teatro. Un no que interpretaba unha criada medieval e co que me sucedeu algo fascinante para unha actriz, e é que incluso compañeiros meus viñeron a verme e non me recoñecían nese personaxe. E despois “Memoria de Elena e María” que era un traballo sobre a posguerra no que eu era unha muller represariada na Guerra Civil que perdía unha filla e o marido; era un traballo de monólogos no que despois de facer rir, facíamos chorar, tratando o tema con moito respecto. O certo é que facer rir é moi difícil, admiro moito aos actores cómicos porque hai que ter un don e un ritmo moi preciso da comedia.

Gustaríalle encarnar a un gran personaxe como Rosalía de Castro

Que tipo de escenas che resultan máis complicadas de rodar?

As escenas de acción, en xeral, son complicadas porque precisas coreografiar moito e ás veces é complicado meter as intencións e as emocións. Hai que equilibrar.

Cal é o personaxe que soñas interpretar algún día?

Non teño un concreto, hai tantos… pero si que me gustaría facer un gran personaxe de época, gustaríame encarnar a Rosalía de Castro no cine, nunha película, sería todo un reto.

Lucía RegueiroPensas que o físico é importante na túa profesión?

Cando se pensa en físico a xente soe pensar en guapo ou feo pero non se trata diso. O físico marca moito no sentido de alto – baixo, máis gordo – máis fraco… e en función diso encaixarás nuns personaxes ou noutros, claro está que a fotoxenia tamén inflúe pero o físico condiciona moito en canto ás características do personaxe a representar.

Acadar o éxito na túa profesión é complicado, como te apoiaron na túa familia?

Apoiáronme dende o principio porque non tiveron outra opción. Sempre fun unha nena moi inquieta, ía ao conservatorio a clases de violín, bailaba sevillanas, ía a ballet… e todo iso precisaba dunha loxística especial porque había que levarme e traerme, facer o vestido para ir bailar… O certo é que me sinto moi apoiada porque meus pais fixeron o que eu precisaba e moito máis.

Lucía RegueiroQue é o mellor e o peor da fama?

Da fama non sei porque non son famosa, son un pouco coñecida en Galicia, pero o mellor sen dúbida o cariño que recibes da xente. O peor é que quizás hai certos momentos nos que non sabes como reaccionar cando te saúdan e che dan cariño; por exemplo, cando vas a un funeral e veñen efusivamente a saudarte e non sabes como actuar nese instante.

Gústache verte despois das actuacións?

Non me gusta pero teño que verme para avaliarme e corrixir esas cousas que se poden mellorar.

Déronche algún premio?

Si, na Coruña déronme un premio á mellor actriz nun certame xuvenil a nivel galego e tamén estiven nominada a un premio María Casares… aínda que espero algún día chegar a conseguir un Mestre Mateo!

Que consello darías á xente que comeza no mundo do espectáculo?

Que o pensen ben e que teñan moita paciencia, perseverancia e sorte. Hai que estar preparado para cando chegue o momento pero sen forzar, deixarse levar polas circunstancias. Moita formación, estar preparado e tamén aberto ao chisco de sorte que fai falta.

Lucía Regueiro

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 20 de Decembro do 2013 | 12:16 p.m.