publicidade hoxe

A Xunta invita a “quedar en Galicia” e a desfrutar da súa oferta da man da nova edición do Bono Turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOutesPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda na entrega do primeiro Bono Turístico en Outes

Alfonso Rueda na entrega do primeiro Bono Turístico en Outes

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, invitou aos galegos a “quedar en Galicia” e a desfrutar da súa oferta da man dunha nova edición do bono turístico, unha campaña que arrincou hoxe en Outes cun acto simbólico no que o responsable de Turismo do Goberno galego fixo entrega da primeira tarxeta da iniciativa #QuedamosEnGalicia22, pensada para reactivar o consumo interno en temporada baixa.

O acto tivo lugar nas Cabaniñas do Bosque, un dos establecementos adheridos que foi escenario da entrega do bono turístico a unha veciña da localidade que, como milleiros de galegos, se presentara á convocatoria. Rueda, que asistiu acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puxo o complexo turístico como exemplo da calidade da oferta que ofrece a comunidade e á que poderán acceder os beneficiarios desta nova edición do bono, que xa nos vindeiros días comezarán a recibir as súas tarxetas prepagamento.

O vicepresidente primeiro en funcións amosouse convencido de que, se a edición anterior foi “unha historia de éxito de principio a fin”, esta superará aínda máis as expectativas. E non só porque nada máis saír a convocatoria se duplicara a demanda da anterior, con 20.000 solicitudes en 12 horas, senón tamén porque “Galicia está de moda” e porque, da man do Xacobeo, “non hai mellor alternativa para desfrutar dun tempo de lecer”.

Galicia liderou o ano pasado a recuperación turística en España, e agora no 2022, coa mobilidade internacional aberta e da man do Xacobeo, as cifras confirman que pode ser un ano histórico para o sector. Ademais de superarse xa as 50.000 compostelas, o que supón un récord de peregrinos desde que hai rexistros, os datos de ocupación turística indican que a comunidade galega rexistrou nos tres primeiros meses do ano preto de 576.000 viaxeiros e case 1,1 millóns de pernoitas, o que supón triplicar os datos do mesmos período do ano pasado. “Nunca houbo tantos peregrinos camiñando a Galicia nin tantos galegos quedando en Galicia”, asegurou Rueda.

Os primeiros beneficiarios das tarxetas xa poderán facer uso delas nas vindeiras semanas e teñen de prazo para consumilas ata finais de ano, coa excepción dos meses de verán, xa que a campaña está pensada para reactivar o turismo interno en temporada baixa.

Nesta edición, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60% restante segundo o importe escollido. Ao igual que o ano pasado hai tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos usuarios-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

A anterior edición do bono foi unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano.

6 de maio de 2022 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.