
Xenios do folk rodeados de carballos
A comarca de Zas prepárase para celebrar a XXXI edición da Festa da Carballeira coa presenza de artistas como John Whalen ou Budiño. Un multitudinario evento que ten lugar o primeiro sábado de agosto de cada ano e no que a liña central son as actuacións musicais de ton folklórico e a degustación de pratos tradicionais na compañía de familiares, amigos e veciños. Un acontecemento que non sinalarás no calendario porque será imposible que te esquezas del o ano seguinte. |
Achegarse a Zas o próximo sábado é o mellor plan que se pode elixir. O xantar, elaborado con produtos caseiros, constará de polbo, pementos de Padrón, churrasco, patacas… e viño. O característico é que un alfareiro de Buño (localidade próxima) cada ano deseña unha xerra de barro para dito acontecemento, os asistentes poderán mercala por un módico prezo recibindo un anaco de empanada, unha botella de viño e toda a queimada que desexen (ata esgotar existencias). Por suposto, tanto pola tarde coma pola noite, a música acompañará a que será unha xornada para recordar.
Non obstante, podemos dicir que a celebración xa comezou porque a semana previa ó día da celebración de dita festa, o Concello de Zas organiza unha serie de actividades dirixidas a diferentes públicos. Hoxe, xoves 31 de xullo, ás 21:30h no auditorio da vila terá lugar a peza teatral “Sede de Mal”. Mañá, ás 22:00h, poderemos gozar dun pasarrúas da man do grupo tradicional O Pichote da Gandaina e, a continuación, dun concerto de folk de Radio Cos e Saldos Negativos.
Segundo conta a lenda…
Un marabilloso tesouro formado por unha enorme cantidade de barras de ouro e prata está escondido no pico do Monte do Castro dende fai centos de miles de anos. Ata hoxe ninguén ousou buscalo xa que o día que alguén o atope sucederán tantas desgrazas que a comarca quedará afundida. Precisamente por este motivo, polo medo que acompaña ós veciños de Zas, decidiron celebrar unha cerimonia cada ano no mes de agosto para ter contentos ós espíritos deste lugar.
Baixo a carballeira
Dende tempos inmemoriais, o último domingo de agosto celebrábase a Festa do Santísimo Sacramento, unha festa de carácter profano. Os homes de Zas e das proximidades reuníanse á beira do río, ó amparo dos carballos, comían polbo, sardiñas, pan de broa… e bebían viño amenizados por un grupo de gaitas. Á noitiña desprazábanse ata a Praza do Campo,no centro da vila, para continuar cos festexos.
Xa nos anos 80, esta celebración converteuse nunha tradición polo que se creou unha Comisión de Festas que, ademais de temas organizativos, encargábase de solucionar determinadas controversias que xurdían ano tras ano. Tamén cómpre destacar que, a partir deste momento, as mulleres empezaron a acudir á festa.
Porén, por problemas cos propietarios das carballeiras e demais, decidiuse cambiar a data e o lugar. Polo tanto, pasouse a celebrar o primeiro sábado de agosto na Carballeira de Velar, o que se mantén ata os nosos días xunto co obxectivo que se pretendía por aquel entón, gozar dunha xornada entretida coa degustación de alimentos tradicionais e boa música.
Arrincando de xeito tradicional
Os grupos A.C. Castro Meda, A.C. Brisas do Quenllo e a Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa terán o pracer de inaugurará festa. Isto será a partir das 18:00h,unha vez rematado o xantar, para entreter a todos aqueles que se acheguen a Zas xa dende pola tarde.
A.C. Castro Meda
Máis de cen mozos forman parte desta escola, na que prema o carácter tradicional que se mantén tanto nos bailes e músicas como na fala ou na vestimenta. O seu obxectivo é trasladar ó público a forma de vivir e de divertirse dos nosos antepasados.Froito da dedicación e do esforzo de moitos anos, recibiron varios primeiros premios no Concurso de Baile da A.X. Xacarandaina.
A.C. Brisas do Quenllo
Principalmente dedícanse ó baile tradicional, canto e pandeireta, gaita, percusión, zanfona e acordeón pero, tamén, esta agrupación realiza moitas actividades culturais ó longo do ano, por exemplo: teatro, títeres, contacontos, concursos, ruadas… nas que participan alumnos de todas as idades, socios, familiares…
Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa
Tras 12 anos de traballo, a música e o baile tradicional xunto con instrumentos como a gaita, a pandeireta, a frauta, o tambor… convertéronse no día a día de moitos ex alumnos do CEIP Pedro Barrié de la Maza, os cales agradecen ó grupo de nais e pais que buscando unha continuidade ó traballo desenvolto polos seus fillos, crearon dita asociación.
Xa pola noite, a localidade ponse en pé para recibir a grandes xenios da música folklórica. A partir das 21:00h e por tan só 7€ (con agasallo de CD conmemorativo do festival con dúas cancións de cada grupo),unha frenética verbena da man de artistas nacionais e internacionais animará a todos os presentes a bailar durante toda a noite.
Peregrino Gris
A pesar de que non se aprecia unha relación entre os costarriqueños e os países de orixe celta, este é un grupo de música folk e celta. Fundado no 2001 e despois dun longo traballo de investigación acerca das costumes e estilos de vida destas persoas, descubriron a relación existente entre culturas aparentemente diferentes.
Budiño
Destacado compositor que mestura os sons tradicionais galegos cos máis contemporáneos. Os premios e as favorables críticas que recibe ó redor de todo o mundo o converten nun prestixioso artista reclamado e admirado polo público.
John Whelan
Nacido en Inglaterra pero emigrado ós Estados Unidos este acordeonista é un dos mellores do mundo do folk. Ademais é moi recoñecido en Galicia por ser o creador do grito de “Lume!” que se pronuncia sempre nos mellores momentos dunha actuación e por ser dos primeiros en saír ó medio da carballeira a tocar rodeado polo público.
Calum Stewart e Heikki Bourgault
A superación e o ir máis alá, rompendo barreiras e traspasando fronteiras é o que caracteriza a este dúo. Bañado polas costumes escocesas, Calum Stewart, formouse en torno á música deste país e do seu veciño, Irlanda. Porén, Heikki Bourgault, sempre estivo á vangarda dos guitarristas franceses. Dous músicos ós que os unen as ganas de descubrir outras tradicións.
Riobó
Este grupo está encabezado pola violinista Begoña Riobó, unha das artistas con maior proxección no panorama musical de Galicia, e tamén con tacos instrumentistas Fernando Barroso, Marcos Campos, Xosé Liz e Fernando Pérez. A súa música recorre sempre a tradición galega que combina con estilos actuais.
Fotos: festadacarballeira.com