As probas de competencia clave celébranse en Silleda e a próxima semana na sede de Fademga de Santiago e en centros de menores e penitenciarios
O recinto feiral internacional da Fundación Semana Verde de Silleda acollerá mañá as probas de competencias clave que convoca a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para incrementar a calidade da formación, axustala á demanda de cualificación profesional requirida e mellorar as posibilidades de inserción profesional das persoas desempregadas.
Co fin de facilitar a realización destes exames a persoas que doutro xeito non se poderían presentar ou lles resultaría máis difícil facelo, as probas terán lugar tamén a vindeira semana nas instalacións de Fademga en Santiago de Compostela, no centro de reeducación de menores Concepción Arenal da Coruña, así como nos cárceres de Pereiro de Aguiar, Teixeiro e da Lama.
As competencias clave, en concreto, facilitan o acceso aos requisitos de formación necesarios para participar nos cursos para os certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 a aquelas persoas que non as posúen. O número de persoas inscritas para tomar parte nas probas de matemáticas, galego, castelán e inglés nesta convocatoria son para o nivel 2 de cualificación un total de 2.109 e para o nivel 3 son 962.
A publicación dos resultados provisionais das probas está previsto para finais do mes de xuño, abríndose un prazo para reclamacións de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave. Nesta web tamén poderán consultarse os resultados definitivos unha vez que sexan revisadas as reclamacións que se poidan presentar.
Para o correcto desenvolvemento destas probas hai despregado un operativo de máis de 80 persoas encargado de que todo se realice de xeito correcto e con total seguridade.