Sabela un referente da música popular galega
Popularmente coñecida como Sabela, María Isabel Silva Granja conta co privilexio de ser recoñecida como unha das cantantes máis representativas da música lixeira galega. Cunha longa traxectoria de máis de 30 anos subida aos escenarios segue contando co apoio dun público que se entrega en cada unha das súas actuacións.
María Isabel Silva Granja
Idade: A que ti queiras que teña
Domicilio: Non teño residencia fixa, agora mesmo en Teo pero son natural do Concello de Boqueixón, da parroquia de San Lorenzo de la Granja
Estudos: Bachiller
Vocación: Cantante
Cando comezaches a túa labor como cantante?
Como cantante comecei no ano 79, nun pequeno grupo, e no ano 80, o 25 de decembro, debutei como Sabela, aínda era unha nena e daquela non existían case os nomes en galego. Levo dedicada á música máis da metade da miña vida.
Tes feito traballos con outra xente?
Comecei gravando coa Orquestra Compostela, coa que, por certo, vendíamos moitos cassettes, daquela vendíase moitísimo. O que é agora Pimpinela xa o facíamos nós no ano 85, son os chamados desafíos, pero en galego… eu sempre fun un pouco adiantada aos meus tempos, incluso na forma de vestir… e iso a veces pasa factura.
Como recordas a primeira actuación? Nerviosa?
Non. Eu póñome nerviosa agora, non cando empecei, era unha inconsciente [risas]. Subía a un escenario e dábame igual que non estivera no meu tono, eu saía para adiante, hoxe en día son máis responsable. Agora teño máis cabeza.
Que traballos desempeñaches a parte da canción?
Estiven 3 anos na Estrada TV co meu propio programa, colaborei con Xosé Manuel Piñeiro no “Tequelexou” da TVG, no que comecei como copresentadora e despois con algúns papeliños; colaboro tamén con programas da TVG e vou facendo un pouco de todo. Tamén algunha cousiña relacionada coa moda… nesta vida hai que facer de todo un pouco. Aínda que teño ganas de facer algo de actriz, non sería unha boa actriz?.
E que tipo de papel, de mala ou de boa?
De mala, aínda que case é mellor de boa que despois vas pola rúa e… hai que ter coidado. Pódoche contar unha anécdota de meu pai cunha veciña nosa, a actriz Mela Casal, da que meu pai dicía “mira a de Roberto [é o nome polo que se coñece a súa casa], sacoulle unha pistola ao tipo!” e eu explicáballe que iso era unha película pero el só dicía “que vai ser!”.
Como te decidiches a ser cantante?
De pequena xa me subía ás banquetas e as mesas e poñíame a cantar. Despois apareceu un grupo, aínda non había moitas mulleres en orquestras, e querían unha chica para cantar, presenteime un pouco para ver que pasaba, e colléronme rapidamente. Comecei cantando cancións de Rocío Dúrcal, Ana Kiro…
O principio incluso había o mito de que Sabela era filla de Ana Kiro?
É que cando comecei cantaba cancións dela e aínda que agora mesmo a miña voz non se semella, escoito cassetes daquel tempo e si que se parecía a voz.
E ese tipo de confusión como repercutiu na túa carreira?
Pois nin é bo nin malo, a min nin me prexudicou nin me beneficiou. Non me chegaron a comparar. Cando comecei a cantar incluso levaba cancións dela no meu repertorio xa que Manuel Muñiz era o compositor das dúas; el dicíame que escoitara como cantaba Ana Kiro pero eu díxenlle que quería o meu estilo, que non quería copiar a ninguén e doume a razón.
Como concilias a túa vida persoal con ser unha persoa coñecida?
Si afecta, ten pros e contras. A veces é complicado, se che apetece estar desinibida non podes, tes que controlarte un pouco; pero tamén é moi bonito cando saes a rúa e che din que lles gustas; é moi gratificante. Sentirte querida é moi importante.
Cal cres que é a imaxe que ten a xente de Sabela?
Moi diferente a como son en realidade. A xente que me coñece persoalmente tenme comentado que no escenario dou unha imaxe de fría, incluso prepotente, pero non é así, en realidade é timidez. No escenario “cómome o mundo” pero cando se me coñece din que son moi diferente, simpática, agradable e boa xente. Creo que a túa profesión tes que defendela, é o teu traballo, ser serio cando traballas pero cando saes es outra persoa.
Se non te dedicaras á canción, que che gustaría facer?
Buf, tantas cousas! Todo o que fora relacionado co mundo do espectáculo, cara ao público. Creo que o meu é cantar, onde me sinto realizada é no escenario.
Que consello lle darías aos lectores de noticieirogalego.com e que están comezando no mundo do espectáculo?
Primeiramente que sexan humildes, porque cando un comeza cre que é a “repera”, e non se che pode subir á cabeza. Hoxe en día hai voces impresionantes e tampouco o máis importante é ter voz. Para ser un artista hai que ter presenza, personalidade… non é só voz. Eu teño unha voz doce pero -polo que din de min- transmito, din que encho o escenario. Por iso é moi importante conectar co público e ir facéndose pouco a pouco un oco.
Estamos acostumados a ver programas que lanzan novas voces e a maioría quedan no esquecemento. Que opinión che merece?
Deste tipo de programas dáme pena que sacan xente nova -paréceme ben porque hai que progresar- pero non debían esquecerse dos cantantes de antes porque vexo a artistas como Francisco, e outros, que están quedando esquecidos e non se pode consentir. Todos teñen que pagar hipotecas, comer, vivir… e teñen que saír ao escenario. Esta ben que tiren dos novos pero non poden deixar de lado aos artistas que foron números un e que loitaron toda a vida dando a coñecer España por onde pasaron.
Onte te ves dentro de 10 anos?
Eu, na cima dun escenario, por suposto [Risas]. Recoñezo que o meu estilo, a miña forma… é un pouco complicado, comecei na música cun estilo un pouco sexy, e iso cos anos pasa factura. Non sei se iso á larga me prexudicará.
A min, en certo modo, recórdasme a Tina Turner, unha señora que xa ten anos pero sube a un escenario e ves mover esas pernas…
Pois eu teño unhas fotos dunha actuación de hai 7 anos en Xinzo de Limia e sempre que a ensino digo “Tina Turner en pequeniño”, porque eu non me podo comparar con ela, pero a forma de moverme no escenario…