publicidade hoxe
Pilotos, carrilanas e baixadas vertexinosas - Cabecera

Pilotos, carrilanas e baixadas vertexinosas

Carrilanas Esteiro

O Concello de Esteiro prepárase un ano máis para a Gran Competición de Carrilanas. Os días 18, 19 e 20 de xullo celebrarase a XXVII edición desta emocionante festa que nos sorprende ano tras ano con enxeñosos vehículos construídos con moita dedicación para a ocasión.

A terceira fin de semana de xullo coincidindo coa festividade local de Santa Mariña, participantes de Galicia, do resto do país e, dende hai pouco, tamén de Portugal, marabíllannos coas súas creacións nas que a velocidade non é o único que importa, senón tamén a imaxinación, os acabados e as innovacións mecánicas.

Unha longa tradición

Tras case trinta anos de historia, o espírito de competición continúa moi esperto. As Carrilanas de Esteiro, unha das nove festas de interese turístico da costa da morte, atraen cada ano a todos aqueles curiosos que queren comprobar de primeira man a imaxinación, o enxeño e a ironía galega.

Estes vehículos de descenso por estrada, con tres ou catro rodas e sen ningún tipo de propulsión, acadan velocidades superiores ós 130 quilómetros por hora. As carrilanas adquiren esta fin de semana a categoría de deporte artesanal, aínda que tamén hai quen as cataloga entre os denominados “deportes de inercia”.

Carrilanas EsteiroCarro das piñas

Nas primeiras décadas do século XX os rapaces vascos tiñan escasos xoguetes, polo que usando vellos rodamentos de vehículos ou de fábricas, e con só catro táboas, construían un vehículo sen propulsión co cal se lanzaban por pendentes para coller impulso.

En Galicia son coñecidas como “carro das piñas”, xa que antigamente o que se empregaba para correr era as carretas coas que se trasladaban as cargas de madeira ou as piñas dos piñeiros.

Ademais, as goitiberas ou carrilanas teñen unha orixe popular e festiva, estando presentes nas festas de moitos municipios do norte peninsular, especialmente en Galicia, Asturias, Euskadi, Navarra e Cataluña.

Carrilanas EsteiroO soño dun pobo

No 1988 comezou a celebrarse o descenso e tras doce anos, foi declarado coma Festa de Interese Turístico de Galicia. No 2014, a que é a edición número XXVII, ven marcada pola candidatura presentada do Gran Premio Carrilanas de Esteiro Marqués de Vizhoja, a Festa de Interese Turístico Nacional, que será resolta en menos dun mes.

“Temos moitas esperanzas depositadas na designación […] Son moitos os requisitos que a candidatura esixe, pero coidamos que os cumprimos con creces”, afirmou David Fernández, presidente da Asociación Deportiva e Cultural Esteirana de Carrilanas.

Non te perdas nin un intre

A fin de semana estará cargada de actividades relacionadas co mundo da competición. O venres ás 19:00 comezan os adestramentos oficiais libres, e á noite dúas magníficas orquestras amenizarán a velada.

O sábado, a partir das 12:00 da mañá exporanse as carrilanas que competirán ó día seguinte na Alameda. E xa pola tarde, ás 18:30, haberá exhibición de Porches no circuíto, para posteriormente, ás 19:00h, celebrarse a Pole Position. Tras un completo día, as orquestras de Santa Mariña Zeltia e Factory Discomovil entreterán a noite.

O domingo é “o gran día”. A saída darase ás 19:00 da tarde, cando comezarán a rodar as carrilanas dos rapaces. A continuación, ás 19:30 sairán as carrilanas lentas e por último, ás 20:00h, as carrilanas rápidas. Unha vez rematada a carreira, entregaranse os trofeos e premios e levarase a cabo unha degustación de produtos da terra e do mar con viño do patrocinador oficial deste evento, Marqués de Vizhoja. Para rematar unha intensa fin de semana actuará o Grupo Folk Parameán.

Carrilanas Esteiro

Unha grata experiencia

Para formar parte da competición só hai que inscribirse vía online, cubrindo o formulario e enviándoo ó correo inscripciones@carrilanasesteiro.com. Para facela efectiva, o sábado 19 na Alameda de Esteiro os corredores deberán presentar o D.N.I. e firmar os documentos. No caso da competición de rapaces, o pai, nai ou titor teñen que cubrir tamén a autorización para menores de idade.

Carrilanas EsteiroAs carrilanas deben seguir unha serie de normas respecto á súa construción. O ancho máximo será de 1,15m e o largo de 3m. As rodas terán un diámetro de 45cm, os seus eixos serán de madeira e poderanse cubrir de goma (sen aire e sen rodamentos). O uso de engrases está prohibido, polo que se inspeccionarán as mesmas antes e despois da carreira.

En canto ós pilotos e copilotos, ambos os dous deberán levar casco integral de suxeición, peto de protección, roupa que lle cubra todo o corpo e identificación. Ademais, deben saber que para a Pole Position os dous poderán empuxar na saída mentres que para a carreira só poderá empuxar o copiloto.

Os premios e trofeos concederanse segundo as diferentes modalidades. No caso das carrilanas rápidas serán os tres primeiros clasificados os que recibirán 300€, 200€ e 100€, respectivamente, máis trofeo. Os tres rapaces máis rápidos e o piloto máis novo recibirán trofeo, os demáis nenos recibirán unha medalla independentemente da súa clasificación. As carrilanas lentas, de mulleres e nas que correu o piloto só recibirán trofeo os tres primeiros clasificados. Concederanse tamén trofeos á carrilana máis elaborada, á carrilana do ano, ó gañador da Pole Position, ó gañador do gran premio… e por último, o trofeo Mestre Xosé Agrelo, que será outorgado ó máis teatreiro, xunto cun premio de 100€.

Por: Celeste Sánchez
Publicado o 15 de Xullo do 2014 | 11:49 a.m.