Ribadavia, epicentro cultural das artes escénicas - Cabecera

Ribadavia, epicentro cultural das artes escénicas

teatro-ribadavia-1

A localidade ourensá de Ribadavia inaugurou o pasado sábado 19 de xullo a XXX Mostra Internacional de Teatro (MIT). Oito intensos días que constitúen un encontro estratéxico para o teatro galego, congregando destacados nomes da escea internacional como o británico Declan Donellan ou a italiana Emma Dante.

Tendo especial protagonismo nesta edición, a musicalidade predominou na obra coa que se inaugurou a MIT o pasado 19 de xullo, “A Tempestade” de Shakespeare que veu da man da compañía Voadora. Este ano preténdese mesturar a música cos espectáculos, polo que poderase gozar de 19 obras e 23 citas musicais e escénicas.

Ribadavia, un referente para o sector

No 1984, ano no que se celebrou a 1ª edición da MIT, a súa programación contaba con espectáculos de compañías galegas como o Centro Dramático Galego co espectáculo “Woyzeck”, o Teatro Titirití con “A Cova do Rei Centolo” ou o Teatro Caritel coa peza “Isto non é serio, señores!”. Sen embargo, nos seus inicios tamén puidemos gozar de obras chegadas de Italia, Francia, Cataluña, Madrid e Asturias.

A día de hoxe, o teatro galego é un “referente fundamental para o sector escénico en Galicia, polo seu papel histórico de escaparate dos traballos actuais das compañías galegas e, tamén, como espazo de intercambio e contacto coas tendencias que se realizan fora”, aclaraba o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Apostando pola innovación e congregando a grandes personalidades internacionais, a XXX Mostra Internacional de Teatro, que terá lugar ata o próximo sábado 26, presenta unha marabillosa programación coa que poderemos gozar de propostas de compañías galegas como Chévere ou Voadora pero, tamén, obras de pretixiosos directores internacionais. Segundo Anxo Lorenzo, “Unha programación coas portas abertas á experimentación, á descuberta de novas linguaxes no ámbito  dramático e á fusión das artes, nun sentido amplo e en relectura permanente do concepto de artes escénicas”.

Ademais, segundo Roberto Pascual, director da MIT,preténdese buscar un “compromiso coa coproducción” e remarcar a programación infantil que, tamén, se trasladará a lugares do rural de Ribadavia, o que permitirá unha convivencia co teatro en distintos puntos.

teatro-ribadavia-2Sorprendendo e arriscando

Na 30 edición, a Mostra Internacional de Teatro busca chamar a atención dun público que demanda novidade e sorpresa. Polo tanto, asume novos riscos, esforzos, alianzas e novos discursos dende unha linguaxe contemporánea e impactante, coa axuda da musicalidade e da convivencia do canónico co máis emerxente. En palabras do director da MIT, “a escena coma símbolo proactivo dunha sociedade viva”.

Así pois, a musicalidade percíbese coma o artefacto escénico eficaz para xerar novas formas e provocar estímulos que reteñan a atención dun espectador esixente, crítico e inconformista. Máis alá do teatro musical, falamos dun novo xeito de empregar a música, a palabra ou o ritmo.

Continúase tamén coa idea de converter ó festival nun ente coproductor, algo necesario e complementario para a demostración do talento escénico galego e a creatividade das novas producións. Neste sentido, entre moitas outras, destaca a Compañía Voadora por levar a cabo a campaña “crowdfunding” coa que reclama que os gobernos tomen responsabilidade en materia teatral.

Outra das novidades é a presentación do teatro arxentino da man dos directores Nacho Ciatti e Jorge Eiro que terá lugar hoxe, xoves 24, ás 23:00 horas no Auditorio do Castelo.

Por outro lado, preténdese levar a cabo o teatro de proximidade e vivir a experiencia de que os actores convivan no espazo do espectador para xerar atmosferas de emoción irrepetible. As obras que nolo demostrarán son “Que vaya bonito” (o venres 25 ás 21:00 na Paza da Madalena), “Diante do espello” e “A 20 de novembro”.

