publicidade hoxe

A Xunta cubre case o 100% das prazas ofertadas nos campamentos de verán para a mocidade de 9 a 17 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Xunta realizou esta mañá o sorteo de prazas nos campamentos de verán ofertados para mozos e mozas de 9 a 17 anos no marco do programa estival de actividades da Dirección Xeral de Xuventude. En total puxéronse a disposición da mocidade 7.611 prazas en Galicia e 302 de intercambio con outras Comunidades.

No sorteo xeral cubriuse o 99,8% das prazas, mentres que no reparto específico das 100 reservas para inclusión adxudicáronse 91 prazas e quedaron 9 vacantes. As persoas adxudicatarias terán ata o 27 de maio para achegar a documentación requerida na convocatoria para a súa formalización. A información pode consultarse na web de Xuventude.

Ademais dos campamentos, baixo o lema O teu mellor verán, a Xunta oferta tamén durante os meses de xullo, agosto e setembro as seguintes actividades: campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades e no estranxeiro; programas de intercambio con outras Comunidades; programa Conecta Galicia para a mocidade galega no exterior; minicampamentos; uso de instalacións xuvenís e, como novidade este ano, actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos.

O total de prazas convocadas no conxunto do programa acada as 11.533. Supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego, encamiñadas a que a xuventude empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.

Uso de instalacións xuvenís

Hoxe tamén se publica no DOG a resolución pola que se permite a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Xunta por parte das asociacións xuvenís, as entidades que desenvolven actividades para a xuventude e os grupos de persoas mozas non asociadas. O obxectivo é facilitar á mocidade o acceso a estes espazos para o desenvolvemento de programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro.

En total foron ofertadas un total de 1270 prazas en 11 instalacións xuvenís, das que se adxudicaron 870 prazas a 20 entidades solicitantes. As prazas non adxudicadas son ofertadas en fase de resultas a calquera entidade que reúna os requisitos da convocatoria.

20 de maio de 2024 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.