publicidade hoxe

A Xunta avaliará de xeito periódico o grao de cumprimento do III programa Muller e Ciencia 2022-2025 que pon o foco na retención do talento feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Sesión plenaria da Unidade Muller e Ciencia

Sesión plenaria da Unidade Muller e Ciencia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, expuxo hoxe na sesión plenaria da Unidade Muller e Ciencia os puntos principais do III Programa Muller e Ciencia 2022-2025, que se aprobou recentemente en Consello da Xunta cun orzamento de 44,7 millóns de euros, quintuplicando o investimento da planificación anterior co reto de lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Un dos obxectivos prioritarios desta iniciativa é avanzar no respecto á diversidade e reter o talento feminino como motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico, social e sostible de Galicia.

Na xuntanza celebrada en Santiago de Compostela, Lorenzana destacou que o programa inclúe cuatro eixos, dos que un se incorporou nesta edición, o de vixilancia da situación das mulleres no eido da ciencia, mediante a avaliación periódica do grao de cumprimento do programa e dos seus indicadores. Na reunión de hoxe precisamente sentaronse as bases para levar a cabo a avaliación desta iniciativa, que contou para o seu deseño coas aportacións chegadas dos diferentes departamentos do Goberno galego, de asociacións de mulleres científicas e de representación das empresas e centros de ámbito tecnolóxico. En concreto, o seguimento farase anualmente, a principios de ano “co obxectivo de poder ir impulsando ao longo da vida do plan aquelas medidas que conten cunha execución menor”, apuntou Lorenzana.

Ademais do eixo centrado no seguimento do plan, o programa xira entorno a outros tres: a visibilidade das traballadoras nestes sectores, na idea de sensibilizar á sociedade, de impulsar o coñecemento de referentes femininas e de formar ao persoal docente para animar ás nenas na súa vocación; a promoción da igualdade no acceso das mulleres no ámbito da ciencia; e o impulso nas institucións públicas e privadas da aprobación de plans de igualdade, medidas antiacoso, a promoción de axudas específicas para o coidado de menores e dependentes ou mesmo o reforzo das iniciativas emprendedoras de mulleres en proxectos tecnolóxicos e científicos, en especial no medio rural.

O documento contribuirá a promover e difundir en Galicia os contidos da denominada lei Ánxeles Alvariño de 2021, que supuxo un salto cualitativo na consolidación dun marco que avoga pola creación de novas cátedras, o impulso do liderado feminino no eido da investigación, do talento feminino e das vocacións e da eliminación das barreiras que por razóns de conciliación ou coidado estaban a padecer as mulleres nestes sectores.

Máis mulleres docentes e catedráticas

A Xunta espera que as actuacións derivadas do mesmo teñan incidencia directa na carreira profesional de centos de galegas; en concreto, estima que unhas 600 mulleres poidan incorporarse ao ámbito investigador e unhas 30 poidan optar a desenvolver postos de carácter directivo. En palabras de Lorenzana, a Xunta acometerá accións ata o ano 25 coas que se pretende contribuír a incrementar en 5 puntos a porcentaxe actual de mulleres entre o persoal docente investigador, para pasar do 42% a un mínimo do 47%. Tamén se aspira a subir tres puntos a proporción de mulleres catedráticas, ata polo menos o 27%.

O III Programa Muller e Ciencia enmárcase no VIII Plan Estratéxico de Igualdade de oportunidades que conta cun orzamento de 935,5 millóns de euros, un 138,8% máis que o seu predecesor, sendo o maior da historia dun documento de planificación destas características.

Ademais é coherente coa nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes que o Goberno galego está a elaborar, co obxectivo de seguir avanzando na igualdade a partires da unión dos poderes públicos para atallar discriminacións e integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade.

A conselleira, ademais, deu conta dos resultados da primeira convocatoria do Programa Investigo, as axudas públicas que, no marco do Plan Emprega Xuventude, permitiron financiar 382 contratos de menores de 30 anos desempregados en centros e empresas que desenvolven a súa actividade no campo da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Lorenzana destacou o éxito da iniciativa, xa que dos 382 contratos financiados 184 foron mulleres, case a metade.

10 de outubro de 2022 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.