publicidade hoxe

O Sergas expón en Santander as medidas adoptadas pola Xunta para cubrir as prazas de difícil cobertura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, participou esta mañá en Santander no XVI Encontro Interautonómico sobre protección xurídica do paciente, un acto no que destacou o conxunto de medidas implementadas pola Xunta de Galicia, co obxectivo prover con novos especialistas as denominadas prazas de difícil cobertura.

Durante o evento organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, a responsable Servizo Galego de Saúde precisou polo miúdo a situación actual dos cadros de persoal sanitario, apuntando como as principais eivas do sistema sanitario, a falta de facultativos ou o proceso de remuda xeracional de profesionais, de acordo á previsión de xubilacións que se producirán nos vindeiros meses.

Para facer fronte á situación, Ana Comesaña explicou que o Executivo galego leva meses traballando nunha serie de accións que permitan garantir a calidade asistencial que presta a rede sanitaria pública galega. Entre outras, puxo en valor a provisión de prazas mediante concurso de méritos, as melloras económicas acordadas coas organizacións sindicais, ou a posta en marcha de servizos virtuais, vencellados á oitava área sanitaria galega.

No que atinxe á provisión de prazas, salientou que Galicia creou a nova categoría de Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP), e que ofertou un total de 106 prazas desta especialidade sen necesidade de realizar exame. Así mesmo, abundou a directora xeral, “Galicia tamén convocou por este sistema outras 421 prazas, que teñen como destino os hospitais comarcais galegos, as especialidades vencelladas á Saúde Mental, ou a provisión de facultativos no primeiro nivel asistencial”.

Xa no eido das melloras retributivas, destacou o incremento do prezo/hora nas prolongacións de xornada, o novo modelo de intersubstitucións, a suba do complemento por illamento ou, o incremento das retribucións dos médicos de familia que desempeñan o seu labor nos PAC, cando superan as 550 horas.

Xunto co anterior, remarcou o proceso de xubilación activa destinado aos médicos de atención primaria e pediatría, e ao que se adheriron un total de 33 profesionais este ano; ou a incorporación de técnicos de saúde pública e farmacéuticos, para realizar funcións vencelladas á oitava área sanitaria galega, e coa que se conseguiu alixeirar a carga de traballo dos facultativos.

No peche da súa intervención, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas subliñou que é preciso seguir avanzando en novas medidas que optimicen a calidade asistencial e tamén melloren a estabilidade e o benestar laboral dos seus traballadores, remarcando a boa acollida que tivo a oferta de contratos de 3 anos para os profesionais MIR que remataron esta ano a súa especialidade, ou o modelo de contratos de continuidade en enfermería, posto en marcha polo Servizo Galego de Saúde.

21 de xuño de 2023 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.