publicidade hoxe

O Sergas oferta 182 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaSilleda
A-
A+

Esta fin de semana continuarán a desenvolverse, no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, para cubrir un total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario iniciadas a fin de semana do 23 e 24 de abril.

En particular, esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir un total de 182 prazas.

Así, o sábado día 14, en xornada de mañá, están convocados os aspirantes a cubrir un total de 54 prazas das categorías de cociñeiro (24), mecánico (19) e terapeuta ocupacional (11). O número de aspirantes admitidos é de 1.123. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas.

O sábado día 14, en xornada de tarde, están convocados os aspirantes a cubrir 33 prazas de telefonista. O número de aspirantes admitidos é de 1.564. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 16:00 horas.

O domingo día 15, ás 9:30 horas, están convocados 786 aspirantes para cubrir 38 prazas da categoría de electricista.

O domingo día 15 en xornada de tarde, a partir das 16:00 horas, están convocados 856 aspirantes das categorías de pasador de ferro e técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, para cubrir 45 e 12 prazas, respectivamente.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Coa realización destes exercicios conclúen as probas selectivas para cubrir 680 prazas de 24 categorías/especialidades de persoal estatutario, que se iniciaron a fin de semana do 23 e 24 de abril, e que se están a desenvolver ao longo de seis xornadas de exame.

Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas

Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.

Entre outras, e tras a recente normativa aprobada polo Goberno, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda ás persoas aspirantes e persoal da organización que intervén nestas probas a prudencia e o uso da máscara, especialmente nas entradas e saídas ao recinto, cando se estea en movemento, cando non se poida garantir a distancia de seguridade de 1.5 metros de distancia, e de forma constante para os aspirantes e persoal que sexan sospeitosos e confirmados de covid e contactos estreitos de casos. Do mesmo xeito, o uso da máscara de forma constante polos grupos vulnerables de aspirantes (persoas de 60 anos ou máis, persoas con condicións de alto risco e mulleres embarazadas).

Como medidas organizativas, cómpre destacar a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

As persoas convocadas teñen dispoñible en Fides, no apartado relativo á súa inscrición na OPE, un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no enlace que de seguido se indica, figura a disposición dos aspirantes un vídeo titorial sobre o procedemento a seguir para obter o certificado-código QR, acreditativo para o acceso ás probas que as persoas aspirantes deberán levar impreso na data do exame.

https://www.sergas.es/Recursos-Humanos/Documents/1499/Video-FIDES.mp4

Non estará permitido o acceso das persoas aspirantes ao interior do recinto de realización das probas con teléfono móbil nin ningún outro dispositivo electrónico ou soporte con memoria.

13 de maio de 2022 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.