O Polo de emprendemento de Silleda estrea a súa axenda formativa cun obradoiro sobre coñecementos básicos en emprendemento
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, inaugurou hoxe por videoconferencia o taller de competencias básicas de emprendemento no que participan 21 persoas do norte de Pontevedra e Rías Baixas, área á que dá cobertura o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego situado en Silleda, que celebra a actividade en modalidade virtual.
No curso tomarán parte persoas con mentalidade emprendedora, cunha idea de negocio que aspiran a desenvolver seguindo a filosofía maker, que nace do movemento DIY (faino ti mesmo) e se basea na práctica e preconiza a idea de que todo o mundo pode enfrontar calquera tarefa co apoio especializado.
A actividade forma parte da oferta da Academia Makers, un proxecto enmarcado no programa transfronteirizo Emprende Makers co obxectivo de dinamizar a iniciativa empresarial en Galicia e o Norte de Portugal.
A directora xeral destacou o compromiso da Xunta para proporcionar aos makers ferramentas que lles permitan converter a súa idea ou prototipo nun negocio ou mellora innovadora ao servizo das empresas da Eurorrexión.
O taller de competencias básicas de emprendemento que se celebra ata o 28 de setembro, estreouse cunha primeira sesión en liña dun total de 20 horas que integran esta formación, distribuída en catro módulos sobre como presentarse ante as corporacións (módulo 1), como tratar aos clientes (módulo 2), como explotar as vendas (módulo 3) e un cuarto sobre a construción de modelos de negocio escalables e finanzas para o emprendemento.
A actividade está financiada con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep).
No mes de setembro están programadas actividades da Academia Makers tamén en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e en Coristanco (A Coruña). A través desta iniciativa, o Goberno galego agarda poder asesorar máis de 60 proxectos e dar orixe a unhas 30 empresas, 20 delas en Galicia.
As persoas interesadas poden obter máis información sobre a iniciativa e os polos de emprendemento en: www.emprendemakers.com/ e polosemprendemento.gal.