publicidade hoxe

O Porto de Celeiro capea as crecentes restricións á pesca e mantense como gran provedor de peixe de calidade e capturado de forma sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvinciasViveiro
A-
A+

Os profesionais da pesca galega están a tratar de capear unha contorna de restricións crecentes a súa actividade co único obxectivo de continuar a levar á mesa dos consumidores peixe de calidade que se captura de forma sostible e respectuosa co medio. É o caso dos que traballan no Porto de Celeiro, o máis importante de Galicia tanto en descargas como en facturación dunha especie tan importante como é a pescada, e que para o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, son un dos grandes referentes a nivel mundial en boas prácticas.

O titular de Mar acudiu hoxe a primeira hora á lonxa de Celeiro coincidindo coas poxas realizadas tralas descargas de varios buques. Neste contexto incidiu en que esta rula segue a ser unha das principais portas de entrada ao mercado de produtos do mar da maior calidade. Con preto de 12.800 toneladas foi o ano pasado a quinta lonxa con máis descargas de Galicia, e con 47 millóns de euros de facturación, a cuarta. A pescada, na que é líder na comunidade, representa case dez mil toneladas e preto de nove de cada dez euros facturados, con 41 millóns de euros.

Estas cifras conséguense a pesares do duro golpe que para o sector, e en especial para unha das frotas estrela deste porto da Mariña, a do palangre, supuxo o veto comunitario á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental que foi recorrido por parte do sector ante o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE), un proceso no que a Xunta participa como coadxuvante e que, despois da presentación de todos os escritos que están a ser estudados, agárdase que se celebre unha vista antes do próximo verán.

A este veto estanse a sumar novas vedas como a que ven de impoñer Francia nas súas augas territoriais no golfo de Biscaia para, de forma unilateral e saltándose toda a operativa comunitaria, protexer aos delfíns. Hai unha vintena de barcos galegos de Celeiro e Burela afectados, así como buques galos que descargan nos portos da Mariña e A Coruña, que contan con dispositivos acústicos disuasorios (pingers) nos que investiron e que serven para afastar aos cetáceos das embarcacións.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nada fixo para evitar este peche que se entende contrario á regulamentación europea e só se limitou a anunciar que se establecerán axudas por parada temporal obrigatoria. Un tipo de apoio que segue a faltar nos petos dos afectados pola paralización forzada en 2023 á frota do cerco polos recortes de capturas no xurelo, con preto dun cento de barcos que se ven agora obrigados a unha nova veda obrigatoria despois de que o Goberno español non fose quen de evitar novos restricións na negociacións da cotas de pesca para 2024, a pesares de liderar este proceso desde a presidencia do Consello da UE.

Profesionalidade da OPP-77

O titular de Mar realizou a visita ao peirao e a lonxa acompañado polo presidente de Puerto de Celeiro, José Novo Rodríguez, do director adxunto do grupo, Eduardo Míguez, e de outros responsables da organización de produtores pesqueiros, a OPP-77. Alfonso Villares destacou o bo facer en todas as fases do proceso, desde a de captura a cargo dos vintecinco palangreiros e volanteiros vinculados á OPP ao tratamento da materia prima e ao proceso de comercialización, onde contan coas marcas ‘Merluza do pincho de Celeiro’ e ‘Merluza de volanta de Celeiro’ para revalorizar o produto.

A través dunha importante labor de promoción, que mesmo acaba de levar á Feira Internacional de Turismo Fitur a súa pescada, os profesionais do Grupo Puerto de Celeiro OPP-77 conseguiron que esta especie fose incrementando o seu valor e acadase en 2023 un novo máximo con 4,24 €/kg. Un traballo en favor dos produtos do mar a través dos plans de produción e comercialización nos que a OPP conta co apoio da Xunta.

29 de xaneiro de 2024 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.