publicidade hoxe
Celtas, gregos e romanos invaden o Porriño - Cabecera

Celtas, gregos e romanos invaden o Porriño

Porrigalia

Porrigalia estréase esta fin de semana e o Concello transfórmase para rememorar cinco civilizacións. Unha aposta que implicará tanto a comerciantes e hostaleiros como a clubs deportivos e asociacións de veciños. Un evento que non só ansía a participación de todos os porriñeses senón a de toda Galicia.

Coincidindo coa festividade local de San Bieito, o Concello de O Porriño aposta por unha nova festa para estes días, o 12 e 13 de xullo concretamente. Porrigalia, algo non visto ata o momento, require a implicación de todo o pobo, o cal decorará as rúas e os establecementos seguindo a estética destas civilizacións.

Unha nova aposta

O prato forte desta intensa fin de semana será un concurso baseado nos Xogos Olímpicos, que consistirá na realización de probas típicas dos séculos pasados. Tamén haberá un amplo abanico de actividades lúdicas ambientadas nesta liña e dirixidas a todos os públicos (pasarrúas, paseos en camelo, teatro, xogos populares, bailes…).

Para darlle un maior impulso ó evento, a concellería de Festexos e Deportes que dirixe Alejandro Lorenzo, creou unha páxina web, portal que comezou a funcionar o pasado 20 de xuño e recolle toda a información respecto ó concurso, desde a inscrición para participar nos I Xogos Olímpicos de O Porriño á indumentaria apropiada para a ocasión.

PorrigaliaOs celtas

Caracterizábanse pola súa lealdade, ánimo e orgullo na loita, e tamén polo seu gran sentido pola música, a poesía e a filosofía. A vestimenta habitual nos homes era o braccae. As mulleres adoitaban vestir túnicas longas e o péplum. Sempre con cores rechamantes e un estilo ben ornamentado acompañado de torques, brazaletes e diademas. O guerreiro galaico cinguía un puñal no seu cinto e portaba un escudo redondo e lixeiro para a batalla corpo a corpo.

Os gregos

A civilización helénica da Grecia Antiga ten a súa orixe nas culturas cretense e micénica. A vestimenta habitual era o chitón, un anaco rectangular de lá que se recollía nos ombreiros cun broche. Nas mulleres chegaba ata os nocellos e nos homes ata os xeonllos. O calzado máis común eran as sandalias de sola grosa. O soldado grego, coñecido como homoplita, levaba unha túnica curta de lá, coiraza peitoral, capa, sandalias pechadas, casco e grebas.

Os exipcios

Logrando sobrevivir durante 30 séculos, os exipcios regalaron ó mundo incribles obras arquitectónicas pero, tamén, moitas outras marabillas coma a escritura, o calendario, as momias… Usaban roupa de liño e de cor branca, xa que o clima era cálido e seco. Os homes vestían unha faldrilla que se enrolaba nas cadeiras suxeitándose cun lazo ou cinto. As mulleres, unha saia longa coa cintura moi alta e con tirantes anchos que lle cubrían os seos. Ademais maquillaban os ollos, empoaban as súas fazulas e pintaban os beizos.

PorrigaliaOs galos

Foron guerreiros temibles durante a Idade de Ferro e desapareceron coa conquista romana. Eran agricultores, granxeiros e fabricantes de cervexa cun gran comercio establecido. Fisicamente altos e fortes, de ollos azuis ou grises e longos cabelos louros ou vermellos, que levaban soltos ou anoados en trenzas. Os homes vestían pantalóns e túnica curta con mangas e as mulleres unha túnica longa e xoias de bronce ou ouro. Os guerreiros galos utilizaban espada longa, un escudo de grandes dimensións e longas picas; cubríanse de ouro e adornábanse con torques.

Os romanos

Rómulo e Remo foron os fundadores dunha pequena cidade que medrou e se converteu, co paso dos anos, nunha das máis fortes e extensas urbes. Tiñan un gran afán pola guerra e a dominación doutros pobos que contrastaban co amor pola vida rural. A vestimenta principal era a toga que se diferenciaba de cor e de ornamento segundo as idades, rangos e funcións. Os soldados levaban coiraza, casco, escudo, perneiras e lanza.

