publicidade hoxe

A Xunta incorporou a 95 profesionais para poñer en marcha os programas previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou hoxe, no Hospital Álvaro Cunqueiro, as Primeiras sesións clínicas interautonómicas que, nesta primeira edición, se centran na saúde mental. Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que a Xunta xa contratou a 95 profesionais para poñer en marcha os programas previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia. “A saúde mental era xa un dos grandes retos pendentes do noso sistema sanitario antes da pandemia pero agora convertiuse en inaprazable e en prioritario”, -remarcou García Comesaña-.

O responsable da carteira sanitaria, que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, incidiu no apartado de saúde mental infanto-xuvenil, que é o tema principal da sesión, remarcando a posta en marcha de dúas unidades ambulatorias novas, unha en Vigo e outra na Coruña, e fixo fincapé en que o seu departamento ten en marcha as contratacións dos programas de hospital de día infanto-xuvenil en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, pendentes do peche dos seus espazos de instalación, da dotación de enfermería e dos plans funcionais.

Tamén destacou, en referencia á coordinación entre primaria e hospitalaria, a posta en marcha nas sete áreas sanitarias de programas de enlace, con profesionais da psicoloxía funcionando xa como ponte entre os centros de saúde e as unidades hospitalarias.

García Comesaña dixo que Sanidade xa traballa na segunda parte do Plan. Ao respecto sinalou a recente presentación do proxecto para construír no Álvaro Cunqueiro a que sería a segunda unidade de hospitalización infanto-xuvenil de agudos de Galicia, que se converterá en referencia para todo o sur da nosa comunidade.

Tamén subliñou o conselleiro as subvencións destinadas á realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, dotadas con 860.000 euros, un 30% máis que o pasado ano, abrindo unha nova liña específica de apoio a entidades que desenvolvan programas de prevención do suicidio.

Igualmente incidiu García Comesaña no traballo que vai levar a cabo a Fundación Galega de Medicina Xenómica para o desenvolvemento dun Plan de implantación de farmacoxenómica en psiquiatría, “que permitirá poder adaptar a prescrición a determinados biomarcadores individuais, optimizando a eficiencia dos fármacos e garantindo a seguridade do enfermo”.

O responsable sanitario agradeceu especialmente o traballo dos coordinadores das xornadas, os xefes de servizo de psiquiatría dos hospitais de Valladolid e Vigo, os doutores Fernando de Uribe e José Manuel Olivares, así como ao doutor Imaz, vicepresidente da Asociación Española de Psiquiatría do Neno e do Adolescente, e ao resto de relatores.

Temas a abordar nas catro sesións

As sesións clínicas hoxe inauguradas polo conselleiro, un total de catro, van permitir enriquecer os programas de saúde mental de cada comunidade autónoma grazas ás experiencias e ás boas prácticas que se poidan aportar dende os demais servizos de saúde.

Nesta primeira xornada intervirán profesionais de saúde mental e de atención primaria dos servizos de saúde de Galicia, Cantabria, País Vasco, Navarra, Cataluña, Madrid e Castela-León. Haberá presenza, tamén, de entidades do sector sociosanitario.

Hoxe falarase nesta sesión da abordaxe infanto-xuvenil. En setembro, dende Castela-León, tratarase a abordaxe da coordinación entre primaria e hospitalaria, e están previstas dúas sesións máis centradas na integración da saúde mental a través da telemedicina, a atención domiciliaria ou a atención sociosanitaria.

14 de xullo de 2021 | 10:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.