
Coa dorna en ombros, as peñas chegan a Riveira
A comarca do Barbanza prepárase para sete intensos días de festexo. Dende o venres 18 de xullo ó xoves 24 celébranse as festas locais da Virxe do Carme nas que se rememora o LXVI aniversario da botadura da dorna. Un espectáculo único do que disfrutarán os miles de visitantes que se acheguen á localidade. |
Case unha semana antes do día grande, o 24 de xullo, comezará unha celebración que ten como protagonista indiscutible á dorna, a embarcación típica da Ría de Arousa. Ademais da regata de dornas, o programa conta cun amplo abanico de competicións, actividades e concertos, con opcións para todos os gustos.
“O Viveiro”
Dende a organización da Festa da Dorna decidiuse poñer en marcha este ano un campamento para que os máis pequenos vivan de xeito positivo esta festa. “Queremos que o primeiro contacto dos mozos coa Festa da Dorna non sexa a través do alcohol, senón cos xogos que fixeron grande a celebración”, así o explicaba o vicepresidente da Confraría da Dorna, Narciso Fernández.
Polo tanto, durante este mes de xullo, rapaces de entre 7 e 11 anos participarán nos campamentos coñecidos como “O Viveiro” e poderán disfrutar das actividades que se levan a cabo en dito evento (canción da tasca, carrilanas…).
Todo comezou cun sorteo organizado pola Comandancia da Mariña de Vilagarcía no ano 1948. Con motivo da festividade local da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, o afortunado que tivera no seu haber a rifa premiada recibiría una embarcación de tipo dorna. Moitos veciños, tanto de Ribeira coma doutras localidades, mercaron as rifas, e varios deles resultaron premiados.
O 24 de xullo dese ano, os gañadores convocaron na praia do peirao portuario a todos aqueles que quixeran estar presentes na botadura da dorna Virxe do Carme, e unha vez rematado o acto, disfrutaron dun baile organizado nun bar do Concello.
Un ano despois volveuse a convocar ó pobo para celebrar o primeiro aniversario deste acto. Ó baile sumáronse outras actividades que amenizaron a festividade, actividades que perduran ata os nosos días.
Posteriormente, os premiados por ditas rifas pasaron a formar parte da “Real e Ilustre Confraría da Dorna”, tendo como obxectivo principal a organización e celebración do aniversario da Dorna, que foi adquirindo sona nas localidades veciñas.
Sen embargo, non todo foi sempre de cor de rosas e, co paso dos anos, a festa sufriu dificultades económicas. Así foi como naceron as “peñas”: Cajaboi Island, Pedra Pateira, Cabuxos do Mar, Berberechos Asasinos, Parrochiñas da Ria, As Fanecas Bravas e os Sinco Fodonsiños, Kirie Eleixon, Os Petóns, As Nasas, Chopitos and Tramallos Corporeixon, Os Lorchos. Once peñas, 40 persoas e un soño feito realidade.
O espírito da Dorna
Non se sabe con exactitude se foi no ano 1996 ou no 1997 cando se escribiu o himno dorneiro, pero foi no 1998 cando se fixo público na contraportada do programa desta festividade.
O autor é Santi Páramo e a música e interpretación correu a cargo de Ancoradoiro e os Diplomáticos de Monte Alto, que gravaron o himno no derradeiro CD que editaron. É a última canción, aínda que non figura no listado.
Sete días cargados de actividades
O programa da LXVI edición da Festa de Dorna ven cargado de actividades, que comezarán o próximo 18 de xullo e rematarán coa esperada “Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo. Jran Premio Cutre Sark”. Así como o oen.
Dende numerosos concursos, ata xogos, romarías, bailes, actuacións… sempre acompañados de entretidos grupos musicais (gaitas, charangas, orquestras, etc.).
Disfrutaremos do concerto de Os Diplomáticos de Monte Alto e das actuacións de Cè Pantasma, Carricobanda, Bodega-Bodega, Guezos, A Rebanda, La Banda de Andrelo, Kilomberos, Fanfarria Taquicardia, A Banda de Balbina, La Vieja Yegua Gris, Doc Shock, Acústica, The Lakazans e Ollomol.
“Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo. Jran Premio Cutre Sark”
O prato forte desta festa consiste nunha regata na que os participantes constrúen o seu propio buque, e deben trasladalo dende a “zona de fondeo” ata o “campo de regatas” paseándoo nos ombros da peña por todas as rúas de Ribeira. Nesta fazaña están acompañados de bandas de gaitas e charangas, que animan o paeíño.
A regata desenrolarase na praia de Coroso, comezando na beira e finalizando nunhas boias que servirán de meta. Sen embargo, o importante non é ser o máis veloz, senón amosar orixinalidade, deseño e construción.
Ao remate desta proba, terá lugar a entrega de premios na Avenida del Malecón, onde haberá unha feira rianxeira e poderanse degustar xoubas e mexillóns.
“Sertamen Itinerante da Cansión de Tasca”
Outro dos atractivos da festa é o concurso de canto, no que as peñas recorrerán tascas, bares e cafeterías. Cada taberneiro dará unha puntuación a estas pezas musicais e, en base a isto, haberá catro finalistas. O día 23, os escollidos repetirán os seus cantos, e será un xurado formado polos representantes das demais peñas participantes, o que designará ó gañador.
“Juateke Dorneiro”
Grazas á colaboración económica dos hostaleiros da localidade poderanse celebrar varios miniguateques ó longo das xornadas festivas. Para isto instalarase unha carpa nunha das prazas, onde se recreará o ambiente propio dos anos 60 e 70.
“Jran Prix de Carrilanas”
A única condición para participar no “Jran Prix” é dispoñer dunha carrilana na que os eixes e rodas sexan de madeira. Al peñas terán que tirar de enxeño para construílas, e con elas descenderán unha pendente de máis dun quilómetro, a coñecida como “Alto da Mámoa”, para desembocar preto da praza do Concello.
Os participantes volverán a amosar aquí a súa capacidade creativa, realizando un vehículo sobre rodas no que imperará, igual que na regata, a creatividade, crítica irónica, tecnoloxía e ganas de participar.
“Exame de Patróns”
Unha acertada pregunta ou unha proba superada será o motivo polo que unha nova peña pasará a formar parte da Asamblea de Peñas Dorneiras, e disfrutará de todos os privilexios que isto leva consigo.
Realizarase diante do resto das peñas na praza do Concello, e contará coa singularidade de que para realizar o exame ponse coma condición indispensable ofrecer un suborno ó tribunal para que valore a proba con obxectividade.
“Romaría Dorneira”
E como tada festa galega que se prece, haberá que acordarse tamén do estómago, non? As sardiñas asadas e as empanadas serán as protagonistas na Romaría Dorneira, na que ademais haberá grupos de gaitas, charangas musicais e distintos xogos e pasatempos. Entre outros, o campionato mundial de chinchimonei, as carreiras de sacos, o lanzamento de disco, os titiriteiros, os monicreques… Todos os que o desexen poderán disfrutar de balde dunha marabillosa xornada nas inmediacións do merendeiro situado a carón da Praia de Coroso.Será o broche de ouro a unha semana de festa e celebración por todo o alto.