publicidade hoxe
Viva o Viño!!! - Cabecera

Viva o Viño!!!

Agustín Hernández e outros representantes da Xutna e o Concello, na inauguración da Feira do Viño de O Rosal (2013)

As celebracións ó redor do viño son un clásico no calendario festivo de Galicia, especialmente durante os meses de verán. Si, así é, os galegos sómosche ben listos! A primeira na que imos reparar é a que ten lugar esta fin de semana no Rosal, a edición número XXII da Feira do Viño de Rosal. As dez adegas participantes ultiman os preparativos dos seu stands para acoller ó longo destes tres días a veciños e visitantes, que poderán degustar os caldos desta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas. Todo un luxo e a prezos populares.

Un viño branco, xoven, afroitado e de cor amarela clara tirando a tons palla. Esta podería ser, a grandes trazos, a descrición do viño do Rosal, Denominación de Orixe Rías Baixas. Con esta explicación calquera podería pensar que se trata dunha festa para grandes entendidos na materia, pero xa lles digo que para disfrutar desta celebración non é preciso ter grandes coñecementos nin ser un erudito na cultura vitivinícola, basta con que a un lle guste o viño e teña ganas de disfrutar del.

Feira do Viño de O Rosal (2013)Xa o dicía Dionisio…

Conta a tradición, que foron os romanos os que trouxeron o viño á zona do Rosal. Parece que xa eles se decataron de que a temperatura e as condicións meteorolóxicas desta zona eran perfectas para a produción deste viño.

Á esencia atlántica que caracteriza á Denominación de Orixe Rías Baixas, únense na subzona do Rosal a influencia do Río Miño, das paisaxes que se forman ó seu carón, dos aires da serra e os aromas da auga salgada mesturándose coa doce… Uns trazos todos eles que o común dos mortais non saberíamos identificar ó degustar un destes viños, pero que están aí, e que son os que conforman o carácter do viño do Rosal, a súa alma.

Unha vez introducida a uva na zona, no século XII foron os monxes do Mosteiro de Santa María de Oia os que se encargaron de coidar as plantacións e de facer medrar estes viñedos. Esta foi a época na que o viño do Rosal acada o seu máximo esplendor.

Feira do Viño de O Rosal (2013)A tradición mantívose, e esta uva pasou a formar parte da zona, non só converténdose na materia prima para a produción dun viño de gran calidade, senón tamén dando forma a unha paisaxe que non se entendería do mesmo xeito sen estas viñas, sen estas cepas e esta uva.

E de que uva estamos a falar? Pois falar da Denominación de Orixe Rías Baixas é falar, inevitablemente, de albariño, aínda que non só. A variedade albariño acapara o 95 por cento da produción, pero está acompañada por outras como a loureira, a caíña e a treixadura, variedades que nesta subzona toman unha importancia especial e axudan a diferenciar os viños con respecto ó que se realiza noutros lugares.

A Feira do Viño

Foi no ano 1993 cando se celebrou por primeira vez a Feira do Viño do Rosal. A Praza do Calvario vístese de gala para amosar a todo o que se achegue o mellor da súa rexión. O evento, que coincidía coas festas patronais da localidade, naceu co obxectivo de promocionar os seu produtos, dar a coñecer a calidade do seu viño e o saber facer das súas adegas, que se envorcan nesta celebración para amosarlle ós visitantes a súa maneira de traballar, de coidar e de mimar o seu produto.

Xunto con eles, unha gran variedade de manxares típicos do lugar para degustar acompañando ó protagonista do día, dende un clásico como é o polbo, que non pode faltar en toda boa festa, ata outros como os embutidos, os vexetais ou as froitas. Destas últimas, especial mención merece o Mirabel, o neno bonito da comarca, outro imprescindible nesta cita.

Para rematar toda unha gran selección de doces caseiros, que tamén maridan á perfección cos viños do Rosal, máis aínda agora que xa podemos falar dos escumosos Rías Baixas. Non os coñecen? Pois tamén é unha boa ocasión, sen dúbida.

Así é que, que non os bote para atrás a falta de coñecemento, sabemos que para os padais máis inexpertos falar de retrogusto ou sensacións terciarias antóllase difícil, pero falar dun bo ou mal viño sabemos todos, non? Saben por que? Pois porque o bo é aquel que nos gusta e o malo o que non, así de sinxelo. Iso si, non atopar un que nos enganche entre todas as adegas que se dan cita na Feira do Viño do Rosal, parece bastante complicado, xa llo adianto.

Feira do Viño de O Rosal (2013)

Outras actividades

Aínda que o viño é o gran protagonista, e o mellor da festa é precisamente facer a ruta polos stands, ó seu redor hai tamén toda unha serie de actividades para todos os gustos.

Dende as oito da tarde do venres, cando se levará a cabo a inauguración, o programa non para ata as doce da noite do domingo, cando se clausura a Feira. Non se canta o “pobre de mi” dos San Fermíns, pero pouco menos…

Este ano a encargada de dar o pistoletazo de saída é a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que dará paso a Pepe Cadavedo, este coñecido xornalista radiofónico dará o pregón nesta edición e invitará a todos os presentes a tomar o primeiro viño da Feira 2014.

A Conselleira Rosa Quintana será a encargada de inaugurar a Feira do Viño do Rosal 2014Falamos dunha previsión de 30.000 visitas ó longo de toda a fin de semana, nin máis nin menos. 30.000 persoas que poderán achegarse ós stands ata as dúas da mañá do venres, e o sábado e o domingo dende ó redor das 11 da mañá. A clausura, como dicíamos será ás 12 da noite do domingo, cando a Feira pechará as súas portas ata o ano que ven.

Non faltará a música, haberá charangas para amenizar o paseíño entre stand e stand e todo apunta a que serán varios os rostros coñecidos que se deixen ver pola Feira nestes días, pero iso xa é outra cousa…

Obradoiros e inchables para os rapaces, e un completo servizo de autobuses entre A Guarda e O Rosal, completan unha proposta ante a que non hai escusa que valga!

A novidade: a Andaina 10 K 

E como a fin de semana é longa e hai tempo para todo, este ano ponse en marcha a primeira edición da ‘Andaina 10 k O Rosal Feira do Viño’. E en que consiste isto? Pois trátase dunha caminata coordinada polo escritor e guía Juan Ramón Martínez, que ademais do ser un agradable paseo mañaneiro, vai ser tamén todo un descubrimento cultural e histórico da zona de O Rosal.

Marcos Pereiro, un dos actores da serie da TVG "Nucha e Mucha", tomará a salida dos 10KUnha hora antes da saída do grupo, que será ás 10:30 da mañá da Praza do Calvario, os participantes recibirán unha breve introdución sobre as características máis destacadas da xeografía, a etnografía e a historia de O Rosal.

Pero a explicación non remata aí. Unha vez en camiño, o propio Juan Ramón irá contando curiosidades e detalles da cultura da comarca; da festa do Cabaqueiro, recuperada recentemente; e mesmo dos viñedos e as adegas.

Farase unha parada na Ponte de Pau, para disfrutar do río Tamuxe ou Carballas e de aí á Pesqueira e Fornelos. Á volta, Caselas, A Lomba e de novo ó punto de partida, a Praza do Calvario. Máis de 200 persoas están xa inscritas nesta ruta e todo apunta a que o número medrará considerablemente a medida que se achegue o domingo.

Todo un luxo de paseo polas zonas máis emblemáticas dos ríos rosaleiros e os recunchos máis tranquilos e pouco explorados de O Rosal, o que se coñece como, o xardín do Baixo Miño.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 17 de Xullo do 2014 | 3:00 p.m.