publicidade hoxe

Carlos Neira Suárez, coa obra “A comuna de Valdonelle”, convértese no sétimo gañador do Concurso Balbino de Relatos

Membros do xurado, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística e o editor

Membros do xurado, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística e o editor

“Unha obra que convida á reflexión sobre o neorrural”,así describiu o xurado do VII Concurso Balbino de Relatos a obra A comuna de Valdonelle, da autoría de Carlos Neira Suárez, natural do Concello de Mugardos, que se alzou como gañadora desta sétima edición.

O fallo foi determinado por maioría dun xurado composto por reputados profesionais do sector e que incluía a Carlos Loureiro (profesor e escritor), Xoán Carlos García Porral (profesor e escritor), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario).

A obra, A comuna de Valdonelle, presentada baixo o lemaCampeiras, alzouse co galardón pola súa “capacidade para reflectir o complexo mundo das relacións interpersoais a través dunha ficción que propón a construción dunha sorte de comuna societaria no rural, coas tensións que isto desata e o que de experimento social espella”.

Arquitecturizada con indubidable solvencia narrativa, o xurado subliñou o interesante perfilado dos personaxes e a eficiente progresión dunha trama que leva con forza da man ao lector ata a derradeira páxina.

Trátase unha novela que “aposta por unha escrita que convida á reflexión sobre o neorrural, cada vez con máis frecuencia habitado por urbanitas de orixe, que procuran nel novos espazos e xeitos de vida”.

O xurado tamén quixo destacar a considerable calidade da vintena de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos nos que a defensa do rural e a cultura galega se erguían como auténticos protagonistas.

Publicación

Recordamos que o gañador deste certame literario resulta premiado coa publicación da obra por Edicións Fervenza, así como a recepción dun premio económico por valor de 1.500 euros.

Comeza agora o proceso para dar forma á obra, coa previsión de que sexa presentada en próximas datas nun acto no que tamén se fará entrega do premio ao gañador.

Concurso

Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.

Colaboracións

O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.

Autor

Carlos Neira Suárez, naceu na bisbarra de Ferrol en 1950, converténdose nun destacado membro de Astano na década dos 80. Con vinculacións políticas, militou no PSG-EG chegando a converterse en concelleiro en Fene baixo o sino de Unidade Galega. Agora, xubilado do sector naval, centra a súa actividade no mundo da empresa e participando esporadicamente como columnista e colaborando con diversos medios xornalísticos.

En canto á súa faceta puramente literaria, ademais de participacións en publicacións de barrio e societarias, acadou o segundo premio no XV Certame Terras do Chamoso coa obra Cronoloxías.

O premio que agora acada, ao alzarse co VII Concurso Balbino de Relatos, supón a publicación do seu primeiro libro, A comuna de Valdonelle, que verá a luz neste 2022 da man de Edicións Fervenza.

9 de setembro de 2022 | 11:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.