A Xunta licita o contrato do servizo de transporte sanitario non urxente da área sanitaria de Vigo por preto de 13,5 M€
A Xunta vén de licitar o contrato do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) da área sanitaria de Vigo, por un importe base de licitación de 13.464.549 euros e un período de 24 meses.
Os servizos que se realizarán baixo este contrato serán o traslado de pacientes ambulatorios aos centros sanitarios para consulta, tratamento, curas ou realización de probas e, tras a finalización destas, o retorno o seu lugar de residencia, por prescrición facultativa; e tamén traslados interhospitalarios para a realización de consultas, probas ou tratamentos, para ingresos hospitalarios, traslado a outra comunidade autónoma ou retorno desde outra comunidade. Igualmente, prestarase o servizo de transporte entre dous centros sanitarios dos enfermos que se encontren nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde.
Son os criterios médicos os que determinarán, mediante prescrición, que pacientes son os usuarios das ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do doente.
260.000 servizos anuais
O número de servizos estimados totais que se prestarán baixo este contrato é de 260.000 anuais nos concellos correspondentes á área sanitaria de Vigo.
O contrato, publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, prevé a posibilidade de prórroga do servizo por un prazo máximo de 12 meses, elevándose neste caso o valor estimado aos 20.196.823,92 euros.
Neste novo contrato mellóranse as condicións económicas dos traballadores de acordo co V Convenio colectivo galego de transporte sanitario, que inclúe actualizacións dos salarios e reducións de xornadas anuais. Así mesmo, contémplase un aumento das dietas, do plus de transporte e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.
Establécese a obrigatoriedade do cumprimento do convenio colectivo galego de transporte sanitario, así como o ofrecer aos traballadores un emprego estable e de calidade, ademais de protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais, asegurando todas as medidas de protección e prevención, proporcionando o subministro de equipos necesarios e promovendo condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.
Todos os servizos de transporte sanitario dos pacientes destas áreas sanitarias deberán realizarse no menor tempo posible, pola ruta máis adecuada e nas mellores condicións técnico-sanitarias e de confort para os doentes. Para conseguir este obxectivo, as empresas adxudicatarias deberán levar a cabo xuntanzas periódicas co servizo designado polo Servizo Galego de Saúde co fin de planificar as rutas máis idóneas.
As ditas rutas adaptaranse en función das localidades e domicilios dos pacientes e aos horarios de recollida, tratamentos e presenza dos enfermos nos centros sanitarios e a localización dos mesmos.
Cada unha das ambulancias notificará vía telemática, a tempo real, todos os cambios de estado e os tempos solicitados. A comunicación dos pacientes trasladados realizarase mediante un sistema de lectura da tarxeta sanitaria, no suposto de que non poida utilizarse este sistema, os datos do paciente deberán de ser mecanizados igualmente.
As empresas interesadas neste contrato de servizo teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 31 de maio ás 14:00 horas.