publicidade hoxe

A Xunta convoca as axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior e seis bolsas en cooperación internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións anuais para proxectos de acción humanitaria no exterior e a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. As medidas, enmarcadas no Plan anual 2024 da Cooperación Galega, suman un orzamento de 659.000 euros.

A primeira das liñas de axudas, dotada con 550.000 euros, destínase ao apoio aos proxectos executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia neste ámbito. As iniciativas deben contar con socios locais que participen na súa execución e na xestión dos recursos, cun compromiso expreso. A duración máxima das actuacións será de 12 meses. Poden estar iniciadas desde o pasado xaneiro e deben rematar antes do 31 de decembro deste ano. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises – provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Formación en cooperación

Pola súa banda, a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento conta con 108.991 euros de orzamento, que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social.

A formación realizarase nun máximo de 12 meses entre outubro de 2024 e setembro de 2025 na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en Oficinas da Cooperación Española da Axencia Española de Cooperación Internacional (Aecid).

As persoas solicitantes deben ter residencia en Galicia e estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou similar. Ademais, entre os requisitos para optar a unha destas bolsas inclúese non ter emprego remunerado nin gozar doutra axuda deste tipo e tampouco desta en convocatorias anteriores.

Estas bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo principal apoiar a formación especializada de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica coas liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das bolsas noutros países, os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo. A Xunta leva investido desde 2009 máis de 1,7 millóns de euros para o financiamento de máis dun cento de bolsas.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do actual Plan Director da Cooperación Galega.

En ambas as convocatorias a presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes contado dende mañá.

10 de maio de 2024 | 13:52 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario