publicidade hoxe

Rueda valora a adhesión de Nueva Pescanova á Alianza Galega polo Clima como mostra de que Galicia aposta por un desenvolvemento económico máis verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaO GrovePontevedraPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta participou no acto da sinatura que se celebrou no Grove

O presidente da Xunta participou no acto da sinatura que se celebrou no Grove

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou a adhesión de Nueva Pescanova á Alianza Galega polo Clima como mostra de que Galicia aposta por un desenvolvemento industrial e económico máis verde. O titular do Goberno galego, que participou no acto de sinatura que tivo lugar hoxe no Grove, destacou que coa suma da empresa pesqueira alcánzanse as 60 entidades que nun ano adquiriron en Galicia un compromiso firme coa defensa do medio ambiente.

Alfonso Rueda recordou que falar da emerxencia climática non é só falar de futuro, senón de presente, xa que o período 2016-2021 marcou o rexistro de temperaturas máis cálidas desde 1880. Con estas actuacións “estamos a recoñecer un problemas evidente”, afirmou, que quedou constatado a semana pasada coa vaga de calor que viviu a Península en pleno mes de abril, un fenómeno do que Galicia non queda á marxe xa que leva anos rexistrando prealertas por seca.

O presidente da Xunta apelou á responsabilidade das empresas nese compromiso co clima e ao papel que xoga a Administración, clave para frear o cambio climático concienciando á cidadanía, pero tamén tendendo pontes e colaborando cos grandes proxectos que están chamados a transformar a economía de Galicia.

Neste sentido, Rueda agradeceu a Nueva Pescanova que se sumara á Alianza Galega polo Clima e que exerza así un papel “de exemplo para toda a sociedade” ao adquirir uns compromisos que velan polo futuro industrial e natural de Galicia.

Por unha banda, as entidades adheridas reforzan a aposta por un desenvolvemento industrial e económico máis verde; e por outra, defender a contorna natural e traballar por situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita fronte ao cambio climático. Ao respecto, o titular do Executivo destacou que as institucións que se están a sumar á Alianza Galega polo Clima, “que son as principais firmas galegas, as que contan con maior persoal e maior produción”, axudarán a seguir concienciando sobre unha “ameaza” á que a comunidade se vai enfrontar de “xeito planificado e con sentidiño”.

Liñas estratéxicas

A Alianza Galega polo Clima asume unhas liñas estratéxicas e uns deberes que van evolucionando de ano en ano pero que basean os seus compromisos na posta en marcha de accións para adaptar ou mitigar os efectos do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica; promover e apoiar a investigación vencellada ao clima e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara sistemas de enerxía de baixas emisións.

3 de maio de 2023 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.