publicidade hoxe

Tempo de poda (I)

Cando se aproxima o remate do repouso vexetativo, a parada do inverno, ímonos achegando a un momento bo para realizar a poda das árbores. Para que esa poda sexa o máis axeitada, é necesario coñecer as distintas técnicas que nos permitirán levala a cabo garantindo o éxito e asegurando o obxectivo buscado. Noutros artigos, que podes consultar nesta sección,  aprendíamos a facer cortes en distintas situacións que nos podemos atopar. Neste artigo imos saber que estruturas debemos cortar e cales debemos manter, respectar e promocionar na árbore.

GallasEstruturas normalmente non desexadas

Entre as estruturas que dun xeito ou outro debemos eliminar ou corrixir nunha árbore atopamos as GALLAS ou “horquillas” que se forman cando na extremidade dunha póla, medran dúas novas pólas de vigor semellante e o fan con ángulos pechados. Estas estruturas fanse desaparecer de xeito sinxelo eliminando totalmente unha das ramificacións (Fig. 1 A) ou as veces toda a estrutura (Fig. 1B)

En canto as patas de galo son estruturas nas que dúas ou tres polas novas e delgadas emerxen moi próximas na extremidade doutra póla que tamén é normalmente nova. As vasoiras de bruxa son estruturas semellantes pero con moitas máis poliñas e por iso aínda son menos interesantes. Se permanecen e evolucionan na árbore, soen ser unha zona de debilidade e onde se producirían nun futuro esgazaduras.

A súa solución pode ser o aclareo, despunte, aínda que na maior parte dos casos é preferible a súa total eliminación podando por debaixo de ditas estruturas.( Fig. 2)

Figura 1   Figura 2

Chupóns ou ladróns

Son todas aquelas pólas novas, de crecemento moi vertical e que por iso teñen un vigor e forza     fóra do normal do desenrolo da árbore e que poden xurdir en calquera posición. Non son desexables posto que o seu crecemento esaxerado resta forza e desequilibra outras partes da árbore. Ademais soen ter poucas ou ningunha xema de flor.

A súa eliminación debe producirse o antes posible, en canto teñamos constancia da súa presenza na árbore. Esta poda realízase polo tanto en plena vexetación da planta, poda en verde, xa que deste xeito evitamos o seu inútil consumo de nutrientes e a ferida ou dano que ocasionamos é a menor posible. Nalgúns casos podemos manexar, “reformar” eses chupóns facéndolle un arqueado ou ben despuntes, cortando sobre poucas xemas (2 ou 3).

Arqueado   Despunte
Por: Rosendo Luis Estévez
Publicado o 3 de Febreiro do 2014 | 1:44 p.m.