publicidade hoxe

A Xunta conmemorará o 17 de maio tamén desde o ámbito deportivo coa X Carreira Camiño das Letras

A Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude colabora un ano máis coa Carreira Camiño das Letras, unha proba cultural e deportiva impulsada por Xurdir que ten por obxectivo celebrar as Letras Galegas e poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte. Así o explicaron esta mañá o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que participaron na rolda de prensa para dar a coñecer os detalles desta actividade, que terá lugar o propio día 17 de maio.

Os representantes da Xunta de Galicia puxeron en valor o papel que desenvolve a Carreira Camiño das Letras xa que conxuga achegarlle a toda a sociedade unha das festas máis importantes da nosa cultura, “á vez que propicia sacala á rúa e asociala aos valores que promove o deporte”. No acto tamén participaron Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; Ovidio Tato, alcalde de Boqueixón; Pilar Lueiro García, concelleira de Deportes de Santiago de Compostela; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, e Ignacio Seijo, director-xerente de Xurdir.

Esta actividade enmárcase na programación que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o día das Letras Galegas e homenaxear a escritora coruñesa Luísa Villalta.

Dúas probas absolutas

A X Carreira Camiño das Letras, que como cada ano forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, constará de dúas probas absolutas nas que poderán participar atletas federados ou sen federar, unha de 15 km, que partirá ás 10,00 horas do Pico Sacro e percorrerá a Ruta da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 km, que comezará ás 10,05 horas no Gaiás e seguirá un circuíto polo Bosque de Galicia.

Ademais, a partir das 12,00 horas, a rapazada tamén poderá participar desta celebración nalgún dos circuítos habilitados na Cidade da Cultura, que van desde a categoría sub 6 á sub 16.

As persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o martes 14 de maio ás 23,50 horas. Despois, poderán recoller os seus dorsais na sede de Xurdir, en Santiago de Compostela, momento en que recibirán como agasallo un libro e o diploma Camiños das Letras. Ademais, o día das probas haberá servizo de autobuses e gardarroupa desde a Cidade da Cultura ao Pico Sacro.

As tres primeiras persoas clasificadas das proba de 15 km e 5 km recibirán cadanseu trofeo especialmente deseñado para a proba mais un lote de libros; as tres primeiras clasificadas de cada unha das restantes categorías recibirá un lote de libros, e o club federado e o colexio do que máis atletas rematen as probas recibirán un trofeo e un lote de libros.

10 de maio de 2024 | 14:05 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario