publicidade hoxe

Principios de poda (I)

 

mundo_verde_pic1A poda constitúe unha das prácticas con maior efecto sobre a saúde das plantas e das árbores. Cando estas podas se realizan dunha maneira axeitada, non só logramos mellorar a estrutura e con iso o soporte e o balance físico da planta, senón que conquerimos os obxectivos para os que foron plantados.  Así, mediante podas ben realizadas temos fustes rectos para obtención de madeira, copas espaciadas e amplas para ornamentación en parques e xardíns, formas productivas en frutais, etc.

Existen unha serie de principios e técnicas que todo podador debe coñecer para comezar a podar unha planta ou árbore.

mundo_verde_pic2_peq• Cada corte que facemos supón unha ferida e un cambio no crecemento, polo que debemos ter claro o propósito do corte antes de facelo.

• Unha poda deficiente pode causar danos que durarán toda a vida da planta ou poden supoñer o inicio dunha praga ou enfermidade. É por tanto importante coñecer as técnicas básicas, as formas axeitadas de facer eses cortes de poda.

• Como norma xeral os cortes pequenos supoñen un dano menor, polo que sempre que poidamos realizaremos as podas nas fases xuvenís das plantas ou árbores e das súas estructuras. É mellor podar pólas novas máis frecuentemente e non esperar a podar en estados adultos cando os cortes e os danos van ser maiores.

Técnicas de poda

Forma de facer cortes sobre unha xema ou gromo.

Á hora de cortar debemos empregar unhas ferramentas limpas (desinfectadas = lixívia), e ben afiadas, para que ditos cortes sexan o máis “sans” e cicatricen dunha forma axeitada.

O corte por riba dunha xema debemos facelo cunha inclinación contraria á posición de dita xema. Dito corte deberá ser executado tomando como referencia a punta de dita xema, un pouco por riba dela, e a base desa xema, o corte remata á altura da base do gromo.

mundo_verde_pic3_peq

O corte ben feito é o número 1. Obsérvense as diferenzas cos demais en canto á inclinación do corte e a súa proximidade á xema que será o noso novo crecemento.

Por: Rosendo Luis Estévez
Publicado o 6 de Marzo do 2013 | 5:56 p.m.