publicidade hoxe

Moncho Borrajo o humorista galego por excelencia

moncho-borrajo1

Showman, dramaturgo, pintor, humorista… son numerosas as facetas nas que destacar o xenio e figura de Moncho Borrajo. En ocasións controvertido, pero coherente coas súas ideas, recolle o respecto do público tras máis de 40 anos sobre os escenarios e toda unha vida solidaria que garda con receo “un gran home”  de Baños de Molgas.

Ramón Borrajo Domarco

Idade: Nacín o 25 de decembro de 1949, teño 63 anos, natural de Baños de Molgas, provincia de Ourense e son cidadán do mundo.

Estudos: Comecei a facer arquitectura e deixeino, despois fixen aparellador, estudei belas artes en Valencia e os estudos maiores que son os da vida. Camiñar por estas corredoiras que temos que pasar e non sempre son rúas grandes e iso é o mellor que lle pode pasar a unha persoa ao viaxar.

moncho-borrajo-3

Coa carreira de arquitectura técnica e belas artes no seu haber, como lle di á familia que o seu é o humor?

Realmente non comecei polo humor, eu cantaba canción protesta en Valencia coa miña guitarra, actuaba e a xente íame máis ver polo que contaba entre cantiga e cantiga que polo que cantaba porque non entendían moito. Pero despois de traballar en moitos pubs naquela época, nos setenta, gañei o segundo premio da canción universitaria en Valencia, no ano 1972. É dende aí cando conto a miña carreira. Entón apareceu unha persoa de Barcelona que era José Llorens que era o mánager de Pedro Ruíz e díxome se quería traballar no seu local na cidade condal e cando cheguei atopeime cun local de excelente categoría, con tres mêtres, porteiro, gardarroupa… o mellor de Barcelona. Alí empecei, díxenllo a meus pais e meu pai díxome “fillo, eu o que quero é que sexas feliz. Dinche os estudos que eu pensei que deberías ter, xa os tes, agora fai da túa vida o que queiras”. E aí estou.

Ao longo da súa vida recibiría moitos premios, cal foi o máis importante?

Todos fan ilusión, pero o de Once Galegos de Hoxe foi importante, o Grelo de ouro, o Percebe de ouro en Barcelona foi importantísimo. O Melvin Jones de Estados Unidos pola miña actitude ante a sociedade que me gusta axudar á xente, que non me gustou que tivera que contar todas aquelas cousas pero foi un premio pedido polos leóns da Coruña a Estados Unidos. Despois hai moitos premios moi bonitos como un de Baños de Molgas cando fun a dar un pregón, outro en Xinzo de Limia, por todos os que me deron no concello da Coruña, de Vigo, de Ourense… eu síntome moi querido polo pobo.

Ten un montón de premios, terá que ampliar a casa [risas]?

Teño un museo en Baños de Molgas, na antiga estación, e a xente queda un pouco asoballada cando entra e ve todo iso. Como non salgo moito pola televisión hai xente que non coñece moito en Galicia pero cando se dan conta de todo o que fixen, os libros que escribín, as obras de teatro… quedan un pouco… pois que non sabían que fago tantas cousas.

Moncho BorrajoIndagando un pouco descubrín da súa faceta solidaria, porque ten a Fundación Moncho Borrajo. Que actividades desenrola?

Aínda estamos aí con ela, a idea era axudar a nenos superdotados e nenos con problemas da provincia de Ourense pero aínda andamos con ela porque sacaron as subvencións . Está visto todo o que temos que facer pero non funciona como tal porque non se asinaron as normas precisas dado que houbo problemas… había que aportar diñeiro que non se tiña. Pero a parte diso, sempre que podo traballar con cousas solidarias pois o fago pero, como di miña nai “o que fai a man dereita non ten porque sabelo a man esquerda”.

Ten feito de todo, humor, teatro, cantar… onde se sinte máis a gusto?

En todo porque meu pai que era xastre dicía que todo valía para todo, e o meu bisavó, que en paz descanse, din que cando morreu quitáronlle de todo nos petos. Eu penso que ata cociñar fai que teñas un ritmo e saber estar atento, esperar polas cousas, a pintura váleme para o teatro tamén, para as escenografías; ser fillo de xastre axúdame c o vestiario, ler axúdame a preparar os textos das actuacións, a música encántame, sempre me gustou, aínda que non estudei música pero xa fixen discos e algún pois encantado deles, como o de Charo Reina que era de copla e o de María do Ceo de fados…  o que sucede é que eu penso que nacín fóra de tempo, tiña que nacer no Renacemento que era o meu tempo para facer todas esas cousas que me agradan. Todo vén polas gafas, levo gafas dende os 7 anos e non podía xogar ao fútbol nin aos deportes que eu quería porque podían romperse e eran carísimas. Ademais sempre tiven disposición para o debuxo, na escola sempre tiña matrícula, gustábame debuxar e sempre fun o centro de atención de todo o mundo. Chegaba ao pobo e subíame á barra do bar e cantaba de Joselito… sempre fun moi armador, nunca fun un neno de estar nunha esquina calado, iso que era fillo único, “vinculeiro” como din en Ourense.

Acórdase da primeira vez que se puxo ante o público?

Foi na radio, en Vigo, o público os compañeiros da escola nos Maristas. No teatro, posiblemente no García Barbón de Vigo, na festa do colexio que fixemos un grupo que tocaba música e facía cousas de humor… tería eu 9 anos. Lémbroo con cariño; e unha poesía que recitei na radio “Más allá” e estaba nervioso porque me estaban escoitando na casa.

Sempre hai xente a que non lle gustas, se lle gustara a todos chamaríame Euro

Moncho Borrajo

Doou 5.000 obras á antiga estación do tren de Baños de Molgas?