Os anfitrións

teatro-rivadavia-3Ribadavia, como epicentro cultural das artes escénicas galegas e como referente destacado para o teatro nacional e internacional, acollen estas oito xornadas a un amplo abanico de directores e pezas teatrais.

Descubrindo o que nos ofrecen as compañías autóctonas atopamos Chévere, que coa obra “Viaxe ó país dos ananos” preséntanos o cabaré nihilista de Galicia o venres 25, Día da Patria, ás 23:00h no Auditorio do Castelo.

Maduixa intentará introducirnos no universo plástico do artista norteamericano Sol Lewitt, para isto empregará a danza e as proxeccións audiovisuais. Abrapalabra representará a obra de Cándido Pazó chamada Decamerón, que terá lugar hoxe no Adro de Santo Domingo á 01:00h.Voadora coa obra “A Tempestade” de Shakespeare, que como mencionamos ó principio da reportaxe, foi a peza coa que se inaugurou a 30 edición da MIT. Ademais de moitas outras coma: Triatreros, Uttópico Teatro, Babaluva, etc.

Os invitados

teatro-ribadavia-4Situándose como unha institución escénica atenta á orixinalidade e innovación das tendencias escénicas contemporáneas internacionais, a MIT busca compartir ano tras ano escenario con destacadas personalidades internacionais do ámbito.

Este ano conta con reputados nomes como é o caso de Emma Dante, unha das máis recoñecidas directoras teatrais de Italia que, tras presentar no festival de Avignon a súa de teatro-danza “Le sorelle Macaluso”,chega a Ribadavia para deleitarnos coas súas pezas.

Declan Donellan, prestixioso director británico, dirixe a obra “UBU ROI” que está ambientada nunha brutal sátira de Alfred Jarry sobre a avaricia e o abuso de poder dunha familia burguesa parisina.

Os armenio-italianos Jashgawronsky Brothers (recibiron o Premio do Público da MIT 2011)desenvolve nunha parodia musical con clown e ironía sobre a reciclaxe, o consumo e o politicamente correcto das sociedades do primeiro mundo.

Tamén contamos con compañías e directores de rango nacional como é o caso dos madrileños Ron Lalá e CNTC, dos cataláns Teatro de Cerca (venres 25 ás 21:00h), dos andaluces La Rous (sábado 26 ás 20:00), e moitos outros.

O recoñecemento

A Mostra de Teatro Internacional non é menos ca ningún outro festival ou espectáculo e conta coas súas propias categorías de premios. Tres tipoloxías diferentes que premian o mellor texto, o mellor espectáculo e a maior implicación.

Premio Abrente para Textos Teatrais

teatro-ribadavia-5A través da Mostra Internacional de Teatro e para incentivar a creación dramática en galego, o Concello de Ribadavia convoca o Premio Abrente para Textos Teatrais.

O xurado, integrado polo Alcalde, o Concelleiro de Cultura, o Director da MIT e tres persoas reputadas no sector, ditaminará a obra gañadora que será publicada na colección “Abrente de textos teatrais” pertencente á Editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas e o seu autor recibirá a cantidade de 3000€.

Premio do Público ó mellor espectáculo da MIT

Este será o décimo cuarto ano no que se outorga dito premio e sempre co obxectivo de facer partícipe ó público. Segundo a tradición, a compañía gañadora deberá actuar na edición do ano seguinte. Así acontece con Abrapalabra, a compañía premiada no pasado ano, que actuará nesta edición da MIT o día de hoxe á 01:00.

Premio de Honra Abrente

A dirección do festival de teatro concede este premio como recoñecemento público e para resaltar ós colectivos ou persoas responsables do progreso nas artes escénicas galegas que son froito da modernización e democratización social e cultural.

No 2013 foi a Revista Galega de Teatro e o Diario Cultural os que recibiron dito premio pola súa dedicación á difusión das artes escénicas e polo compromiso que mostran ano tras ano co sector.

 

Fotos: Mit

Por: Celeste Sánchez
Publicado o 24 de Xullo do 2014 | 6:10 p.m.