publicidade hoxe

A Xunta destina 12 M€ a subministración dun innovador medicamento CAR-T para pacientes con linfoma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello autorizou hoxe destinar máis de 12 millóns de euros “a subministración dun medicamento CAR-T para pacientes con linfomas”. Unha compra que se enmarca na “aposta decidida” do Goberno autonómico por “ir á vangarda na loita contra o cancro” e avanzar “cara unha medicina máis personalizada”, indicou.

Rueda resaltou que o Servizo Galego de Saúd xa investiu 9.591.473 euros ata decembro de 2023 en fármacos CAR-T para tratar 60 pacientes. Este tipo de medicamentos convertéronse nos últimos anos na principal terapia inmunocelular contra o cancro e forman parte da familia dos medicamentos de terapia avanzada. Así, a diferenza dos medicamentos tradicionais, estes obtéñense a partir de compoñentes vivos manipulados, neste caso, células. Para a fabricación de CAR-T utilízanse linfocitos T, que se extraen do paciente a través dunha técnica de leucoférese para seren modificados xeneticamente no laboratorio e, unha vez administrados de novo ao paciente, terán maior capacidade para recoñecer e destruír as células cancerosas.

Desta forma, tal e como explicou o presidente, co expediente de contratación autorizado hoxe prevese a dispoñibilidade do medicamento Tecartus, indicado para o tratamento de pacientes adultos con linfoma de células do manto “que non responden a ningún tratamento” ou ben “sofren unha recaída tras probar dúas terapias convencionais”.

Ata o de agora xa foron tratados no Sergas 3 pacientes con Tecartus na indicación de linfoma de células de manto. Rueda explicou que a estimación “é tratar cada ano a 10 pacientes con este tratamento”.

O titular do Goberno galego destacou que “só o País Vasco” aposta “como a sanidade galega” por tratar con estos innovadores fármacos aos pacientes con linfomas. Nesta liña lembrou que Galicia se está “a consolidar coma un referente na Oncoloxía” a través “de cribados, de tratamentos de última xeración ou investigando desde aquí novas terapias”.

Investigación galega en novos fármacos

Os fármacos CAR-T forman parte das terapias avanzadas, que nalgúns casos acadan taxas de resposta do 80 %. Grazas á apertura do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, o Sergas conta cun centro orientado á práctica clínica e científica que preve tanto produción de medicamentos para actividade asistencial como investigadora.

Neste momento están en marcha cinco proxectos colaborativos con centros autonómicos e nacionais para que grupos de investigación dos hospitais e das universidades deseñen os fármacos fabricados polas propias institucións sanitarias. Dentro do programa de I+D do centro galego, un dos doutorandos que forma parte do cadro do persoal está a traballar baixo a dirección conxunta da doutora África González (UVigo) nun novo CAR-T fronte tumores sólidos gástricos e pancreáticos. Mentres tanto, outro dos doutorandos está a explorar a modificación xenética dos linfocitos T a través de nanopartículas en lugar de lentivirus, baixo a codirección da doutora María José Alonso (USC).

Desta forma, a Xunta aposta pola futura produción de CAR-T académicos feitos en Galicia para, xunto cos fármacos comerciais, seguir aumentando as posibilidades terapéuticas de pacientes con determinados tipos de cancros do sangue.

O Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia está situado no Campus Universitario de Santiago de Compostela. Nos seus preto de 1.000 m2 dispón de salas brancas e áreas de criopreservación, laboratorios de control de calidade, ademais de almacéns, despachos e áreas técnicas destinadas a usos auxiliares e administrativos.

20 de maio de 2024 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.