publicidade hoxe

Galicia comparte con Cataluña o seu modelo de xestión do lobo e o sistema de compensacións económicas ao sector gandeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Xunta compartirá esta semana con técnicos e funcionarios da Generalitat de Cataluña os puntos clave do modelo de xestión do lobo ibérico que vén aplicando en Galicia así como o funcionamento do seu sistema de compensacións económicas e axudas en materia de prevención destinadas a apoiar ao sector gandeiro fronte aos ataques desta especie.

Coincidindo co primeiro día da visita a Galicia da delegación catalá, conformada por catro membros do servizo de Fauna e Flora da Subdirección Xeral de Biodiversidade e Medio Natural da Generalitat, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, deulles a benvida e agradeceu o interese amosado por coñecer de primeira man a xestión levada a cabo por parte do Goberno galego con relación ao lobo ibérico e á súa convivencia co medio rural, un recoñecemento, tal e como dixo, aos resultados acadados grazas ao labor desenvolvido pola Xunta e polo seu departamento en concreto.

Esta primeira xornada serviu para que os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda responsables na materia expuxeran ante o persoal da Generalitat que se desprazou a Santiago a súa ampla experiencia no seguimento poboacional da especie e na xestión dos sistemas de axudas á compensación e prevención de danos.

Neste sentido, Belén do Campo incidiu en que, grazas ás medidas adoptadas, Galicia logrou manter desde hai máis dunha década un número de exemplares “estable” no tempo e “minimizar a conflitividade” xerada polos danos que ocasionan nas explotacións gandeiras e no gando en extensivo.

Así o constata o último estudo poboacional do lobo encargado pola Xunta e levado a cabo entre os anos 2021 e 2022. En concreto, a directora xeral salientou que á vista dos resultados destes traballos, que permitiron estimar a existencia dunhas 93 mandas reprodutoras, pode concluírse que o estado da especie en Galicia é “favorable”.

O outro aspecto central da visita é a xestión realizada pola Xunta das sucesivas ordes de axudas para compensar os danos producidos polo lobo e para impulsar e adoptar medidas preventivas fronte ao mesmo, un esforzo que desde 2016 se traduciu xa en 8,4 millóns de euros destinados a tal fin.

Ao respecto, do Campo recordou o Goberno galego triplicará en 2023 o seu esforzo orzamentario para axudar ao sector agrogandeiro na aplicación de medidas de prevención fronte aos ataques destes animais, mentres que a partida destinada a compensar os danos se mantén respecto á de 2022.

En todo caso, tamén avanzou que nos vindeiros días se modificará a última orde de axudas polos danos do lobo co fin de harmonizar os importes das compensacións en todos os concellos tendo en conta que a recente actualización do censo da especie en Galicia confirmou a súa presenza e extensión por todo o territorio galego. Estas contías, ademais, incrementaranse nun 10% no caso de que nas explotacións afectadas se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas fronte a estes ataques. Isto suporá, na práctica, que o incremento dos baremos respecto a 2022 podería chegar ata un 50%.

Neste sentido, cómpre indicar tamén que o mércores 29 de marzo a delegación catalá terá ocasión de asistir a unha reunión da comisión de valoración que se encarga desde hai anos de avaliar en cada provincia os danos comunicados polos gandeiros e as solicitudes de axudas, garantindo así a máxima transparencia de todo o proceso.

Por último, Belén do Campo aproveitou o seu encontro cos técnicos cataláns para agradecerlles a visita e o xesto de considerar a Galicia un referente tanto pola súa experiencia no seguimento poboacional da especie como na xestión das axudas fronte ao lobo. Por iso, considerou que este encontro pode supoñer tamén unha boa oportunidade para sentar as bases para establecer futuras vías de colaboración e intercambio de experiencias neste eido entre ambos gobernos autonómicos.

27 de marzo de 2023 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.