publicidade hoxe

Maret, unha cantante que como o viño, mellora cos anos

Maret

Viño e polbo conxugan á perfección en calquera xantar. Unha xenuína mixtura galega que corre polas veas dunha das nosas cantantes máis xóvenes, Maret. Gañadora da primeira edición de “Recantos” de Luar, a súa gran simpatía e unha voz prodixiosa abríronlle as portas dun novo mundo, o de presentadora, contando co inigualable Gayoso como mestre. Cos pés asentados na terra, María Laura González González móstrase ao público tal e como é, unha carballinesa volcada na música que tanto corta polbo, como vai a vendima e, se así o quere o público, mesmo salta dunha ponte.

 

María Laura González González

Idade: 27 anos

Estudos: Eu cultura ningunha, agricultura toda. Teño estudos… teño a ESO e comecei moitas cousas e non acabei ningunha. Son esteticista e “personal shoper”.

Residencia: No Carballiño, unha vila preciosa onde se come polbo riquísimo.

Natural de: Cameixa, O Carballiño (Ourense).

Maret

Falando coa túa familia, comentan que comezaches a cantar antes que a falar?

Recordo que con 3 aniños, eu xa era a alma de todos os festivais… facendo os deberes cantaba -habían saír ben-. Eu canto e bailo, eu quería ser artistas, por iso non estudei máis.

Recordas a primeira vez que te puxeches a cantar diante da xente?

Creo que a primeira vez debeu ser no colexio pero, é algo que xa naceu comigo, naceu adherido a min, cando nacemos  con pernas e brazos e para min o de cantar é algo que xa viña adherido a min. Por iso non recordo o momento preciso, debía ser porque nunca tiven moita vergoña.

Non te soes poñer nerviosa?

Nerviosa si que me poño, pero será que son unha persoa extravertida, moi tirada para adiante, moi sociable … que a todo o mundo lle boto bromas, entón non recordo ese momento preciso. Nerviosa si que me poño e creo que o día que perda os nervios será unha falta de respecto cara o público. Os nervios é o que da vidilla, o arranque para que todo saia mellor.

Gañadora da 1ª edición de “Recantos” do Luar e na seguinte temporada copresentadora con Xosé Manuel Gayoso; como che deron a noticia?

Naquel momento eran tempos difíciles para min, a crise, o emprego estaba fastidiado e eu estaba no paro. Son moi optimista pero días malos tenos calquera, e xusto nun deses días de estar mal, chorar por todo… sooume o teléfono, un número larguísimo non sabía se era unha liña erótica, e eu en pixama, terei que poñer as miñas mellores galas… [risas] O certo é que me chamaban de Luar e preguntáronme se estaba traballando e díxenlle “Ai quen me dera meu Deus, non caerá esa breva!”. Díxome que me tiña unha noticia, que ía ser a nova presentadora de Luar e púxenme a chorar como unha madalena. Ademais tendo en conta a miña situación, sen traballo cun neno pequeno de 6 aniños.

Se non tivese nervios antes dunha actuación sería unha falta de respecto cara o público

[Perdoa que te interrumpa, pero un neno que vai saír artista como a nai, porque xa actuou na gala do 25 de xullo] A min cambioume a vida, fun asimilando pouco a pouco a noticia de actuar como presentadora. Estaba nerviosa, ninguén nace aprendido, era unha faceta miña que non coñecía nin tiña explotada e nunca me vira na tesitura de copresentar con Gayoso o programón, Luar, con todos os anos que leva. Sei que teño espontaneidade pero o que non sabe é como o que non ve. Eu cozo polbo, sei cocelo e sei picalo pero cando cambio de posto, de xente, de entorno é inevitable non sentirse nervioso. Pero o de presentar é coma todo, como o de cantar e coma o viño, cos anos, canto máis practiques, canto máis rodes, mellor sae todo.

Agora que comentas, na túa casa tedes algo de viño?

A miña casa é unha casa rica, o que máis hai son débedas pero ter temos de todo. [risas] Meu pai ten unha adega no Pazo Tizón, o viño “Extramundi”, un Ribeiro de Treixadura, moi rico, pero a min emborráchame, eu xa lle digo que lle bota droga ao viño! [risas]. Tamén me toca ir a vendima, a xente sorpréndese pero a parte de ser Maret a cantante tamén me toca ir á vendima, cocer o polbo… Maret fai de todo, igual mata os porcos, vai lavar as tripas, enche os chourizos, átaos e cómeos tamén –iso é o que mellor fago-. A culpa é de miña nai que se encargou sempre de ensinarnos todo.

MaretUnha tempada enteira ao lado de Gayoso, cal foi o maior recordo do teu paso por Luar?

