publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a Lei do litoral de Galicia como exemplo a seguir para as comunidades que aspiran a xestionar a súa propia costa

Ángeles Vázquez no III Foro Costas e Litoral

A Xunta reivindica o papel da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como modelo e exemplo a seguir para todas aquelas comunidades autónomas que aspiran a asumir a xestión directa da súa propia costa no marco das competencias que teñen legalmente atribuídas.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao conselleiro balear de Mar e do Ciclo da Auga, José Manuel Lafuente, e ao director de Costas, Portos e Aeroportos do Goberno valenciano, Vicente Martínez, durante a reunión de traballo que mantiveron en Eivissa horas antes da súa participación no III Foro Costas e Litoral. Reflexións para unha necesaria reforma da actual lexislación de costas.

En declaracións previas á xuntanza, a responsable autonómica expuxo as bases do modelo de xestión integrada e sostible da costa polo que apostou a Xunta cando en setembro do ano 2022 decidiu impulsar a primeira lei do litoral de Galicia, unha norma, dixo, “ambiciosa, con vocación de futuro e de consenso”.

De feito, lembrou que a lei foi aprobada polo Parlamento galego en xullo do ano pasado sen ningún voto en contra e tras un proceso intenso e moi participado no que quedou claro, segundo explicou, que a intención da Xunta era defender os lexítimos intereses da Comunidade e da súa franxa costeira en desenvolvemento das competencias exclusivas en materia de ordenación do litoral recoñecidas no seu propio Estatuto de Autonomía.

Tras lamentar que este impulso sen precedentes á xestión da costa galega se vira paralizado durante seis meses polo recurso interposto polo Goberno central, Ángeles Vázquez subliñou que coa sentencia emitida o pasado 23 de abril, o Tribunal Constitucional “avala por unanimidade a lei galega” e polo tanto, “dálle a razón á Xunta sobre a validez e a constitucionalidade” da norma, ao tempo que admite a competencia exclusiva de Galicia sobre o seu litoral e os usos e actividades que pode acoller, sen necesidade de reformar o actual marco estatutario.

A conselleira salientou tamén que Galicia “lidera” a nivel nacional a xestión integral do litoral, sendo a primeira comunidade en regular por lei a costa en toda a súa extensión, é dicir, mar dentro e terra dentro, e neste sentido interpretou o convite recibido para participar no foro balear sobre o futuro da normativa sectorial nesta materia como un claro exemplo do peso que ten a opinión da Xunta e a súa visión do litoral.

Regulamento de costas

Tras incidir en que o aval do Constitucional non só habilita a Galicia a continuar co desenvolvemento e aplicación da Loxilga senón que abre a porta a que comunidades como Baleares, Valencia ou tamén Canarias —que xa anunciou que tras a sentencia se sente avalada para dotarse da súa propia norma— lexislen e definan como queren xestionar a súa propia costa, Vázquez Mejuto puxo á súa disposición o apoio e asesoramento da Xunta e dos redactores da lei galega nese proceso.

De feito e aproveitando a reunión co seu homólogo balear e co director de Costas, Portos e Aeroportos valenciano, ofreceuse a acompañar a ambos gobernos no desenvolvemento da súa futura norma de costas e apelou á unión das comunidades costeiras que viven de cara ao mar para poñer “freo” aos intentos reiterados por parte do Goberno central de “eliminar calquera actividade humana” da paisaxe costeira.

A modo de exemplo, os tres responsables autonómicos coincidiron na súa preocupación polo futuro regulamento de Costas, no que o Goberno central xa anunciou que está a traballar tras a anulación do anterior a raíz do recurso presentado ante o Tribunal Supremo por unha plataforma de afectados de Formentera.

“O esforzo de Galicia abriu o camiño para outros”, declarou Vázquez Mejuto, quen considerou que “chegou a hora” de que o Executivo de Pedro Sánchez recoñeza dunha vez que as comunidades autónomas “poden e queren xestionar libremente” a súa costa tal e como avalan os seus estatutos, a súa experiencia na xestión dos seus respectivos territorios e agora tamén o propio Constitucional.

Neste sentido, a conselleira considerou que a Loxilga é unha lei clave para Galicia xa que aborda a ordenación dos seus máis de 2.500 km de costa desde unha tripla perspectiva (ambiental, social e económica). A tal fin, subliñou que fixa un marco duradeiro de seguridade xurídica e que ademais de coidar do aspecto medioambiental de maneira escrupulosa, garante a función social da costa e busca consolidar o seu futuro e a protección dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos.

Precisamente, os principios inspiradores da lei do litoral galega centrarán parte da intervención Galicia: un modelo para a xestión integrada e sostible do litoral que impartirá esta tarde Ángeles Vázquez no marco do III Foro Costas e Litoral, organizado pola Cámara de Comercio de Eivissa e Formentera coa colaboración do Goberno balear e que reunirá a un grupo de expertos e catedráticos especializados na costa e en cambio climático, ademais doutros representantes de entidades locais e autoridades das comunidades de Illas Baleares, Valencia e Galicia.

9 de maio de 2024 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.