publicidade hoxe
A Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional - Cabecera

A Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional

Rapa das Bestas. Foto de Ralf Pascual Izarra

A máis famosa das Festas dedicadas á Rapa de cantas se celebran en Galicia é sen dúbida a que ten lugar esta fin de semana en Sabucedo (A Estrada). A pesares do gran número de curros que se celebran ó longo e ancho da nosa xeografía, este é que máis tradición arrastra e o que máis visitantes congrega.

Esta festa, a cabalo (e nunca mellor dito) entre o relixioso, o máxico e o lúdico, celebrase cada ano durante o primeiro fin de semana de xullo, facendo as veces de inauguración das festas do verán.

Entre a historia e o mito

Para atopar a orixe desta festa temos que remontarnos varios séculos atrás, aínda que como adoita acontecer nas celebracións de tanta tradición, aínda a día de hoxe continúa sen haber acordo sobre o seu nacemento.

Para algúns, os petroglifos atopados nos montes da parroquia, nos que se identifican figuras de homes loitando coas bestas, demostran que se trata dunha práctica anterior mesmo ó nacemento de Xesús, polo que a súa vinculación Igrexa quedaría descartada. A maxia cobra aquí todo o seu sentido e supera calquera conexión relixiosa.

Sen embargo, para outros, a orixe da Rapa atópase nunha lenda oral de tempos moito máis modernos e que fai referencia a unha peste que devastou a bisbarra e que levou a dúas irmás da aldea a ofrecerlle a San Lourenzo dúas bestas a cambio de que as defenderá do mal. Segundo esta lenda, as dúas irmás refuxiáronse nunha cabana afastada da aldea durante o tempo que durou a peste e ó rematar esta doáronlle as bestas á Igrexa. A pesares de non haber datos ó respecto, o que si é certo é que se conservan certos topónimos como “O coto a Cabana”, a “Caraballeira das Vellas”, a “Fonte das Vellas”… E tamén algúns escritos sobre unha peste bubónica na zona que tivo lugar no século XVI.

Así é que versións hai para todos os gustos e, como adoita acontecer nestes casos, a decisión de a cal delas darlle crédito queda xa en mans de cada un.

Rapa das Bestas. Fotografía de José Manuel Ramos IglesiasA recollida das bestas

A festa comeza coa recollida dos cabalos no monte, onde viven en liberdade durante o resto do ano. Os mozos que participan nesta tradición, soben a por eles, reúnenos e báixanos ó curro, que se atopa na propia aldea e que será o lugar no que se levará a cabo a rapa das crinas e o marcado co distintivo de cada familia.

Dito así o proceso parece sinxelo, pero non hai máis que reparar no nome que reciben os mozos que o levan a cabo para decatarse de que fácil non é.

Os aloitadores

Os aloitadores son, xunto coas bestas, os grandes protagonistas desta festa. Homes e, cada vez máis, tamén mulleres, que empregan a súa destreza e saber facer para reducir ó animal sen empregar nada máis que o seu propio corpo. Non hai cordas nin paus, trátase dunha loita corpo a corpo na que os aloitadores demostran as súas habilidades. Unhas habilidades adquiridas a través de anos de experiencia, dende que de cativos vían ós seus pais e ós seus avós facer o mesmo.

A misa da alborada

A misa da alborada é a que da o verdadeiro pistoletazo de saída á festa, trátase dunha eucaristía que se celebra na madrugada do sábado, para pedir a protección de San Lourenzo para que non se produza ningún accidente durante os curros.

Despois de oír a mira, os mozos de Sabucedo e das parroquias veciñas, cada un co seu “pau de moca” na man, diríxense ó monte para xuntar e baixar ás bestas. O pau de moca é unha vara de madeira de carballo que remata nunha verruga e que se emprega para espantar as bestas.

Os mozos organízanse por grupos e repártense por zonas para ir xuntando ás bestas. Unha vez feito o grupo, polo mediodía, despois de comer o bocadillo no monte e beber un pouco de viño como manda a tradición, procédese á Baixa.

Coas bestas xa no curro, tras a espectacular entrada na aldea, a primeira Rapa ten lugar o sábado pola tarde.

Rapa das Bestas. Fotografía de José Miguel Pérez Bermúdez

“Os bichiños”

Antes de comezar co proceso da rapa, os poldros (bichiños) son sacados do curro para evitar producirlles ningún dano. Proceso que adoitan facer os máis pequenos, os que serán no futuro os aloitadores. Os nenos que comezan a súa “preparación” e que moitas veces deixan asombrado ó público coa súa valentía.

De feito, segundo algúns estudosos, o acto da Rapa das Bestas é case como unha superación da xuventude, un paso á vida adulta, unha iniciación simbólica do paso de neno a home.

Comeza o espectáculo

Cunha forma de loitar herdada de xeración en xeración, os aloitadores reducen ás bestas colléndoas polo rabo e a cabeza. Un deles salta enriba do animal, tratando de non perder o equilibrio e aguantar sen caer ó chan. Entón chega un segundo aloitador que se engancha nas crinas dianteiras, e por último aparece un terceiro para agarrar ó cabalo polo rabo tratando de desestabilizalo e mandalo ó chan.

Entre os aplausos e os berros dos espectadores, que non deixan de animar, realízase a rapa e o marcado.

O curro repítese o domingo pola mañá, que é o día grande e no que non cabe un alma na praza.

Rapa das Bestas. Fotografía de Eduardo José RamosUnha vez rematado este, ó mediodía do domingo será o momento no que as bestas poñan rumbo de novo ó monte, reagrupándose elas mesmas ó redor dos seus “cabalos xefes” para formar os seus grupos e repartirse de novo polos montes da parroquia.

Este será o peche de ouro a un fin de semana de tradición, de vinculación coa natureza, de posta en valor das raíces desta parroquia. Pero ó mesmo tempo, un fin de semana de festa, de verbena, de pasarrúas.

A Rapa das Bestas de Sabucedo foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional no 1963 e máis recentemente, no 2007, foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

A música, o polbo e o viño acompañan tamén a esta celebración na que os veciños aproveitan para xuntarse coa familia, mentres que os visitantes se achegan a Sabucedo coa tenda de campaña para pasar unha fin de semana disfrutando da tradición e a festa.

Rapa das Bestas. Fotografía de José Miguel Pérez Bermúdez Rapa das Bestas. Fotografía de Manuel Matías Marras Ramo Rapa das Bestas. Fotogradía de Eduardo José Ramos Rapa das Bestas. Fotogradía Eduardo José Ramos

Fotografías extraídas do libro Foto Rapa 08

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 4 de Xullo do 2014 | 2:25 p.m.