publicidade hoxe

Pedro Brandariz, un pallaso ó estilo moderno

Pedro BrandarizAgora chámaselle Clown, pero cando lle preguntamos de que vai isto, Pedro Brandariz acláranolo nun momento; “unha palabra moderna das que hai agora, pero é facer o pallaso”. E isto é o que fai el, pero non só, non vaian a pensar. Clown, monólogos, teatro, teatro infantil,… Humor en estado puro e en tódalas súas variantes, e se pode ser na casa parroquial dalgunha aldea, mellor que mellor. Non en van, este cómico que ía para mestre gaña, e moito, nas distancias curtas. 

Pedro Brandariz

Nome: Pedro Brandariz Gómez

Idade: 36 anos

Domicilio: natural e residente de San Pedro de Nós (A Coruña). Sempre que o digo no Luar a xente non mo cre, pero si, eu son de San Pedro de toda a vida.

Estudos: De formación son mestre pero logo xa vin que iso non era para min, e dediqueimeo teatro e ó “pallaserío”.

Cando comezaches a facer de cómico?

De cómico empecei xa antes de nacer, eu creo que xa era cómico, ou polo menos ríanse de min ou comigo, non sei… (Risas). Pero co tema do teatro empecei tarde, igual ós 18 ou así, a facer teatro como afeccionado. Despois descubrín o tema do clown, coñecín a Francisco e empezamos a meternos aí a facer humor. Inda que queiramos facer outra cousa non sabemos tampouco. Currándonos o humor dende diferentes ámbitos, monólogos, clown, televisión,…

Acórdaste da primeira vez que fixeches algo para o público?

Como che dicía, co tema do teatro empecei con 18 anos, co grupo de teatro afeccionado de Oleiros. E acórdome da estrea, estivemos ensaiando varias semanas, ou varios meses e acórdome dese día. De pequeno o que si, contaba os chistes de Farruco á familia, pero iso xa era un tema máis familiar.

Nin no colexio? Eu lémbrome que cando terminaba o curso había afesta de fin de curso e a min xa case me obrigaban a contar algún chiste…

No, eu non eh, eu sempre fun (e sigo sendo) moi tímido. Eu no colexio pasaba bastante desapercibido, non fun nin “teatreiro” nin nada, era do montón máis montón de tódolos montóns. Ata que fun un mozo no me chamou nada o tema do teatro.

Ti tes feito un pouco de todo non? Teatro para nenos, para adultos, clown, teatro,… Onde te atopas máis a gusto?

É moi complicado responder a esta pregunta. Atópome moi a gusto facendo un pouco de todo. Se tivera que facer tódolos días o mesmo daquela se cadra cansábame, pero un día teño un espectáculo para nenos, outro día un monólogo para adultos, outro día televisión que é un código diferente por completo. O que me gusta é a variedade e poder cambiar. Non sei dicirche en que ámbito me sinto máis cómodo.

O que quere dicir que es un todoterreno…

Non…Facémolo, non sei se ben ou mal, facémolo e fora. Máis cómodo para un é cando traballas con outra persoa. Cando o fas solo tódolos aplausos son para ti pero tamén toda a responsabilidade é para ti. Cando estás con outro tes tempo para pensar, tes o apoio, non es ti só no escenario. Aínda que tamén é certo que si vas só, pois tamén te sentes especial e agradecido.

Pedro BrandarizComo definirías o que é o clown, para os que non somos expertos?

Esta é unha palabra moderna destas que hai agora, “unha carallada”. Clown é pallaso, simplemente facer o pallaso, en vez de contar un chiste é facer un personaxe ó que lle van pasando tódalas dificultades que pode haber no chiste pois pásanche a ti no momento. Para facer clown é necesaria tamén unha relación con outro clown, con outro pallaso. O que facemos no Luar nós, Fran e máis eu, pois é iso, eu sempre vou pedir a cita ou que me solucionen un problema, e o outro como que me vacila. Máis que contar unha historia é vivila e compartir as dificultades. Porque ó final o ser humano é moi “cabrón” e rímonos das dificultades. Ver como o outro ten problemas e que saia ben de aí, pois fainos graza. E como cando cae alguén, que nos rimos, non é que lle desexemos mal ningún, pero fainos graza.

Teatros, auditorios, tabernas de pobo… E agora Luar. Tes actuado en practicamente tódolos escenarios habidos e por haber, onde te sentes máis a gusto? Nun pobo pequeno, no escenario de Luar, nunha taberna?

Home, principalmente nas aldeas. A nós encántanos ir a sitios grandes e capitalinos, que haxa moita xente, pero como unha aldea non hai. Fran e eu levamos doce anos xuntos e temos actuado en salóns parroquiais que fliparías… E é onde a xente é máis directa. O ideal é o pequeno formato, sitios onde poidas case sentirlle a respiración ó público e que cha sintan a ti. E moito máis natural e pódenche dicir algo… Nós buscamos moito a complicidade co público. Iso é algo que nos fastidia moito na televisión, por que ti dis, “eu lanzo este chiste aquí, fíxolle graza ó público de Luar pero e na casa, faría graza?” É diferente non tes una retroalimentación directa como cando vas a un teatro. O ideal é o pequeno formato e os sitios pequeniños. Home, tamén nos gusta encher teatros aló por onde vamos, cando vas por aí, Madrid, Barcelona, gústache que o teatro estea cheo, a que non? Pero bueno, sobre todo iso, a proximidade co público é o máis importante.

Pedro BrandarizTes feito moitas cousas para nenos, é complicado o público tan xovenciño?

Hoxe en día no tema do teatro, non tanto en televisión, pero en teatro o futuro son os nenos. As compañías que traballan hoxe en día teñen que traballar para nenos. O teatro para nenos ten bastante futuro e nos enfocámonos cara aí. Ademais é súper divertido. Ten unha certa complicación porque se non lles gusta… Un adulto se non lle gusta inda aguanta, por educación ou porque te coñece ou polo que sexa e ó final inda che di “moito me rin”, inda que non sexa verdade. O rapaz non, o rapaz pasa de ti. Entón é máxico tamén poder gañar a súa atención. Co clown que facemos nós, o tema pallaso é espectacular, pasámolo nós tamén moi ben con eles. A min gústame traballar para nenos e para adultos, o ideal é ir misturando.  Os nenos como que che fan estar máis vivo, máis activo.

Como te sentes cando a xente te recoñece pola rúa? Recoñécente moito, cando vas o supermercado e así, tes algunha anécdota curiosa?

Polo meu físico me recoñecen mogollón, incluso máis que a Fran. Téñennos visto actuar nuns espectáculo e despois vir a xunto miña e dicirme “oe moi ben o fas co outro alí no Luar” e eu dicir, o outro é este que está aquí comigo “non, non, non, o outro, o outro”. A min me recoñecen mogollón. Me encanta, me encanta, me mola mogollón!  Tamén é verdade que Luar, é universal. De 40-50 anos para arriba o ve todo o mundo. A min me encanta e intento sempre responder ben. Tamén é certo que hai veces que vas con presa ou chove ou ti tes un problema, pero claro, a persoa que te ve non vai entender iso, entón dirán“que antipático este”. Pero bueno, eu estou encantado coa popularidade esta entre os velliños e velliñas.

Cal é o teu cómico, humorista ou actor que máis admiras?

Se tiro polo tema de monólogos; Piedrahita, DaniRovira,… En humor clásico; o Leo Bassi, o Carlo Colombaioni. Máis coñecidos? Cruz y Raya me encantan. Non me gustan nada (a ver se non me pasa factura) Os Morancos, son uns humoristas que non… Martes y Trece me gustan, pero si que é certo que coa distancia dis… Bueno, non era para tanto. Faemino e Cansado son un referente que aínda continúan traballando, ademais.

Pedro BrandarizComo se tomou a túa familia isto de que quixeras ser cómico? Dixéronche aquilo de “neno por que non estudarás”?

(Risas) Si, meu pai pasa de todo, pero miña nai si. Eu son mestre, entón evidentemente quería que estudara para a oposición e que me deixara de lerias. Pero a verdade é que dende que saquei a carreira eu xa andaba por outros derroteiros. Co teatro, sempre me apoiaron eh, nunca me dixeron iso non vale para nada era algo que estaba aí, eles querían que fixera a oposición que era a seguro. Hoxe en día están encantados, cando saes no xornal ou en calquera cousa e lles falan de ti, cáelles a baba! O que peor levan é o ter que currar o fin de semana e a deshoras, iso é o que peor levan. Que andes no coche dun lado para outro, esas cousas de nai e de pai!

Se non te dedicases a este traballo de humorista, que terías feito?

Mestre. O meu de facer maxisterio foi vocacional. Eu sempre quixen ser mestre. Se non me dedicara a isto seguramente acabaría coa oposición ou buscándome algo no sector educativo. Tamén facemos algunha cousiña de vez en cando para os nenos, vinculado ó teatral. Pero bueno, si, se non me dedicara a isto sería mestre.

Gústache verte cando emiten algún programa no que participaches?

Iso está cambiando. Non me gusta nada, nin verme nin escoitarme. Pero agora como todo no que saes queda gravado e despois sóbese a internet e tal, como que me fun acostumando. E agora nalgún sketch e nalgunha cousa aínda me gusta. Sobre todo si estou con alguén, se estou eu só non, pero si estou con Fran ou así… Pero vamos, non me entusiasman.

Pero por que? Analízaste moito?

Busco mil fallos. Ou tamén se me ocorren mil cousas, puiden facer isto, aquí non sei por que non fixen isto outro, isto non ten graza ningunha… A verdade é que é unha ferramenta moi boa para corrixir cousas.

Pedro BrandarizSi, a verdade é que si porque o público é impredicible…

Tamén é a graza do humor, que non sexa todo cuadriculado e milimetrado, que cada día varíe, que cada día sexa diferente. O guión é un guión básico pero despois cada actuación é diferente, polo público, polo espazo, por como esteas ti,… Iso é tamén o bonito, que te poidan sorprender.

E xa para rematar, que consello lle darías ós lectores que estean comezando no mundo do humor?

Lía o outro día que o 73 por cento dos actores non dan vivido do seu traballo, está a cousa complicada. Recomendación? Pois que cada un faga o que máis lle gusta, que non pense… “e que se fago isto non vou ter despois actuacións”, non, que faga o que lle pida o corpo nese momento. E, sobre todo, actuar moito. Actuar tódalas veces que poida e canto máis poida porque onde máis se aprende é actuando, xa podes ir a non sei cantas escolas, que onde aprendes é no escenario. Hai xente que ten uns cachés altísimos e actúa unha vez ó mes, o cal é lexítimo pero eu prefiro ter un caché máis baixo e actuar e toda canta parroquia me chamen. E sobre todo disfrutalo, pode ser mellor ou peor pero disfrutalo.

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 6 de Febreiro do 2014 | 11:43 a.m.