publicidade hoxe

A Xunta duplica os fondos destinados a apoiar proxectos de autoconsumo e de enerxías renovables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do orzamento das convocatorias de axudas dirixidas a proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento con enerxías renovables, así como da liña para proxectos de enerxías renovables térmicas no sector residencial, que duplican o seu orzamento inicial ata alcanzar os preto de 74M€.

Con estas axudas, procedentes dos fondos europeos e incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o Goberno galego prevé unha mobilización de 225M€, así como aforros de 40M€ ao ano nas facturas enerxéticas de empresas, administracións e fogares.

O prazo para a solicitude dos apoios, de concorrencia non competitiva, permanecerá aberto ata 2023. Ata o momento, a administración autonómica xa aprobou 646 iniciativas que contribúen a impulsar medidas de aforro e eficiencia. Inclúense varias liñas dirixidas a fomentar o autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, por unha parte, e en fogares, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, por outra. Tamén se recolle unha convocatoria de renovables térmicas no sector residencial.

As axudas responden á aposta da Xunta de Galicia por apoiar o desenvolvemento das enerxías renovables en todos os ámbitos da Comunidade, así como impulsar o autoconsumo, obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030 e que tamén van en liña co Plan de medidas para o aforro e a eficiencia enerxética en fogares, administracións públicas e empresas impulsado pola Administración autonómica.

A Xunta segue, pois, comprometida co impulso dunha Galicia máis verde, fomentando o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios -fogares, empresas e administracións- co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

1 de agosto de 2022 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.