publicidade hoxe

Adxudicada por máis de 1,1 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Ribeiro e de Celanova

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 1,1 M€ as obras de mellora de firme en 3 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ribeiro e de Celanova.

Os traballos, adxudicados á empresa Extraco Construccións e Proxectos, S. A., contan cun prazo de execución de 4 meses. Está previsto que as obras se inicien a finais de agosto para rematalas este mesmo ano.

As intervencións levaranse a cabo nas estradas OU-411, OU-414 e OU-801, no seu transcurso polos concellos de Bande, Ribadavia, Verea, Cortegada, Pontevea, Padrenda e Quintela de Leirado.

De xeito máis detallado, na OU-411 os traballos desenvolveranse no treito entre o punto quilométrico 0, en Bande, ata a intersección coa estrada OU-801, en Agra, en Padrenda.

Na OU-414 actuarase desde o punto 0 na intersección coa OU-411 ata a intersección coa OU-213, en San Roque, no concello de Padrenda.

Na estrada OU-801 a actuación divídese en tres treitos: o primeiro, entre a intersección coa OU-405 ata o punto quilométrico 1+250, en Ribadavia; o segundo, desde o punto 10+460 ata o 13+810, en Cortegada; e o terceiro, do 15+440 ata o PQ24+150, en Souto.

A actuación consistirá no estendido de mestura betuminosa en quente e no selado de fisuras e fendas. Tamén se procederá á limpeza de gabias e nalgúns treitos executarase unha gabia de seguridade formigonada.

Ademais, realizarase o repintado da sinalización en todo o trazado das estradas e repoñeranse os captafaros nos treitos nos que se mellore o firme.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

20 de xullo de 2022 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.