publicidade hoxe

O Noia Harp Fest celébrase desde este xoves en Noia diversificando a oferta turística do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFestas PortadaLocal PortadaNoiaPortada dereitaProvincias
A-
A+

No marco da estratexia da Xunta de Galicia por intensificar e diversificar a oferta turística do verán en distintos concellos galegos a través de festivais e concertos, Turismo de Galicia apoia a 11ª celebración do Noia Harp Fest que dará comezo este xoves na vila coruñesa e que reunirá prestixiosos músicos nacionais e internacionais.

O evento musical ofrecerá desde o xoves tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística nas que o protagonista absoluta será, de novo, a arpa con bandas e solistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania, que se amosarán a súa notable calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou mesmo o jazz. Figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk serán parte dun cartel que, como é habitual, tamén integrará artistas e colectivos galegos.

O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, este ano contará con seis espazos sede do evento, á fin de poder ofrecer desde concertos íntimos até propostas máis amplas. Deste xeito, os directos terán lugar nas xa habituais Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal; e ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, á fin de espallar a proposta musical pola localidade e, como vén sendo habitual no evento, a entrada de todos os directos será de balde.

O 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común.

Músicas de raíz

A xornada inaugural pecharase ás 20,00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro. Nesta folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF. A segunda xornada transitará polas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos contan con millóns de visualizacións na plataforma Youtube, ofrecerá un recital ás 19,00 horas do venres 9 en Santa María A Nova. Pola noite a programación terá lugar no Teatro Coliseo Noela con Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que achegará un dos directos máis esperados deste NHF.

A terceira e última xornada desta edición chegará o sábado 10 de agosto, día no que a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento. Será un concerto íntimo no que o público poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha intérprete que, ademais de ter actuado con diversas orquestas nas principais salas europeas, ten colaborado con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.

Xa pola noite, a partir das 21,00h, a Praza do Tapal acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar presentará o seu LP Chimera. O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO.

5 de agosto de 2024 | 15:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.