publicidade hoxe

A Xunta apela no Día Mundial do Medio Ambiente á responsabilidade no consumo de plástico para evitar o seu impacto sobre a contorna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaRiveira
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, apelou á responsabilidade e á racionalidade no consumo de plástico para evitar o seu impacto sobre a contorna no marco da celebración da Semana por unha Galicia sostible, organizada pola Xunta de Galicia co gallo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe, 5 de xuño.

Durante a súa intervención no acto organizado polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) no Parque Natural Complexo Dunar e Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Ángeles Vázquez incidiu en que “a contaminación por plásticos e os seus efectos prexudiciais na saúde, a economía e o medio ambiente non poden ser ignorados”.

De feito, logo de explicar que Nacións Unidas centrou este ano a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente nas posibles solucións á contaminación por plástico, a conselleira puxo en valor a unión e o traballo conxuntos da sociedade galega á hora de buscar as mellores fórmulas para afrontar os retos do futuro.

E, nesa liña, salientou o traballo de Viratec de compatibilizar a actividade económica co desenvolvemento sostible baixo os principios da economía circular. “O Goberno galego comparte este modelo e é moi consciente da importancia de manter un contacto permanente coas empresas e coas entidades sociais para o intercambio de experiencias e a posta en marcha de posibles solucións”, aseverou Ángeles Vázquez.

Cómpre lembrar que se estima entre 19 e 23 millóns de toneladas de plástico acaban cada ano en lagoas, ríos e mares. Máis polo miúdo, a conselleira puxo como exemplo que cada minuto véndense un millón de botellas de plástico en todo o mundo e cada un deses envases tarda uns 450 anos en descompoñerse.

Ante isto, Galicia avoga por avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible que supoña a redución de lixo de orixe industrial, o fomento da utilización de materias primas recicladas e do consumo de produtos feitos a partir delas e a aposta polo ecodeseño, que é unha peza clave na fase de produción para afondar na economía circular a través da prevención.

5 de xuño de 2023 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.