Si, están gardadas. Supoño que cando me marche desta terra baixarei polo Arnoia, como fixeron miña nai e meu pai, as cendras por alí baixaron, deixarei os meus cadros e as miñas cousas para que alí queden gardadas. A estación está moi bonita, o museo moi fermoso… hai un albergue que está comezando a funcionar pouco a pouco, un restaurante, agora imos colocar unha carpa para 200 persoas… pensaba facer unha semana de cursos do humor para os compañeiros que están comezando ou os que xa traballan, facer uns encontros ou unhas masterclass de humor con xente importante e entre eles e eu prantexar como facer un chiste, un sketch, o tempo que ten que durar… e como hai albergue estaría ben porque poderíamos durmir alí.

Baños de Molgas pode estar orgulloso de Moncho Borrajo. Pódese dicir que é profeta na súa terra?

Eu penso que si, hai xente que me quere moito, miña nai xa era moi querida e moi representativa… eu son o fillo da Dondina non son Moncho Borrajo. Sempre hai xente a que non lle gustas, é normal, pero se lle gustaras a todos chamaríame Euro.

Nos seus espectáculos, cal é o público máis agradecido?

O máis agradecido son os nenos, sempre, e as mulleres. Eu penso que o que gaña ás mulleres como público ten gañado todo porque é a que arrastra ao home ao teatro e ás festas; se lle gusta di sen reparo “encantoume, que ben o pasei”; o home é máis calado “gustoume, si, estivo ben”. A muller sempre é un público moi agradecido e é moi intelixente, de burra non ten nada, hai que andar a modo e non meter a pata, eu creo que é o público máis agradecido.

Á hora de inspirarse, que é máis complicado de compoñer?

Máis que o que costa é o ter a idea, en canto tes a idea as cousas flúen, o malo é atopar o motivo, de que falar. Ademais, hai algo moi curioso e é que cando traballas o que pensas que era moi gracioso non funciona e o que pensabas que non ía funcionar, funciona. Tamén hai moitas cousas que improvisas un día tes que gardalo porque funcionou.

Como ve o panorama humorístico en Galicia?

Eu ando pouco por aquí, vexo que hai xente boa facendo monólogos pero creo que hai un problema; ao facer un humor dedicado os galegos unicamente estamos deixando de facer un humor xeral. Así como eu intentaba facer rir a andaluces, cataláns, vascos… ou galegos; agora en todas partes os cataláns fan un humor para eles, porque hai cousas que eles entenden  e ti non, os galegos temos unha retranca… nunca rematamos un chiste, xa a xente sabe o final. Trátase dun apartado un pouco perigoso porque podes quedar pechado nesta terra. Eu penso que está ben porque hai xente nova, que fai cousas novas, pero o problema e que, o que fai o humor non é o que escribe o monólogo, nótase moito que está dicindo unha lección, non o pasou polo seu tamiz. Hai unha frase antiga que di “bienaventurados nuestros imitadores porque de ellos serán nuestros defectos” o imitador nunca ten a xenialidade do imitado. Díxenlle unha vez a Miliki porque non me viña a ver máis, só viñera unha vez e el díxome que seu pai lle dixera “que cando vira un xenio que non volvera a velo porque intentaría imitalo sen darme conta”. Unha cousa é ser discípulo e outra cousa imitador.

Moncho Borrajo. Intimo

Para todo hai que nacer?

E tamén traballar. Hai que sentarse, cando tes unha idea anotala e traballar porque hai xente que a inspiración chega as 3 da mañá tomando viños e a esa hora o que chega é outra cousa.

O imitador nunca ten a xenealidade do imitado

Sempre foi controvertido, cre que as reivindicacións que fai o poden prexudicar?

Eu estou prexudicado de sempre, eu sei que teño que pagar un peaxe pola miña liberdade. Sei que se dixera vota Fulano ou Mengano os meus libros, os meus cadros… eu sería moito máis coñecido en toda España; pero son unha persoa que só ten o carné de identidade, non teño máis carnés. Tamén é certo que o respecto que colles cos anos non cho poden quitar, cando levas 41 anos traballando e manténdose sempre que pode nunha liña coherente, ao final a xente sabe que non te vendes. Eu penso que ir pola rúa coa cabeza levantada é moi importante. Unha cousa é pedir un favor para un amigo ou para ti, para traballar… meu pai sempre dicía “hai que ser servizal, non servil”. Tiven a sorte de comer co Rei e tamén comín cun varredor de Madrid e o mellor contou un chiste mellor o varredor.

Que consello lle daría aos lectores que está comezando no mundo do espectáculo?

Penso que o que hai que defender é o traballo ben feito. Que a xente que lea un diario debe pedir sinceridade e dignidade, que non se minta, que non se conten cousas por encher páxinas,que o que se teña que contar que se conte de verdade. Se hai que arriscar e contar cousas que se sabe que non van gustar a certo sector se son a verdade hai que dicilas. No mundo dos artistas estamos moi mal co 21% de IVE, eu chámolle terrorismo cultural, porque realmente está acabando cos libros, cos discos e con todo, e tamén hai certa televisión que semella que en lugar de promocionar aos artistas os está mercando de rebaixas, e iso dáme moita tristura. Fanlle ilusión a xente nun momento no que non se editan discos, non se fan xiras… é un mundo de concurso para sacar cartos.

Para rematar, defínase en tres palabras

É moi sinxelo, pequeno, persoa e con gafas.

Se mo permite, as tres palabras para definilo a vostede serían “un gran home”.

Moncho Borrajo 

Por: José Manuel Campos Silvares
Publicado o 7 de Novembro do 2013 | 8:07 p.m.