A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención telefónica para a elaboración da renda 2023
A Xunta colabora con 36 empregados públicos na campaña de atención telefónica para a elaboración da renda de 2023, así como na videoasistencia para maiores de 65 anos que se inician hoxe. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Administración galega que realizarán labores de coordinación.
Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2022, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.
A través das plataformas mixtas situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.
Esta campaña de reforzo que comeza hoxe a través do ‘Plan Chamámoslle’ e da videoasistencia para maiores de 65 anos abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comezará o vindeiro 3 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 1 de xullo.
Novidades Campaña Renda 2023
Os contribuíntes galegos xa se benefician desde o pasado mes de abril, cando se iniciou a Campaña da Renda 2023, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos.
Neste sentido, Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, un incentivo que ata o de agora tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500€). Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres). En total serán case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resulten beneficiadas na súa declaración.
Ademais, os contribuíntes galegos estanse a beneficiar xa da deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF; da rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar. O obxectivo destas medidas é mitigar os efectos da inflación da renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica.
Desta forma, benefícianse todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Así, grazas a todas estas medidas, sumadas as que xa estaban en vigor con anterioridade, permitirán que un contribuínte galego aforre de media, na súa declaración da renda, 476 euros en relación ao que pagaba no ano 2009.