publicidade hoxe

A Xunta celebra a resolución xudicial sobre Meirás e chama a seguir esta estratexia co resto de bens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSada
A-
A+

A Xunta de Galicia expresa a súa satisfacción pola decisión xudicial coñecida hoxe e que impide a retirada de determinados elementos situados nas Torres de Meirás en discusión coa familia Franco. O xulgado conclúe que ditos elementos son bens inmobles que forman parte do pazo e, polo tanto, deben permanecer no seu interior e no exterior e os xardíns, postura que foi defendida pola Xunta de Galicia durante a vista xudicial celebrada o pasado 30 de xuño.

“Temos que felicitarnos todos por unha resolución que dá a razón á Xunta e ás administracións que estamos implicadas neste proceso”, destaca o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha primeira valoración. Na súa opinión, “a decisión xudicial avala a estratexia da Xunta, que defende traballar con unidade entre as administracións e co máximo rigor, seguindo os criterios dos técnicos e xuristas”.

Como salienta Román Rodríguez, “este é o camiño no que debemos perseverar co resto de bens mobles vinculados á figura de Emilia Pardo Bazán e da Xefatura do Estado”, algo que a Xunta de Galicia leva defendendo nos últimos meses, ao pedir á Administración Xeral do Estado que amplíe a reclamación. “O auto evidencia que debemos seguir esta mesma estratexia xudicial co resto de bens”, afirma. Precisamente, o fallo do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña coñecido hoxe alude a esa posibilidade.

Román Rodríguez fai unha especial felicitación aos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que participaron na vista en calidade de peritos. “Son unha peza clave na resolución favorable”, subliña o conselleiro. De feito, o xuíz eloxia no seu auto “a súa cualificación e preparación” que, afirma, “quedou máis que acreditada”.

15 de xullo de 2022 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.