publicidade hoxe

A Xunta implantará desde o luns unha nova liña para facilitar os desprazamentos do persoal sanitario desde Lalín e Silleda cara aos hospitais de Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade porá en marcha o vindeiro luns día 17 unha nova liña de autobús que permitirá ao persoal sanitario dos municipios de Lalín e de Silleda acudir aos seus postos de traballo no Hospital Clínico de Santiago e no Hospital de Conxo.

Este novo servizo dá resposta ás peticións trasladadas polos usuarios e polos Concellos de Lalín e de Silleda, que demandaban maiores conexións cos hospitais de Santiago co obxectivo de adaptar os servizos ás quendas de traballo actuais do persoal sanitario.

A nova liña, cuxa denominación é Lalín-Hospital de Conxo, estará operativa todos os días da semana durante todo o ano e contará con 6 expedicións, 3 de ida e 3 de volta, con frecuencias distribuídas en horario de mañá, tarde e noite.

Para acudir ao hospital, o novo servizo de autobús sairá da estación de autobuses de Lalín ás 06,35, ás 13,35 e ás 20,35 horas. Para retornar aos seus fogares, os usuarios disporán de servizos que iniciarán percorrido no Hospital de Conxo ás 08,15, ás 15,15 e ás 22,15 horas.

A viaxe terá unha duración estimada de 1 hora e 10 minutos e o itinerario abranguerá as seguintes 15 paradas: Lalín estación e autobuses, Bergazos, Taboada, Silleda, Bandeira, Lamela, Penaporrín, Loimil, Balboa, Arnois, Ponte Ulla, Ribadulla, Santiago estación intermodal, Hospital Clínico de Santiago e Hospital de Conxo.

A Xunta atende deste xeito as peticións trasladadas polo persoal sanitario e polos concellos, no seu compromiso continuo por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

12 de xullo de 2023 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.