Rueda destaca a importancia da sustentabilidade como un compromiso ambiental, social, económico e de goberno
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca a importancia da sustentabilidade como un compromiso ambiental, social, económico e de goberno. Na primeira edición da Xornada Tripla Hélice organizada polo Foro Empresa Pontevedra, o titular do Goberno galego incidiu en que traballar a prol da sustentabilidade é garantía de futuro e que nese obxectivo deben coincidir tanto as empresas como as administracións e a sociedade en xeral.
O mandatario galego invitou as administracións a “predicar co exemplo” e aplicar a sustentabilidade na xestión ao entender que a estabilidade, a planificación e o rigor son as mellores receitas contra a incerteza e a improvisación. Asegurou que ese modelo de xestión é o que interesa a inversores: “A sustentabilidade ten que empezar por un mesmo”, subliñou. Alfonso Rueda amosouse convencido de que esa é a mellor fórmula para atender ás persoas “sen deixar a ninguén atrás” e para axudar ás empresas.
O presidente da Xunta salientou que o coidado do medio ambiente está tamén detrás da futura Lei de recursos naturais, concibida coa intención de que os beneficios que xeren as materias primas teñan un impacto directo positivo no territorio e na cidadanía. Por outra banda, adiantou que o Consello da Xunta aprobará mañá o proxecto da Lei do litoral para adaptar a conservación do medio ambiente á realidade de Galicia.
No referente as infraestruturas, recordou que as demandas de Galicia van neses mesmo camiño, tendo en conta que “nada hai máis sostible que o transporte ferroviario”.
O presidente da Xunta subliñou que o modelo de sustentabilidade é transversal e afecta a moi diferentes eidos da vida, polo que animou a toda a sociedade galega a poñelo en práctica como unha iniciativa de futuro e con futuro.
Sociedade Impulsa Galicia
Atendendo ao modelo da tripla hélice, Galicia conta coa Sociedade Impulsa, que naceu para identificar e dar viabilidade a proxectos tractores para a economía como a planta de fibras téxtiles de Altri; a de biofertilizantes que proxectan Reganosa, Repsol e Naturgy, en Meirama; o centro de datos que deseña Ingenostrum ou a factoría de hidróxeno verde de Reganosa e a EDP.
O mandatario galego, con todo, recordou que para poñelos en práctica é preciso contar con fondos europeos e, nese sentido, puntualizou que os Next Generation priman, precisamente, a sustentabilidade da que poden presumir os proxectos presentados por Galicia.