publicidade hoxe

A Xunta facilita a conciliación das familias de Beariz coa apertura dunha nova Casa Niño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBearizLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, realizou hoxe unha visita á casa niño Golfiños de Beariz (Ourense), que abriu as súas portas o pasado 20 de abril.

Este novo recurso para as familias da zona atende a catro nenos e nenas en horario de 8,00 a 16,00 horas e é unha das nove que entran en servizo na provincia de Ourense dentro da última convocatoria de axudas da Consellería de Política Social correspondente ao ano 2017. Así, ademais de Beariz, outros concellos que estrean casa niño son Baltar, San Amaro, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei e O Irixo. Deste xeito, sumando as convocatorias de 2016 e 2017, as dúas realizadas ata a data, Ourense conta con 27 equipamentos deste tipo.

Durante a súa visita, a titular do departamento autonómico insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as Casas Niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.

Amparo González sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto na comunidade “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que tamén constitúe un apoio ás persoas emprendedoras en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación.

Cómpre sinalar que as casas niño constitúen un recurso gratuíto para as familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

10 de maio de 2018 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.