Dente a Grecia Antiga ó Porriño, as olimpíadas

Cada participante debe pertencer a un dos pobos mencionados anteriormente e, por suposto, ir disfrazado acorde ó elixido. As probas son individuais, excepto o xogo da soga e as carreiras de 4×100.

A inscrición é moi doada, pódese facer na web ou na mesma festa. Chagado o día, os concursantes terán que estar media hora antes de cada competición no lugar no que transcorran estas e indicar o seu nome ós xuíces.

Con motivo da demostración das diferentes calidades persoais son doce as disciplinas, cal será a túa elección?

Antigas costumes

A loita, xunto co atletismo, é un dos deportes máis antigos. Segundo as leis da deusa Atenea, o gañador será aquel que expulse ó adversario dos límites do terreo de xogo e o derrube.

Na carreira de cabalos, os concursantes terán que demostrar a súa velocidade derribando o menor número de obstáculos.

A carreira de carros, coa que Rómulo intentou distraer ós sabinos, chega a Porrigalia para sorprender ó xurado. Ó trote ou ó ritmo? Iso decidirase chegado o momento.

O corte de troncos, onde os eucaliptos serán os protagonistas, deberán ser cortados en cinco partes cada anaco. A forma de facelo será ó gusto do cortador.

O xogo da soga non se realizará con entrañas ou pel de animais nin se botará ós perdedores ó lume, coma facían os vikingos, pero será igual de divertido. O equipo gañador será aquel que leve ó seu terreo ó rival.

O lanzamento de pedra debe a súa orixe á mitoloxía grega. Nel medirase a forza dos concursantes de cada equipo, os cales deben lanzar pesadas pedras o máis lonxe posible.

Porrigalia

Actuais tradicións

Os 100m lisos, disciplina da que Hércules é precursor, é unha carreira de velocidade que consiste en correr 100m coa maior velocidade posible.

Os 4x100m relevos é unha proba que ten o obxectivo de descubrir cal é o máis veloz dos equipos. O primeiro dos participantes de cada grupo deberá recorrer unha distancia determinada, logo pasa ó seguinte corredor un testemuña e así sucesivamente ata que se completa a distancia da carreira.

O tiro con arco seguirá unha serie de regras para manter a igualdade entre todos os tiradores, o gañador será o que máis puntos acade tras o lanzamento das súas frechas.

Tendo tres intentos, o gañador do salto de altura será aquel que acade a maior altura sen derrubar o listón que a marca. O estilo de batida é libre pero acostumaremos a ver o tan coñecido Fosbureflop.

E, por último, o salto de lonxitude. Pernas e abdominais fortes é o que se necesita para ser o campión desta proba. Os competidores farán tres saltos e os sete mellores pasarán á rolda final, que consta doutros tres saltos. O autor do salto máis longo será o gañador.

A halterofilia, ten seus orixes en China hai uns 5000 anos, o gañador será aquel que levante o maior peso, existindo categorías diferenciadas segundo o sexo.

Demostra as túas valías

Tapas, apócemas, fotografía ou disfrace son os concursos dos que poderán ser partícipes durante as xornadas festivas tanto hostaleiros da vila como veciños ou visitantes de Porrigalia. Haberá un único gañador de cada categoría que se proclamará o día 28 de xullo segundo as votacións na web e no Facebook.

Para as tapas e apócemas serán os hostaleiros de Porriño os que presentarán as súas creacións. Estas deberán inspirarse nun prato ou bebida dun determinado equipo. Todo aquel que puidera disfrutar delas, terá dende o 14 ó 27 de xullo para votar a súa favorita.

O concurso de fotografía ten o obxectivo de fomentar Porrigalia, cada participante, dende o sábado 12 ó martes 15 de xullo, presentará unha única foto que se identifique co espírito da festa. Ata o día 27 estarán abertas as votacións para a elección da gañadora.

E, seguindo a temática, haberá dúas categorías no concurso de disfraces, infantil (ata 12 anos) e adultos e poderán presentarse en solitario ou en grupo. As fotos de cada un votaranse ata o día 27, igual que nas outras modalidades.

 Porrigalia

Por: Celeste Sánchez
Publicado o 11 de Xullo do 2014 | 2:57 p.m.