Un recordo que me marcou foi gañar Recantos, non era como faceta de presentadora pero, quizás todos os momentos foron bonitos. Gayoso foi o mellor mestre que se puidese ter, non nace outro coma el. É un gran comunicador, de feito xa lle deron o premio ao mellor comunicador autonómico. Gayoso como persoa é incrible; fala igual diante e detrás das cámaras. Pódeslle pedir o que sexa, dá os seus consellos sempre con aprecio e un sorriso. O recordo máis bonito foi traballar con Gayoso e o equipo de Luar, con máis de cen persoas, e se leva máis de vinte anos en emisión é por algo.

Tiveches oportunidade de cantar con grandes do panorama musical, de cal gardas maior recordo?

Sen dúbida, de Rosa López, é tan llana, tan natural, moi próxima, unha persoa de andar a pé, que a pesar de chegar onde chegou segue tendo moi presente de onde vén.

A parte de copresentar con Gayoso, participaches en varios programas da TVG. Refírome ao “Clan dos impostores” onde tiveches que tirarte dunha ponte, houberas dado marcha atrás na túa participación se o souberas?

Cando me chamou a dirección do programa e me fixo a oferta de traballo, dixéronme que ía ser duro e que había cláusulas polas que non me podería negar. Eu dixen que todo pa diante. Non sabíamos a proba ata que chegábamos. Eu non sabía a onde ía e toda divina da morte cos meus tacóns… nun principio baixamos por un camiño de pedras ata o río e eu pensei que íamos pescar, díxenlle que non sabía nadar e que me da moito noxo bañarme no río con toda a bichería. Cando volvemos subir vin as cordas colgadas e non me quería tirar, estiven unha hora sentada na varanda e o final tireime pero non quería sentir esa sensación de baleiro, o meu corpo contra o aire.

MaretCales son os teus planes futuros?

Están soando campás… musicais, hai ofertas interesantes pero por agora nada que se poida contar. Aínda que a xente non me vexa na pantalla eu estou aí, detrás, traballando pouco a pouco, nada está asegurado.

Cantas de todo pero, cal é o xénero no que te sentes máis a gusto?

Eu son de balada, de bolero… de música lenta. Canción con sentimento, que transmite, que chega ao público.

Como levas o de ser unha persoa coñecida?

A min encántame que a xente disfrute, realizo con moito cariño, é o que mellor sei facer, Deus premioume con esa virtude, a de cantar; e que mellor que sentirte importante para a xente; é moi grato, é o pago máis bonito desta profesión, que o público recoñeza o teu esforzo, o teu saber facer, ben ou mal, pero con todo o cariño do mundo.

Tes anécdotas con fans?

Si, moitas, algunhas bonitas e outras non tan agradables, incluso acosadores. Pero ten que haber de todo.

MaretQue consideras que é o mellor e peor de ser famoso?

O mellor é que fago o que me gusta, cantar. Si é certo que para chegar a onde quero fan falta os medios de comunicación, tv, radio, prensa… pero eu non quero ser famosa, en realidade o mellor disto e poder traballar e vivir do que che gusta. En canto ao peor, que a xente te poida insultar por saír na televisión, que se che subiron os fumes, que es prepotente… cando non te coñecen, pero como sempre digo que falen, ben ou mal, pero que falen.

Gústache verte despois das actuacións?

Véxome para revisar o que fixen, o que hai que corrixir pero é certo que ás veces dáme algo de vergoña, non de pensar que fago o ridículo pero si iso de, esa que sae na tele son eu!

Como aconsellarías a quen busca o seu soño particular?

Sempre se debe manter a paixón de lograr as túas metas sen pisotear ao do lado nin caer na prepotencia

Que nunca se rendan, que a vida é moi complicada. Parece que os soños son sacados de contos imposibles de lograr, pero algún día poden chegar a converterse en realidade. Hoxe chorarás e mañá rirás, volverás chorar e volverás rir… a vida é así, pero loitar polo que realmente che faga feliz, non ser infeliz e loitar e ter moita paciencia, é unha carreira a moi longo prazo. Ninguén regala nada nesta vida. Eu son das persoas que quero comerme o mundo, non que o mundo me coma a min. Manter a paixón de lograr as túas metas sen pisotear ao do lado nin caer na prepotencia, ser humilde e saber sempre de onde vés. Igual que se sube tamén se cae. Nunca esquecer as túas raíces porque son a esencia de cada persoa. Pero sempre se atopará xente boa e xente mala, en todos os ámbitos da vida, por sorte hai máis xente boa que mala.

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 27 de Novembro do 2013 | 6:16 p.m.