publicidade hoxe

Obradoiros gastronómicos “Á beira do mar” e “ Taller de mar” infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarreirosBurelaCariñoCedeiraCervoFozOrtigueiraRibadeoViveiroXove
A-
A+

O Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, en colaboración coa Federación de Comercio da Mariña, inicia este fin de semana os Obradoiros Gastronómicos “Á Beira do Mar”. Consistirá en realizar ó longo dos meses de maio e xuño, en distintas Vilas mariñeiras da zona da Mariña e Ortegal, un total de 12 Obradoiros Gastronómicos. Nun ámbito aberto, con acceso libre para o público (lonxas, mercados, prazas…..) montarase unha instalación de cociña portátil. O cociñeiro Suso Liste, da Escola de Hostalería de Foz, realizará á vista do público elaboracións sinxelas de cociña con produtos do mar da zona que estean en tempada. Será o encargado de ensinarnos cómo limpar e cociñar o peixe, cómo racionar un peixe, para saber o rendemento, cómo cociñalo, tanto en formato rápido como máis pousado, aproveitamento do mesmo para sopas fumets, etc. Lucas Requejo, de Prato-Do, será o encargado de explicar o aporte nutricional de cada receita, o estudo económico para mirar de rentabilizar as nosas comidas aproveitando os recursos da zona e as tempadas, explicando os soportes elixidos e facendo algunha reseña histórica no seu caso.

O acompañamento elixido para cada receita, será de produción ecolóxica e da contorna próxima. Invitarase ao público a participar, mostrándolles como tratar os produtos na cociña, dende a limpeza dos peixes ou mariscos, á terminación e presentación dos pratos. Para axudar á tanxibilización e ao recordo do evento, entregarase aos asistentes as receitas das elaboración realizadas polo cociñeiro, ademais doutro material promocional da zona. Deste xeito, poténciase ademais o consumo do produtos das lonxas e a imaxe do GAC 1 e da Federación de Comercio da Mariña. Estes obradoiros teñen un dobre obxetivo, a divulgación gastronómica dos produtos do mar da nosa zona costeira e ser un punto de atracción de público e de promoción das nosas Vilas.

Os obradoiros desenvolveranse en 12 dos concellos incluídos no territorio do GAC 1 A Mariña-Ortegal, concretamente na Mariña realizaranse os seguintes:

Dia 23 de Maio, en O Vicedo na C/ Ciudad de Mondoñedo (Casa da Cultura) de 16:30 a 20:30 horas.

Día 30 de Maio, en Xove no Campo da Festa de 17:30 a 20:30 horas.

Día 30 de Maio, en Viveiro na Praza da Fontenova de 11 a 14 horas.

Día 6 de Xuño, en Barreiros na Praza do Concello de 11:00 a 14:00 horas.

Día 20 de Xuño, en Ribadeo na Praza de San Roque de 11:00 a 14:00 horas.

Día 20 de Xuño, en San Cibrao (Cervo) no Clube Náutico de 17:30 a 20:30 horas.

Dia 27 de Xuño en Burela, na Praza do Concello de 11:00 a 14:00 horas.

Dia 27 de Xuño, en Foz na Praza Conde Fontao de 17:30 a 20:30 horas.

O resto de Obradoiros realizaranse na zona de Ortegal e serán: O 7 de Xuño en Ortigueira, o 21 de xuño Cariño, 21 de Xuño O Barqueiro e 28 de xuño Cedeira.

Con motivo das actividades propostas polo Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal (GAC 1), para a promoción do produto do mar dende A Mariña Lucense ata Ortegal, preséntanse tamén uns obradoiros para os nenos/as dos Concellos nos que terá lugar a intervención. Mañón, Cariño. Cedeira, Ortigueira, O Vicedo, Viveiro, Cervo, Xove, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, serán o escenario destas actividades que se realizarán os sábados e os domingos dende o 23 de maio ate o 28 de xuño do 2015. O obxectivo é Achegar ós mais pequenos ó mundo mariño.

A actividade constará duns obradoiros de pintura, nos que os alumnos representarán o mundo mariño, con todos os seus animaliños e plantas, así como personaxes fantásticos que eles mesmos queiran incorporar. A actividade será de carácter aberto, poderán participar nenos e nenas de tódalas idades.

26 de xuño de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.