publicidade hoxe

Cada galego reciclou o ano pasado 30,3 kg de envases lixeiros e de papel-cartón, case un 3% máis que en 2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior.

Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega.

Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica —case un 6% máis que o que se reciclaba hai 5 anos— coa seguinte distribución por tipo de material: 37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira.

Desta cantidade, as maiores achegas proceden dos 57.680 contedores amarelos (destinados á recollida de briks e envases de plástico e metal) e azuis (para depositar os de papel e cartón) que hai repartidos por toda Galicia e dos que se recuperaron o ano pasado 47.863 Tn de envases de orixe doméstica, case o 65% do total, un dato que reflicte a importancia da separación que se fai nos propios fogares.

En concreto, cada galego contribuíu o ano pasado á reciclaxe dunha media de 15,2 kg de papel e cartón e de 15,1 kg doutro tipo de envases lixeiros, o que confirma a tendencia ascendente dos últimos anos e o compromiso e a sensibilización cada vez maior da poboación galega coa separación en orixe.

Neste sentido, cómpre indicar que o ano pasado reforzouse a actual rede municipal para facilitar a recollida selectiva deste tipo de envases coa instalación de case 1.300 contedores novos: 925 de cor amarelo e 365 azuis.

Así mesmo, outro 9% das toneladas recicladas en Galicia (6.751 Tn) proceden da recollida separada a nivel privado que se realiza en lugares que concentran unha gran afluencia de público e nos que habitualmente se xeran moitos residuos de envases, como poden ser estadios de fútbol, centros comerciais ou instalacións penitenciarias, entre outros, e nos que Ecoembes ten instalados máis de 2.200 puntos de reciclaxe e 29 máquinas Reciclos, un sistema de devolución co que se incentiva a reciclaxe de latas e botellas de plástico a través de recompensas sociais e ambientais.

Por último, o 25,9% restante dos envases lixeiros e de papel-cartón recuperados o ano pasado en toda a Comunidade (19.073 Tn) teñen a súa orixe nas plantas de residuos que tratan a chamada fracción resto —é dicir, aquela na que o lixo chega mesturado— grazas á separación dos envases que son recuperables.

O hábito de separar residuos tamén se estende fóra dos fogares ao sector turístico e hoteleiro. Na rexión, segundo os datos de Ecoembes, 76 hoteis e 144 cámping contan con recollida selectiva de envases e máis de 5.000 locais Horeca (bares e restaurantes) forman parte do programa Ecohosteleiro, que axuda aos establecementos a ser máis sostibles incorporando a reciclaxe de envases nas súas instalacións. Por outro lado, 214 albergues galegos forman parte xa da iniciativa Camiño da reciclaxe.

16 de maio de 2024 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.