publicidade hoxe

José González apela ao diálogo e ao entendemento para afianzar a baixa do paro en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

José González na reunión con UGT-Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse hoxe en San Lázaro co líder sindical de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, no marco do proceso de escoita activa que está a manter cos axentes sociais e económicos galegos. A pasada semana mantivo xuntanzas co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e cos secretarios xerais de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, e da CIG, Paulo Carril.

Na reunión de hoxe, volveu avogar por espazos de diálogo e entendemento para a mellora do mercado de traballo, deseñando desde o consenso programas e medidas para dar solucións aos retos da Consellería entre os que se atopan, ademais do axuste da oferta e a demanda de traballo para impulsar o emprego de calidade, a axilización dos apoios para que cheguen á cidadanía de xeito fácil e a atracción e retención do talento galego a través das políticas autonómicas.

González afirmou que as políticas activas de emprego da Xunta están a dar resultados favorables e así indicou que quedou reflectido nos últimos datos tanto de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social como da EPA. De feito, o último dato de paro rexistrado publicado -126.334- é o menor de toda a serie histórica, desde 1996.

Así, Galicia é a primeira comunidade na que máis descendeu o paro en termos relativos e a terceira en absolutos na evolución anual. Baixou o desemprego tamén na evolución mensual: nas sete grandes cidades, nas catro provincias e en todos os sectores de actividade.

Tamén caeu o paro nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo e, nese senso, a cifra de desempregados menores de 30 anos é a máis baixa nun abril desde que hai rexistros (2006), e de mulleres é o menor dato de toda a serie histórica (1996).

O conselleiro sinalou que para seguir avanzando na creación de emprego, é preciso dar solución á falta de man de obra a través dunha cualificación adaptada ás necesidades do tecido produtivo.

Neste senso, como compromiso de lexislatura, explicou que se afondará no modelo das microcredenciais, un mecanismo áxil para axustar a oferta á demanda; seguirase mellorando o Servizo Público de Emprego, unha renovación que Galicia abandeira a través da Intelixencia Artificial para casar oferta e demanda; e reforzarase a orientación cara á actividade empresarial. Tamén salientou que se porá o foco no desemprego xuvenil e de longa duración, este último a través do plan de seguimento intensivo da demanda que xa conseguiu activar o traballo de 4.200 desempregados.

En palabras de González, o Goberno galego traballa da man dos axentes económicos e sociais para seguir a impulsar o emprego, o comercio e o retorno das galegas e galegos no exterior que así o desexen para que Galicia siga prosperando.

7 de maio de 2024 | 16:29 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario