A Xunta emite informe ambiental favorable ao proxecto para a conversión do corredor Brión-Noia en autovía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBriónGaliciaLocal PortadaNoiaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o anuncio polo que a Xunta fai público o informe de impacto ambiental favorable do proxecto de conversión do corredor Brión-Noia en autovía.

Así, unha vez analizado o proxecto construtivo o treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+640 e 21+300 e considerando as alegacións presentadas e os informes emitidos polos órganos sectoriais, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emite informe de impacto ambiental favorable dado que non son previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente.

Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.

O trazado que se proxecta terá unha lonxitude de 9,66 km, iniciándose no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finalizando no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase de conversión en autovía supón o 60% da lonxitude de 18,2 km da vía de altas prestacións Brión-Noia, aproximadamente.

A estrada proxectada no desdobramento será para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión.

2 de agosto de 2024 | 14:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.