publicidade hoxe

A nova edición de ‘Danza 3’ promove a música e o baile tradicionais en 12 concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaltarCarballoLocal PortadaMosMurosO IrixoOrosoOrtigueiraRedondelaRibadeoSanxenxoVilalba
A-
A+

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación e as agrupacións integrantes do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos– manteñen a súa colaboración para a difusión da música e o baile tradicionais a través do programa ‘Danza 3’, que inicia a súa edición de 2017 este sábado en Carral. O ciclo, que inclúe tanto actuacións na rúa como en recintos pechados, ofrecerá outras 11 citas noutros tantos concellos: Baltar, Carballo, O Irixo, Mos, Muros, Ribadeo, Oroso, Ortigueira, Redondela, Sanxenxo e Vilalba.

Con máis de oito anos de traxectoria, esta iniciativa busca impulsar a proxección social do vizoso patrimonio inmaterial que atesouran a música e o baile tradicionais, así como do labor de investigación, conservación e divulgación do folclore galego que desenvolven este tipo de agrupacións.

Calendario

A carteleira de 2017 arranca este sábado 10 de xuño, ás 11,00 horas, coa actuación que Xacarandaina levará a cabo no Campo da Feira de Carral. A formación coruñesa presentarase tamén en Carballo (8 de xullo na praza do Concello), Ribadeo (15 de agosto no Cine Teatro) e Ortigueira (26 de agosto na praza Isabel II).

Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, ten programadas outras catro representacións en Muros (1 de xullo na praza do Concello), Sanxenxo (27 de agosto na praza dos Barcos), Oroso (9 de setembro na alameda de Sigüeiro) e Vilalba (15 de outubro no Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray).

Pola súa banda, a formación viguesa O Fiadeiro actuará en Redondela (2 de xullo no paseo marítimo de Chapela), O Irixo (30 de xullo na praia Fluvial), Mos (6 de agosto no Auditorio do Torroso) e, xa en novembro, en Baltar.

No caso das actuacións ao aire libre, as agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística que se adaptará a cada un dos espazos e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada función será única e espontánea.

Espectáculos en recintos pechados

En canto ás tres citas que terán lugar en recintos pechados (Cine Teatro de Ribadeo, Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba e Auditorio do Torroso de Mos), as postas en escena desenvolveranse a xeito de gala ou espectáculo total.

Para esta ocasión, Xacarandaina porá en escena a montaxe Patrimonio inmaterial, a través da que fai un percorrido polas diferentes manifestacións do folclore galego (vestiarios, músicas, cantos e bailes), incidindo na súa posta en valor como parte indispensable da nosa tradición e cultura.

A proposta de O Fiadeiro tamén subliña a variedade e riqueza de ritmos, xeitos de tocar e vestiario tradicional en Galicia. Medio cento de artistas serán, neste caso, os encargados de interpretar as diferentes escenas que recrean algunhas das festas máis populares.

Cantigas e Agarimos representará Balbino, o espectáculo co que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas. Nel, máis de 90 artistas sitúan o público no escenario vital dun neno de aldea, desenvolvendo unha proposta multidisciplinar a longo das diferentes escenas que reflicten como era a sociedade galega de mediados do século pasado.

Con estas montaxes, o colectivo do colectivo XOC –que suma máis de 1.500 socios– homenaxea, así mesmo, a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas.

7 de xuño de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.